VII Época - 36

NEGOCIACIÓN DO CONVENIO DA LIMPEZA EN PONTEVEDRA

Como traballador da limpeza, precario, con contrato parcial e de substitución e que levo anos alternando esporadicamente este tipo de contratos sigo con preocupación as negociacións do convenio colectivo de limpezas da provincia de Pontevedra. De aí que a primeira persoa vaia colándose neste artigo. Aínda que o anterior convenio caducou no 2022 semella que non hai moita presa por resolver o tema pois nin está asinado o convenio nin se intúe que poda asinarse nos próximos meses.

Con moito atraso, houbo unha convocatoria de folga o pasado 10 de xaneiro ante a paralización das negociacións. O Sindicato de Limpezas e Mantemento de Vigo apoiou á folga e chamou a toda á afiliación a participar activamente no desenrolo da mesma. Así que a primeira hora da mañá, dende Pontevedra acudimos ao local do sindicato de Vigo para xuntarnos. Dende o Local saímos en piquete informativo percorrendo moitas rúas de Vigo para confluír coa manifestación convocada polas corporacións sindicais presentes na negociación do convenio. Cunha presenza importante de CGT, que poderiamos comparar coa de algunha das corporacións pese a gran diferenza de representación, sumámonos á manifestación.

Tras a folga continuaron as negociacións polo convenio e houbo 5 xuntanzas entre corporacións e patronal ata que o pasado 24 de abril na 15ª xuntanza CCOO, UGT e CIG decidiron levantarse da mesa polo que consideran unha falta de boa fe e compromiso por parte da patronal e declararon rotas as negociacións. Tardaron 16 meses en darse de conta do xogo da patronal e aínda así non se lles ve intención de forzar unha saída, mentres seguimos cobrando como no ano 2022.

Tal é a cegueira que o principal problema dos traballadores, a parcialidade dos contratos, non está a ser un tema a abordar. Son moitísimas as traballadoras que comezan a súa xornada laboral as 5 da maña e rematan as 9 ou 10 da noite encadeando traballo tras traballo regulado por dous e tres contratos diferentes con empresas diferentes que non facilitan a continuidade de horarios. Todo isto para levar apenas 1000 euros para casa nos mellores casos. Esto é debido a que a inmensa maioría dos contratos no sector móvense entre 1 hora diaria ou 20 semanais, 25 semanais e todas as variables que se che ocorran. As empresas levan anos apostando por non facer contratos a xornada completa e prefiren repartir a precariedade mentres para elas queda a riqueza e beneficios. Outro dos principais problemas é que as empresas convertéronse en grupos de empresas con centros especiais de emprego. É dicir, empresas que contratan a persoas cunha discapacidade recoñecida. Estes centros de emprego escapan dos convenios sectoriais e acóllense a tres convenios diferentes que existen para os traballadores con discapacidade. Evidentemente isto non é debido a un esforzo social para recoñecer os dereitos de estas persoas e que poidan ter unha vida en condicións, estes convenios rebaixan as condicións laborais enormemente e son unha fonte de explotación para estas persoas en plena expansión por este e outros sectores. Polo contrario, se a lei facilita esta explotación, non dificulta que as empresas burlen a necesidade de adaptar o posto de traballo á discapacidade e esixan o mesmo traballo que a unha persoa sen estas dificultades. Tampouco na táboa reivindicativa das corporacións figura unha compensación económica pola perda de poder adquisitivo dos anos pactados no anterior convenio por carecer dunha cláusula de revisión salarial axeitada.

Con esta cegueira que impide ver incluso o paso irremediable do tempo, non é estraño que a patronal se empodere e solte tranquilamente autenticas sandeces para mofarse. Non podía crer o que escoitaba cando acudín á última asemblea do convenio de limpeza o pasado 8 de maio convocada polas corporacións nos locais sindicais de Pontevedra. Contábanos unha representante sindical, a que dirixiu a asemblea, e que marchou rapidamente despois de expor a situación tamén rapidamente, que a patronal soltara que quería que se asinase unha especie de consentimento para que as empresas tiveran o poder, avalado por convenio, de aumentar a xornada a 12 horas no día mediante pacto voluntario co traballador. Esta pretensión, ilegal e fora das funcións dun convenio precisamente colectivo era tomada en serio polas corporacións que a rexeitaban, en vez de tomalo como una bravuconería fora de lugar. A patronal tampouco aceptaba unha suba salarial decente, nin unha cláusula de revisión salarial, nin unha redución da xornada anual…en fin.

Á mal chamada asemblea acudimos uns compas da CGT. Informáronnos que as negociacións estaban rotas e que as corporacións sindicais acudiran ao servizo de mediación de conflitos da Xunta de Galicia para resolver o convenio e que polo de agora a intervención deste servizo non fora aceptada pola patronal que ten pleno dereito a aceptala ou non, polo que seguíamos mirando o paso do tempo como uns papáns. Tamén informaron que tiñan convocadas dúas tímidas concentracións de protesta en Vigo e unha manifestación para dentro dun mes. Quedaba claro así que desconfiaban da mobilización das traballadoras da limpeza da Provincia de Pontevedra como xeito esencial de actuación no terreo sindical a favor dunha mediación da autoridade laboral do imperecedoiro goberno da Xunta de Galicia do PP. Intervimos na asemblea para dicir que o conflito non podía permanecer inmutable e que ou ben convocaban a clase obreira da limpeza a coller o conflito nas súas mans e programar medidas contundentes ou que debían acabar coa situación e asinar o convenio de unha vez. Respondéusenos que moi pouca xente estaría disposta a secundar unha folga e menos unha indefinida. Camuflaron na responsabilidade da “xente” unha responsabilidade que teñen en primeiro termo os representantes e delegados sindicais e que claramente aposta pola adormideira e polo lamento. De todos xeitos tiñan certa razón, pois loitar por unha táboa reivindicativa tan pobre e que non aborda os principais problemas do sector non é motivo de empoderamento nin de loitar pola xustiza e os propios dereitos que nin tan sequera reflexa. En fin, a mirar se asinan o convenio de unha vez e polo menos desconxelan os soldos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *