ENTREVISTAMOS A RITA, DA PLATAFORMA DO SERVIZO DE AXUDA Ó FOGAR
Ola Rita! Ti traballas no Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) e estás na Plataforma de Servizos de Axuda no Fogar, SAF… non si?
Traballamos no servizo de Auxiliares dos Coidados no fogar. Somos persoas con titulación e con cursos acreditados. Somos técnicas de coidados de auxiliares de enfermería e somos persoal sociosanitario, ese é o verdadeiro nome do noso sector.
Podes contarnos en que consiste o teu traballo?
Dentro das nosas funcións, a prioritaria e mellorar a calidade de vida das persoas coas que traballamos. Falamos dos seus aseos, hixiene e darlle unha certa autonomía para mellorar o seu día a día; control de alimentación, mobilidade cambios posturais… as funcións dunha técnica auxiliar de enfermería. Pero sobre todo o noso servizo e moito de falar coas persoas que coidamos, o tema da soidade lévase moi mal, son soidades que non se queren. Ás veces hai problemas familiares e tratar de estar aí, non conciliando, pero si que as cousas non se vaian ós extremos. Con esta pandemia, no caso das persoas maiores pasaron moito medo porque a TV estaba aí, dándolle os datos das persoas “da súa idade” que estaban a morrer. E evidentemente tiñamos que facer outros protocolos, non apagarlles a TV se non queren pero sí outros temas, falar, as súas cancións de sempre, etc. Moito medo. Cando unha persoa ten que someterse a estes cambios, a outras pautas e máis a certa idade…é como que se lle botan uns anos enriba. O que está moi claro é unha cousa, nós imos ser potenciais adquirentes dunha lei de dependencia e queremos estar na nosa casa, coas nosas lembranzas, as nosas cousas. Esto entra dentro da calidade de vida.
Eu tamén coido a unha familiar maior, ademais de dúas crianzas, e necesito unha paciencia case infinita, ademais de amor, para non abandonar os coidados. Quero dicir, tes que cultivar certas cualidades persoais ademais de prepararte tecnicamente para coidar dun xeito respectuoso. Cando o penso, conclúo que o teu é un deses traballos aos que a sociedade, as familias e as institucións deben moito. Percibides un agradecemento polo voso traballo? Recibides un pago que valora esa débeda, ese valor do voso traballo?
A ver, o noso é un traballo profesional e profesionalizado. Ademais desa parte técnica onde tes que estudar psicoloxía, tratamento de enfermidades…traballamos con seres humanos. Polo tanto tes que estar moi motivada e ter moita vocación. Temos que encaixar coa persoa coas súas doenzas, e co mal momento, pois normalmente non están nunha fase moi boa. Non soamente traballamos con persoas maiores, traballamos con persoas con alzhéimer, demencia, con inmobilidade, accidentadas…xente de 40, 50 anos. De 29 é a máis xove que eu teño. Se nos vemos valoradas? Se o pago emocional?…bueno…Non todo é branco ou negro. Moitas familias, sí, porque é moi duro, física e psicoloxicamente. Implícaste nesas problemáticas, non pechas a porta e apagas a luz, non. Outras familias pois non, porque é un traballo descoñecido para moita xente. O que pensan é que somos persoas da limpeza. Aí non nos sentimos cómodas porque non é esa a nosa función, aínda que dende fai anos esa sí quérese que sexa a nosa función. A nivel de sociedade, tampouco. Por eso mesmo, pola invisibilidade que temos. Si se sabe, e agora mais, o traballo que desenrolan as persoas en residencias e centos de día e non se dan, ou non queren, darse conta de que esa é a nosa función, a nosa titulación e a nosa profesión. Facer exactamente o mesmo, pero nos fogares. Somos persoal invisibilizado e por tanto precarizado.
Dáme a impresión de que é un traballo moi feminizado.
Pois sí. Somos maioritariamente mulleres as que traballamos no noso sector, nos fogares, nas residencias, nos centros de día ou na sanidade. Cada vez se van unindo pouco a pouco mais compañeiros ao noso eido dos fogares, pero podemos falar claramente dun 90% de mulleres.
Acostumase a ver a moita muller inmigrante coidando. Hainas no voso servizo?
Si, claro, en todos os sectores tense que ver como está a sociedade. A idea de moita xente é que son persoas que non teñen ningún tipo de estudo ou que non están cualificadas profesionalmente, e non é verdade. Non sei a proporcionalidade pero si que hai e son benvidas, porque aportan. Galiza foi, e segue sendo, un pais de inmigrantes, moita xente marchou e marcha buscando mellorar as súas vidas.
Un indicador do machismo e do racismo na sociedade, nas empresas e nos gobernos é a calidade do traballo que ofrecen ás mulleres e as inmigrantes. Como son as vosas condicións laborais?
Si, si, falamos de cousas distintas por unha parte está o machismo e por outra a xenofobia. Si, sabemos que a calidade, en canto as condicións de traballo, pódese mirar nas estadísticas, mais baixas son femininas. Penso que todas e todos sabemos o porque.
As nosas condicións, son moi duras. Alguén dicía que somos as “temporeiras da dependencia”. De feito, agora coa pandemia, cando salta o tema da dependencia, non verás que saiamos nós. Tampouco se dí canta xente infectouse no noso sector, e fomos moitas. Canta xente morreu, usuarias e traballadoras, non temos ese dato. As condicións…o tema dos pesos, atendemos a xente con rendas moi baixas, con mala alimentación, inmobilidade, encamadas e todo ese peso cae nos nosos corpos. Non temos moitas grúas para movelas. Temos moitas enfermidades profesionais. As musculoesqueléticas están a orde do día. E queren poñernos a mesma idade de xubilación que unha persoa que traballa nun banco ou nun comercio, que teñen tamén as súas problemáticas, pero non é comparable fisicamente. Non podemos ter a mesma idade de xubilación, é imposible cando a nosa laboura e totalmente física. Despois temos os problemas emocionais que trasladamos aos nosos propios fogares. Moitas depresións, e moitas tamén polas nosas condicións, porque desequilibra a nosa precariedade
Tedes formado unha plataforma recentemente, Porqué? Cales son as vosas principais revindicacións?
Si, no mes de Marzo sobre todo a partir destas problemáticas que viñeron co tema da pandemia e de certas actitudes empresariais, de ver o que estaba pasando nas residencias, de ver que nin os sindicatos traballaban, nin as administracións e que as compañeiras expresaban as súas angustias polas redes, de que non daban os materiais e de que se estaba pasando realmente mal. A Xunta o que fixo foi o paripé de dicir, todos van estar atendidos. Nós pensamos que era un perigo ir a vivendas que estaban cheas de familiares, que tiñamos que atender as persoas que estaban soas. Porque nós moviámonos dunha vivenda a outra, íamos a por medicamentos, por alimentos. Nós podiamos saír porque somos esenciais. Somos o sector esencial máis precarizado. As nosas inquedanzas como plataforma son as de coñecernos, porque nunca ninguén tivo interese en poñernos en contacto xa que eso dificulta que as nosas condicións se saiban ou que se reivindique. Como nos tratan por parte de todos, administracións, partidos, sindicatos, etc. Somos un sector que vale para falar, que se implican con nós o 8 de marzo, nas eleccións, pero despois, a hora de traballar é pouco o traballo que se fai para que quitemos cabeza. E agora xa nos coñecemos, imos coñecendo, de municipio en municipio, as particularidades de cada empresa que nos queren ter sometidas. E pedir as nosas condicións como profesionais, dignas e que xa está ben de que nos pisen e nos sigan precarizando.
O voso é un servizo municipal. É lamentable que os concellos lávense as mans e resolvan unha necesidade humana tan vital esquecéndose de todo e só poñendo pasta. É como o familiar que non quere saber nada e limpa a súa conciencia con diñeiro, cun ingreso cada tanto e afastando o problema. Credes que a municipalización do servizo repercutiría na dignificación, mellora ou valoración do servizo?
Por supostísimo. Nestes momentos un dos sectores que se están movendo e a Dependencia, tanto hospitais, residencias, centos de día como o noso estamos pedindo un servizo público, de calidade. Porque xa vimos o que aconteceu. Hai unha dobre vara de medir. Os propios partidos, nestas eleccións que nos xuntamos e trasladamos as nosas propostas, inquedanzas e queixas, todos estiveron dacordo con nós, nos servizos municipais e públicos, sen ningunha dúbida ademais, prestándonos, de palabra, o seu apoio. Pasan as eleccións e xa vemos en que municipios en que se licitaron, fixéronse contratacións eses partidos que falaron con nós. Eses partidos o que fan e sempre quitar licitacións para as empresas privadas. E casos tamén dos que en plena pandemia eran municipais e privatizáronnos como en Chantada ou Sanxenxo. Sabemos perfectamente que os custos e orzamentos son mais nas empresas privadas. A prioridade destas empresas é o beneficio, non lles importa nada a calidade a estabilidade e mellora das nosas usuarias nin das traballadoras. A realidade é a que se vive no traballo. Somos importantes só como unidades de produción para dar uns beneficios.
Cales son os plans inmediatos da plataforma?
Pois, seguir coñecendo as compañeiras dos distintos municipios das catro provincias. Seguir traballando para que non se nos invisiblilize. Denunciar os puntos que se saltan do convenio todas estas empresas coa connivencia dos municipios e algunhas veces dalgúns sindicatos. Agora temos a loita contra o Real Decreto que saíu o 4 de Agosto onde se nos marxina completamente. Por exemplo, coas baixas laborais, unha persoa que se infecte coa Covid non ten dereito a unha baixa por accidente laboral dun 100%, cando as nosas compañeiras da sanidade, centros de día ou residencias si teñen dereito. Por primeira vez e tras a iniciativa da Plataforma SAF Galiza, todas as Plataformas estatais xuntáronse para facer unha recollida de sinaturas para enviar o Ministro de Seguridade Social e Migración, Sr. Escrivá, contra o Real Decreto do 4 de Agosto.
Grazas Rita por atendernos. E se queres comentar calquera cousa que nos quedara por aí agora é o momento.
Grazas a vós por axudar a darnos un pouco de visibilidade. Nada que imos a loitar con axuda, sen axuda xa estamos acostumadas. Dicir que non nos dan nunca as 39 horas estipuladas que só nos dan 20, 30 manténdonos en precariedade, mentres se sigue contratando por ETTs ou pola empresa, e os sindicatos non loitan por que isto remate. Facemos o servizo cos nosos vehículos cando nos desprazamos de fogar en fogar e pagamos nós o desprazamento. Hai que loitar polas enfermidades profesionais e baixas que non nos recoñecen. Agresións, debido a enfermidade que fai poñer ós usuarios violentos. Acoso sexual, aquí faise o mesmo que cos curas, se lles cambia de parroquia, pois a nós se lle da esa persoa a outra compañeira. Temos que ser nós as que temos que loitar, con moito medo, porque é un sector con moito medo. Volvemos a pasar un repunte da Pandemia, sen que as empresas fagan test, cursos formativos, den o material axeitado, sabendo de persoas traballadoras infectadas nas zoas de Pantón, Beizós, Coruña cidade, e moitas zoas máis que nin os propios Concellos ou os sindicatos a través d@s suas Delegad@s fagan o proceso de transparencia. Somos obreiras que estamos na fronteira da pobreza. E moi seguras do que estamos facendo. E, sobre todo, que cada vez que se fale da dependencia que non se nos esqueza.