VII Época - 118

A CGT DA CORUÑA CAMIÑO Á FOLGA XERAL DO 11N

Desde antes mesmo do anuncio da convocatoria, a CGT da Coruña xa viña participando activamente nas reivindicacións que se estaban desenvolvendo na cidade arredor do problema da vivenda, colaborando nas convocatorias do Sindicato de Inquilinas e da Plataforma polo Dereito á Vivenda, da que a CGT forma parte.

Nos últimos meses, a poboación coruñesa participou masivamente tanto na resistencia contra os desafiuzamentos, conseguindo deter dous deles a principios do verán en distintos barrios, como na organización de bloques de vivendas en loita, como o edificio da Gramela, situado nas proximidades do noso local sindical, onde a veciñanza celebra as súas xuntanzas.

Pero foi tras as sucesivas concentracións convocadas a raíz do desafiuzamento de Maricarmen en Madrid, a finais de setembro, cando a loita pola vivenda incrementou a súa intensidade. O día 3 de outubro, unha impresionante manifestación partiu do noso barrio do Agra do Orzán para rematar no centro da cidade, na zona do Parrote. Milleiros de persoas de todas as idades, entre elas moita xente nova, ateigaron as rúas para reclamar unha vivenda digna.

Nesas xornadas de loita, a convocatoria dunha folga foi reclamada de xeito claro nas rúas. A CGT foi a primeira organización sindical de clase en responder afirmativamente á petición formulada nese sentido pola Confederación de Sindicatos de Inquilinas, tal e como se anunciou no peche do XX Congreso Confederal da CGT en Parla (Madrid).

A CGT da Coruña participou na constitución, impulsada polo Sindicato de Vivenda da Coruña, dun Comité Municipal de Apoio á Folga, no que participan máis de 35 entidades sindicais, sociais, culturais e xuvenís da cidade. Esta iniciativa foi estendéndose mediante a creación de comités semellantes nos barrios, ata chegar actualmente a case todos os barrios coruñeses e mesmo a localidades da contorna. Tamén se constituíron comités sectoriais da mocidade e do estudantado.

Nas empresas con presenza sindical da CGT promovéronse resolucións a prol da folga por parte dos comités de empresa. Ademais da elaboración de materiais informativos e de propaganda propios, no serán do pasado 28 de outubro organizamos un acto informativo no salón de actos da casa sindical, no que preto de medio centenar de persoas compartiron as súas preocupacións e se resolveron dúbidas sobre o exercicio do dereito á folga.

O acto rematou cun chamamento a non só deter a produción nas empresas, senón tamén a levar a cabo unha folga de consumo e a volver encher as rúas, participando nos piquetes e nas manifestacións que se convoquen.

Nos días que restan ata a xornada de paro xeral, a CGT da Coruña continuará desenvolvendo a súa axenda de accións, tanto en colaboración co Comité Municipal de Apoio á Folga como mediante iniciativas propias, co obxectivo de facer realidade a reivindicación dunhas condicións de vida dignas para a clase traballadora e avanzar na organización das clases populares para a defensa dos seus dereitos.

David Doural e Paco Ascón

SOV-CGT da Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *