VII Época - 106

ADAPTACIÓN LIBRE DUN TEXTO DE JEAN BAUDRILLARD

Na nosa época actual, a da dispersión viral das redes, xa non hai desexo de revolución, senón unha circunvolución, unha metástase interna, unha autovirulencia febril que leva a estalar máis aló dos propios límites, a transcender a súa propia lóxica. Nada desaparece xa pola súa final ou pola súa morte, senón pola súa proliferación, contaminación, saturación e extenuación, por unha epidemia de replicación. Xa non un modo fatal de desaparición, senón un modo fractal de dispersión. O cancro como final.

Ao mesmo tempo, todo volveuse sexual, todo é obxecto de desexo: o poder, o saber, todo interprétase en termos de fantasías e de inhibición, o estereotipo sexual estendeuse por todas partes.

Na época da liberación sexual, a consigna foi o máximo de sexualidade co mínimo de reprodución. Tempo atrás, o corpo foi a metáfora da alma, despois foi a metáfora do sexo, hoxe xa non é a metáfora de nada, é o lugar da metástase, do encadeamento maquinal de todos os seus procesos, dunha programación ao infinito sen organización simbólica, sen obxectivo transcendente, na pura promiscuidade por si mesma que tamén é a das redes.

O corpo sexuado está entregado actualmente a unha especie de destino ambiguo, a transexualidade. Transexual no sentido de xogo sobre a conmutación dos signos do sexo e, por oposición ao xogo anterior da diferenza sexual, de xogo da indiferenza sexual, indiferenciación dos polos sexuais e indiferenza ao sexo como goce. O sexual repousa sobre o goce, o transexual repousa sobre a transformación, sexa esta a de cambiar de sexo ou os signos indumentarios, xestuais. En todos os casos, operación cirúrxica ou semiúrxica, signo ou órgano, trátase de prótese e, cando como agora o destino do corpo é volverse prótese do sistema, resulta lóxico que o modelo da sexualidade sexa a transexualidade e que esta se converta por todas as partes no lugar da sedución.

Todos/as somos transexuais. Do mesmo xeito que somos potenciais mutantes biolóxicos, somos transexuais en potencia. E xa non se trata dunha cuestión biolóxica. Todos/as somos simbolicamente transexuais.

Este triunfo do transexual guinda unha estraña luz sobre a liberación sexual das xeracións anteriores. Devandita liberación, lonxe de ser, de acordo co seu propio discurso, a irrupción dun valor erótico máximo do corpo, con asunción privilexiada do feminino e do goce, só sería quizá unha fase intermedia no camiño da confusión dos xéneros. A revolución sexual quizá só sería unha etapa no camiño da transexualidade. No fondo, é o destino problemático de toda revolución.

A transexualidade xeneral que se estende moito máis alá do sexo, en todas as disciplinas na medida que perden o seu carácter específico e entran nun proceso de confusión e de contaxio, nun proceso viral de indiferenciación que é o acontecemento primeiro de todos os nosos novos acontecementos. A economía convertida en transeconomía, a estética convertida en transestética e o sexo convertido en transexual converxen conxuntamente nun proceso transversal e universal.

A revolución cibernética conduce á persoa, ante a equivalencia do cerebro e da intelixencia artificial, á pregunta crucial: «Son un home/muller ou unha máquina?» A revolución xenética que está en curso leva á cuestión: «Son un home/muller ou un clon virtual?» A revolución sexual, ao liberar todas as virtualidades do desexo, leva ao interrogante fundamental: «Son un home ou unha muller?». En canto á revolución política e social, prototipo de todas as demais, conduciría á persoa, dándolle o uso da súa liberdade e da súa vontade propia, a preguntarse, segundo unha lóxica implacable, onde está a súa vontade propia, qué quere no fondo e qué ten dereito a esperar de si mesma. Aí está o indesexable resultado de calquera revolución: a indeterminación, a angustia e a confusión. Unha vez pasada a orxía, a liberación deixa a todo o mundo en busca da súa identidade xenérica e sexual, cada vez con menos respostas posibles, dada a circulación dos signos e a multiplicidade dos praceres. Así é como todos/as nos convertemos en transexuais. Do mesmo xeito que nos convertemos en transpolíticos/as, é dicir, seres politicamente indiferentes e indiferenciados, andróxinos e hermafroditas, asumimos, dixerimos e rexeitamos as ideoloxías máis contraditorias levando unicamente unha máscara, e transformándonos na nosa mente, sen sabelo quizá, en travestís da política.

Edra Velenosa (Adaptación libre e parcial dunha pequena parte do libro A Transparencia Do Mal)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *