UNHA VEZ MÁIS, NO TELEMARKETIN, A CGT AMOSA QUE SÍ LLE IMPORTA A CLASE TRABALLADORA
Unha vez máis, a cobiza empresarial e a salvaxada ataca a clase obreira no telemarketin. Unha vez máis traemos a digna loita obreira das traballadoras do telemarketin a estas páxinas.
Unha vez máis, denunciamos a mentira. A mentira que a patronal do telemarketin está a usar para cargarse postos de traballo, camuflando, mediante a máis basta estafa, despidos por modificacións das condicións laborais. Faino coa deslocalización, absurda e salvaxe. Unha vez máis o aparato de control estatal das relacións laborais amosa impunemente o seu sometemento á vontade empresarial, por moi caprichosa ou absurda que sexa.
Durante o mes de marzo, Abai anunciou a decisión de executar a mobilidade xeográfica a Hospitalet de 40 traballadoras co seu posto de traballo en León. As traballadoras afectadas veñen desempeñando a súa actividade laboral para unha campaña chamada “Canais Dixitais” da compañía Endesa. Para a CGT, Abai, coa complicidade de Endesa, ou viceversa, busca acabar coa plataforma de León ao reducir drasticamente o persoal. “Nun sector onde as chamadas desvíanse dun lugar a outro segundo a conveniencia da empresa, non é aceptable que se obrigue ás traballadoras a romper coa súa vida e co seu arraigo para ir a atender chamadas a 771 quilómetros das súas casas” aclarou a CGT nun comunicado.
Unha vez máis denunciamos, xunto as compañeiras do telemarketin, que cando lle interesa á empresa as chamadas son desviadas dun pais a outro, incluso dun continente a outro. O interese da empresa non é outro que a explotación laboral, con trazos coloniais, debido a unhas condicións laborais moito máis beneficiosas para a empresa, menores salarios, maior xornada laboral, horarios á carta, ausencia de permisos, etc. A patronal do Telemarketin está a implementar estas políticas coloniais coa deslocalización a base de ERTEs, peches da quenda de noite, etc., como vimos informando dende La Campana. Nesta ocasión, coa mobilidade xeográfica, absurda e farsante.
Durante o trámite obrigado do período de consultas, necesario para poder executar a medida, Abai/Endesa desprezou totalmente ao comité de empresa convertendo ese trámite en papel mollado. “A empresa segue sen acreditar a causa desta salvaxada, basicamente porque todo é unha gran mentira; o único que hai detrás desta decisión é darlle un novo golpe ao noso centro de traballo” concluía, tras unha segunda xuntanza do período de consultas, a CGT dende León. No mesmo comunicado deixaban claro que a empresa non ía contar co apoio da CGT para “destrozarlle a vida ás nosas compañeiras” e convocaban unha folga de 24 horas para o 4 de Abril.
Na terceira reunión, dous días antes da folga convocada, as traballadoras de León reciben un xarro de auga fría. A empresa anuncia que retira o expediente para a mobilidade xeográfica que tiña presentado para abrir un novo incluíndo a máis compañeiras. Para a CGT Abai-León esta nova salvaxada ten dúas causas “A primeira, para incluír a máis vítimas, e a segunda é por enmendar a chapuza que estaban facendo”. Ao mesmo tempo, ese mesmo 2 de abril, as compas de CGT Abai en Coruña distribúen un comunicado onde advirten que “se isto sae ben, non tardaran en replicalo en outros territorios”.
O 15 de abril comeza o novo período de consultas. As representantes da empresa seguen sen argumentar a causa e dar razóns convincentes. Empregan esa escusa tan desgastada de botar balóns fóra, de dicir que non está nas súas mans, que non poden facer nada, que eles so fan o que ven dado, botándolle a culpa a Endesa. Unha escusa que desenmascarou definitivamente Bertol Bretch o século pasado naquel celebre poema “primeiro leváronse aos xudeus, pero como eu non era xudeu, non me importou…”. A quen si lle importou foi a CGT que convocou folgas de 24 horas para o luns 21 de abril e venres 25. Estendendo a solidariedade todo o comité de empresa en ABAI Coruña convoca unha concentración para o 25 de abril, diante da tenda de Endesa, na rúa Barcelona de A Coruña.
Como seguía o poeta “Logo leváronse aos obreiros…”. O 22 de abril, a dirección de ABAI comunica que, por culpa dos “niveis” e a redución do “tráfico”, deciden pechar o departamento de ENDESA CAT na Coruña. Evidentemente, detrás destas manobras está a mobilidade xeográfica en León e os cambios de cromos entre ABAI e Endesa. O comunicado da CGT Coruña non se fai agardar “As pasadas semanas acosábannos para que axilizásemos as chamadas porque había moitas e hoxe veñen con isto. Estamos ante unha nova canallada inxustificada que só busca incrementar o malestar e a presión que sufrimos”.
O 25 de abril, as mobilizacións en Coruña e León recolleron a luz da dignidade da clase obreira.