HAI UN VIRUS MOVÉNDOSE ARREDOR
Se o caso mais chamativo da rapiña lucrativa da pandemia do coronavirus é o de Nissan, tamén hai outros que aproveitan a pandemia para impoñer ERTEs, a medida estrela para enmascarar falsas dificultades empresariais. Este virus dos ERTEs, se miramos con detemento, son síntomas de algo máis agresivo para os traballadores. É o caso de Servinform-ING Bank. Ollo! Que calquera día o teu patrón, que xa é portador, contaxiará.
O sector do telemarketin é un sector que agrupa a miles de traballadores. Un segredo a voces do seu éxito é a precariedade á que son sometidos estes traballadores. Servinform subrogou a unha parte de persoal de ING Bank, que facía funcións de atención telefónica e telemarketin deste banco on-line, en marzo do 2019. Asinouse un acordo de subrogación que agora é incumprido sistematicamente por Servinform. Este persoal conserva, pola subrogación, a regulación das súas condicións laborais polo convenio colectivo de banca. Como é de supor, non tan precario como o de telemarketin. ING por medio agora de Servinform intimida ao colectivo subrogado para que rescinda o seu contrato voluntariamente ou acóllase a un ERTE dun ano para abaratar custos de persoal. Intimida dun xeito que, aínda que previsible, non deixa de afectar aos traballadores na súa saúde mental. Sabémolo, e ING tamén sabe o calvario que supón que, un día tralo outro acosen con decisións empresariais encamiñadas a que decidas non querer traballar mais nun sitio onde fante a vida imposible. Tratase do acoso que nace no mundo laboral e que vai sendo normalizado na sociedade, amparado por xuíces e normas de dereito laboral. Outro deses virus dos que as autoridades non fan nada para reverter a súa curva. O bulling, ou acoso escolar, non é mais que un reflexo deste acoso do mundo dos adultos.
A estratexia de ING Bank-Servinform é o bulling laboral. O persoal subrogado leva sufrindo este virus cos síntomas de modificacións sustancias de funcións, riscos psicosociais, irregularidades na remuneración, mobilidade funcional e xeográfica ou a propia subrogación. Síntomas que poden facer perder a cabeza a calquera e que ING Bank-Servinform provoca sen ningún tipo de pudor, pero que a CGT levou aos tribunais. Hai dignidade e loita.
Agora co coronavirus ING fai o seu agosto. Anuncia un ERTE expres para liquidar ao persoal subrogado argumentando causas produtivas derivadas do Covid-19. No obrigado período de consultas do ERTE non hai argumento ningún, nin coherencia. Péchase o período sen acordo nen achegamento debido a esa falla de argumento e coherencia no exposto por Servinform. Ante todos estes feitos CGT denuncia o procedemento integralmente, solicitando medidas cautelares dada a gravidade dos feitos e o que é peor, a finalidade dos mesmos. Mentras os teus impostos están a pagar o salario, reducido, que tiña que estar pagando ING Bank. Xogada mestra e desgrazadamente vírica que a clase obreira ten que contestar contundentemente. É o único xeito de frear e reverter a curva.