VII Época - 18

MEMORIA HISTÓRICA DAS LOITAS OBREIRAS COMO NECESIDADE DE CLASE

Nestes tempos de novo espertar dun fascismo que, en verdade, nunca marchou, a conservación, recuperación e difusión da memoria histórica das loitas das clases populares constitúe unha necesidade para a clase obreira.

Estamos a ver nacer unha sociedade que, a través de todos os resortes do poder, incluídos a academia e os medios de comunicación, está a ser creada baixo un modelo, non de sociedade do coñecemento como con desfachatez é publicitada, senón de “economía da atención”, como sinala a filósofa Adela Cortina, entrevistada por Borja Hermoso en “La conversación infinita” (2023). Unha sociedade na que é salientado só o máis rechamante, privado de calquera contexto tratando aos cidadáns como parvos, precisados de coñecer polo filtro do poder qué é bo, malo ou regular, a través dunhas mensaxes centradas no máis vistoso e no formato máis breve posible. Nese marco non resulta fácil entender que moitos dos dereitos e liberdades que hoxe desfrutamos son resultado das loitas e esforzos organizativos de traballadores e traballadoras que, como nós agora, enfrontaron a explotación e a opresión.

Resulta por tanto preciso non diminuír os esforzos que dende diversos axentes, tanto a nivel local como estatal ou mesmo internacional, tratan de continuar coa recuperación, a conservación e maila difusión do coñecemento das loitas da clase obreira protagonizou, ao longo do tempo e polo mundo enteiro, en defensa dunha sociedade máis xusta e libre. Pero non só polo coñecemento en si mesmo, se non para evitar a xeneralización de posturas que, sen ser novas, hoxe están a cobrar gran protagonismo, mantendo os revisionismos, a equidistancia, e mailo negacionismo fronte ao coñecemento e á difusión da memoria histórica de todo o que teñen significado as loitas da clase obreira e, nomeadamente, o carácter revolucionario e libertario das mesmas.

Por suposto, é seguro que fan falta moitos máis traballos de investigación sobre os diferentes feitos acontecidos nestas loitas, pero os estudios existentes son numerosos xa. O problema radica pois nese clima acultural dominante que fai preciso, pola nosa banda, os esforzos por darlle visibilidade e contexto de identidade de clase. Mais non como unha historia xa rematada, como episodios xa superados, pois entendemos que o movemento obreiro non é algo do pasado e que xa tería acabado o seu decorrer histórico, se non que resulta preciso que o fagamos dotándolle de sentido interpretativo e formativo para desenvolver a acción sindical e social contemporáneas.

Non podemos deixar de continuar a labor desenvolvida de estudo, documentación e recompilación de materiais, entendo estes como o conxunto dun patrimonio, material e inmaterial, que os traballadores e traballadoras destes tempos temos herdado daquelas mulleres e homes que enfrontaron antes que nós a loita contra o poder e o capital.

A recuperación e difusión desta memoria obreira é preciso contextualizala na identidade social que compartimos como membros da clase traballadora. Un sentimento de pertenza á clase obreira que representa unha identidade que é froito do conflito, resultado desas loitas e dos xeitos de organización que xeraron, e que precisamos coñecer e recoñecer como propias. A recuperación da historia obreira, das súas loitas e as organizacións que crearon, das súas condicións de traballo e as súas construcións revolucionarias, significará tamén a reconstrución da nosa identidade como traballadores e traballadoras, e a creación dun fío de continuidade histórica que nos sirva para tecer as nosas loitas do presente e as que virán no futuro.

En moitos momentos, a nosa memoria histórica como clase obreira ten sido minorizada, deturpada, demonizada e liquidada, pero podemos aínda descubrir que é unha longa e rica historia viva de loitas populares ao longo de dos séculos XIX e XX, e que continúa na actualidade, neste século XXI, adoptando en cada momento e en cada lugar, uns caracteres propios, unha inmensa práctica de loitas, novas iniciativas, experiencias e realidades… reflectidas nunha pluralidade de organizacións obreiras nos obradoiros, nas factorías, nos campos, nos barrios, nos centros obreiros… creadas sobre a base da solidariedade, o apoio mutuo e a cooperación, que debemos coñecer e que poden servirnos de referencia e orientación na procura actual e futura de novos camiños para resistir a esta tristura de presente e nos achegar á construción dunha sociedade sen explotados nin explotadores, do mundo que ansiamos construír.

Con este ambicioso obxectivo mais coa modestia dos medios e as forzas ao seu dispor, ten renacido hai xa uns meses, en marzo deste mesmo ano, o espazo web “Memoria Libertaria na Galiza” (http://memorialibertarianagaliza.org) onde, con máis de 300 entradas ata o de agora, estamos a recoller episodios destas loitas obreiras como os feitos en torno á Folga Xeral de 1901 na Coruña, a lembranza de compañeiros e compañeiras como María Manuela Vázquez Mejuto, a primeira muller en participar como oradora nun mitin obreiro alá polo 1903, a creación en Vigo de Solidaridad Obrera de Galicia en 1911, ou as loitas mineiras no Freixo, en Monforte de Lemos (Lugo), entre 1931 e 1933, así como, por suposto, a represión brutal do movemento obreiro trala sublevación fascista de 1936.

CGT Ensino – A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *