VII Época - 112

III FEIRA DO LIBRO ANARQUISTA PONTEVEDRA

Esta fin de semana tivo lugar na Praza da Ferrería un ano máis a Feira do Libro Anarquista de Pontevedra, xa na súa terceira edición.

Reunindo de novo coletivos editoriais tanto locais como estranxeiros cos seus postos de material, a feira contou cun completo programa de actividades, que abriu cunha mesa redonda acerca da problemática da vivenda, onde se contou con activistas de As Ninguéns (Vigo), a vivenda cooperativa O Laghar (Cangas) e a Xuntanza pola Vivenda (Compostela). Seguiu co recital poético “Xenealoxía do Lume” coa participación de varies poetas e cun xantar vegano despois do cal puidemos escoitar ao compañeiro Xulio Carmona (Ecoloxistas En Acción) falando do impacto social e medioambiental da IA e a desconexión destas arañeiras tecnolóxicas como dereito universal. Seguiu unha presentación do libro “El Malestar es Otra Cosa” a cargo do seu autor, Javier Erro, que veu dende Valencia para falarnos da necesidade de ampliar e reconsiderar a nosa noción do sufrimento, partindo das perspetivas libertarias sobre a saúde mental ou os coidados coletivos. Onde empeza e remata o que consideramos sufrimento e por que aí? Que ferramentas emocionais e sociais, individuais ou coletivas, temos para entender o malestar e as friccións, desafectos ou tensións das que xorde? A que nos referimos cando falamos de politizar o malestar? Por último, amenizamos o peche da primeira xornada cun concerto estupendo de Clavo, recente banda punk pontevedresa á que agradecemos moito por acompañarnos.

A segunda xornada comezou cun obradoiro de arte postal con diferentes técnicas (cianotipia, estampación tipográfica, gravado…) da man de Alouette Machine, coletiva amiga de artesanía que xa nos acompañou en edicións previas da Feira. Seguiu unha nova presentación a cargo do compañeiro Víctor Oia, do seu libro “Pulso de Galicia”, ensaio acerca da recomposición do movemento anarcosindicalista galego e as súas proxeccións e conflitividades no contexto da ditadura franquista, entre o 1950 e o 1962. Finalmente, pechamos esta terceira FLAP degustando unha rica paella vegana acompañades pola música do DJ Tuna Loins.

Queremos agradecer de novo a todes es compañeires que nos trouxeron os seus materiais, as súas reflexións ou as súas inquedanzas, que participaron nas actividades, que pasaron saudar ou amosaron interese, e por suposto a todes es que puxeron as súas mans e axuda para que a feira puidera saír adiante. O apoio mutuo e o cariño son a verdadeira forza motriz que dá sentido a todo isto.

Ata o ano que vén! Anarquía si!

FLAP (Feira do Libro Anarquista Pontevedra)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *