TELEPERFORMANCE E O CONTROL SOCIAL

Se buscas resultados diferentes, non fagas sempre o mesmo.”

Se todo dáche igual, estas facendo mal as contas.”

Albert Einstein

O pasado 1 de Outubro as compañeiras de Teleperformance da Coruña mobilizábanse diante das instalacións de Gas Natural FENOSA da mesma Coruña en protesta polos despidos, sancións, descontos en nómina, acoso e un longo etcétera. Mostra dunha realidade, a do abuso impune empresarial, que leva estendéndose dende que recordo, e de outra realidade, a contestataria, que mingua a pesares de seren o camiño para impedir ese abuso empresarial e, polo tanto, para que a nosa vida cotiá sexa soportable. Calquera persoa que lea, vexa, ou simplemente pense na súa propia experiencia terá as súas ideas, mais ou menos vagas, do porque deste realismo da súa vida cotiá e do grao de soportabilidade da sociedade na que vive. Esas ideas son interesantes, todas, mais témolas que poñer en común, analizalas e sacar as conclusións e decisións consecuentes e adaptadas ao momento (histórico que dirían os clásicos) para poder enfrontarse á explotación da nosa vitalidade. Ben; palabrería, teoría, que sabemos… haberá que sacala do abstracto das ideas e levalas a realidade. Os anarquistas sempre fomos de acción. Quizais as accións deberan ser mais contundentes que a das compas de TelePerformance da Coruña, pero a realidade que viven a saben elas. Observar e coñecer as accións das compas de Telemarketing, un sector que necesita moita solidariedade, axúdanos a comprender, é imprescindible para reverter ese minguar contestatario. Fixémonos aí onde agroma o contestatario, e crece.

As semanas pasadas ocupámonos da Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol. Explicábannos porque eran unha Sección Sindical Unitaria, “porque entendemos que un sindicato de clase non pode facer distincións entre traballadores da empresa principal e das subcontratas. Esa división é un auténtico cancro.” A unidade de acción. As compas de Teleperformance da Coruña concentráronse onde Gas Natural FENOSA porque dende fai xa sete anos Gas Natural FENOSA ten feito desaparecer máis de 240 postos de traballo só en Teleperformance. Agora toca a 40 postos de traballo máis e vense chegar outros 100 coa mesma sorte. Estes postos de traballo fanse desaparecer mediante despedimentos. Para crear o clima totalitario adecuado a empresa impón sancións de 30 días de soldo vía mail certificado, vulnerando o dereito de información e consulta do comité de empresa. Sancións con coacción, cala non digas nada ao comité ou agárdache algo peor. A causa dos despedimentos é baixo rendemento voluntario, causa que só pode dixerir unha sociedade minguada moralmente. Por riba, Teleperformance é toda unha obra de enxeñería social, para o control social. Contrata mediante ETTs, buscando perfís, punto de vista ao que é reducido calquera persoa. Unha vez dentro toda unha maraña de organizacións empresariais esixen altos índices de produtividade e vendas. Tan só no que respecta a Gas Natural FENOSA as redes de empresas dividen aos traballadores segundo traballen na comercializadora de mercado libre, UFC, comercializadora de mercado regulado, GNSUR, servizo de apoio e xestión administrativa entre a distribuidora UFD e as comercializadoras ATR, ou averías UFD. Bufff!!! e estas só son as que fixeron desaparecer os postos de traballo!. Hai que observar moito, e quizais estudar enxeñería para o control social, para saber cal é a empresa principal e as subcontratas, como en Navantia, pero sabemos, efectivamente, que esa división é un auténtico cancro.

A defensa organizada da clase obreira mediante o sindicalismo, tamén ten cancro. Os probados e efectivos métodos de solidariedade postos en práctica pola clase obreira no pasado son agora desprezados e prohibidos. Métodos como a folga en solidariedade prohibida pola lei, aínda que non sexa este un impedimento para realizala, rara vez ilumina a escuridade actual. Poderíamos facer un brillante rastrexo desas raras veces e observariamos a súa potencia, a súa enerxía. Tamén a representación directa, non delegada, xurdida da asemblea en vez da competición electoral. Ou tantas outras. Para anular estes métodos de alto octanaxe contestatario, unha das estratexias máis rudimentarias e antigas utilizadas é a infiltración, compra e domesticación das organizacións obreiras para finalmente poñelas ao servizo do control social. O resultado é o actual agnosticismo sindical e a súa equiparación co partido político, coa súa servidume ao poder empresarial, que alimenta a desconfianza dos traballadores. Tamén contábannolo os compas de Navantia, que decidiron despois de moitos anos loitando dende dentro, saírse e virse para a CGT. E tamén as compas de Teleperformance da Coruña que alertaron que os sindicatos CCOO, UGT e USO asinaron un acordo coa empresa as agachadas da CGT onde modificaban substancialmente as condicións de traballo vulnerando o convenio colectivo. Precarizaban, porque aínda cabe máis precarización, as condicións de horarios e quendas, distribución irregular da xornada, etc. A CGT denunciou o acordo por non estar xustificado, nin que as medidas adoptadas gardaran ningunha proporcionalidade. Así, a sentenza notificada o 2 de outubro de 2020, pola Sala do Social da Audiencia Nacional anula e deixa sen efecto o acordo. A sentenza, ademais, dá a razón á CGT e destapa o vergonzoso comportamento das seccións sindicais de CCOO, UGT e a USO, que participaron nunha negociación secreta e escura durante o mes de abril de 2020, en pleno estado de alarma, coordinándose con Teleperformance, e excluíndo á CGT da negociación, vulnerando o dereito a negociación colectiva do noso sindicato. Ademais, a sentenza, dá por acreditado que esta actuación da empresa afecta á confianza de CGT coa súa afiliación, dado que ao non coñecer a negociación non puido defender a ninguén, constituíndo unha conduta danosa aos intereses de CGT e das persoas traballadoras, condenando a sentenza a abonar, en concepto de tutela reparadora polos danos e prexuízos causados, por vulnerar a liberdade sindical emanada dos arts. 28.1 e 37.1 da Constitución, a cantidade de 6.250 euros.

Pero non é ouro todo o que reluce, como din as compas de telemarketing, sobre o Teletraballo. Unha nova norma, o R.D. Ley 28/2020, publicado a finais de Setembro regula esta clase de traballo, que non de contrato. Sen embargo, as compas de Teleperformance cren que ás empresas de Telemarketing interésanlle os seus petos e non a saúde dos traballadores. Ata agora, coa escusa da pandemia estaban aforrándose cartos obrigando ao teletraballo. Agora van medir a legalidade, as trampas, os abusos, as negociacións, os acordos e todas as posibilidades para seguir precarizando, xa sexa en teletraballo ou en presencial, segundo conveña. Unha das primeiras negociacións é a compensación das condicións desfavorables aos traballadores que dende marzo e con motivo da pandemia veñen teletraballando. Nesta negociación volveremos a constatar o estado avanzado do cancro da servidume ao poder empresarial. Quizais unha nova sentencia poida anular os acordos de servidume que se produzan se a parte contestataria dos traballadores non é capaz de impedir a galopante precarización. Cada negociación, cada conflito, pode ser unha nova oportunidade. A normalización do Teletraballo pode ser un auténtico polvorín. Teremos que observar e coñecer a contestación das compas do sector do telemarketing, teremos que apoiala, teremos que tomar decisións contestatarias, teremos que protagonizar accións que impidan unha precarización maior aínda da actual, mais se queremos reverter a situación, quizais, teremos que poñer en práctica algo máis que apelar a xustiza ou soster pancartas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *