ENTREVISTA A JUANTXO SÁNCHEZ
Coordinador en Galicia do Sector Ferroviario da CGT
[Continuamos coa entrevista ó coordinador do Sector Ferroviario da CGT en Galicia]
Posiblemente, o Sector Ferroviario da CGT sexa a organización que haxa convocado a maior cantidade de folgas nas últimas décadas. Tedes analizado a eficacia e visibilidade desas convocatorias? A imposición, por parte das autoridades, duns servizos mínimos cada vez máis abusivos está anulando a efectividade do dereito a folga rebaixando este dereito a unha declaración pública de rexeitamento e a un paseo sostendo unha pancarta, que por outra banda, é silenciado por todos os medios. Que facedes para conservar o poder contestatario das folgas?
Hai que recoñecer que CGT está a ser o Sindicato que mais loita contra os plans das empresas públicas RENFE e ADIF, convocando folgas, manifestacións, reparto de octavillas as viaxeiras, asembleas nos centros de traballo, procesos xudiciais contra as empresas, recollidas de sinaturas, notas de prensa, etc. Estas accións teñen varios obxectivos: presionar a empresa ante unha agresión, facer visible ante a sociedade a problemática ferroviaria, desenmascarar a pasividade de outras organización sindiais, forzar o debate nos centros de traballo e dar as traballadoras e traballadores ferroviarios a posibilidade de manifestar o seu descontento participando nas folgas que convocamos. Chegar a conseguir estes obxectivos xa merece a pena facer folgas. Por elo dende CGT, conscientes dos abusivos Servizos Mínimos impostos, incrementamos a nosa presencia nas redes sociais, nos medios de comunicación e nos centros de traballo en períodos de loita, pra denunciar as actitudes das empresas e do Goberno e gañarnos a simpatía das usuarias e usuarios do ferrocarril, mediante o reparto de octavillas nas estacións, explicando as nosas reivindicacións que moitas delas benefician o propio servizo público que se oferta a cidadanía.
Agora, a partir do 13 de Outubro, tedes convocados paros parciais. A que se debe esta convocatoria?
CGT ten convocadas folgas pra os traballadores e traballadoras que se dedican o mantemento da infraestrutura ferroviaria (vías, catenaria, comunicacións, señais, etc) pola implantación por parte de ADIF dun novo modelo de mantemento que intensifica a presencia de persoal de empresas externas con condicións laborais e salariais moi precarias, nos equipos de mantemento de instalacións eléctricas e mecánicas.
Cales son as principais loitas e preocupacións do Sector Ferroviario da CGT?
Nestes intres centramos os nosos esforzos en reivindicar un aumento de persoal en todos os sectores produtivos tanto de RENFE como de ADIF, co obxectivo de parar a privatización de cargas de traballo que as empresas están facendo por falla de cadro de persoal.
Os recortes de servizos que RENFE está a implantar co COVID-19 tamén están no noso punto de mira, especialmente a repercusión que pode ter o novo modelo de servizos a bordo que pode deixar no paro a unha parte importante das 2.000 traballadoras e traballadores que ata o de agora dedicábanse a cubrir estes servizos.
E por último e non por elo menos importante, a liberalización do ferrocarril ca entrada de outras empresas a operar nas liñas de alta velocidade (as que dan cartos) que vai a consolidar as políticas neoliberais implantadas pola Unión Europea.
Tamén lendo a vosa Alternativa dun Ferrocarril Público e Social, chamoume a atención que o cuarto paquete ferroviario europeo puxo o fin de prazo neste 2020 para liberizar os trens de viaxeiros. Está finalizado este proceso? Cuanto está actualmente de privatizado o ferrocarril?
Ata o de agora só o transporte ferroviario de mercadorías por ferrocarril está liberalizado na súa totalidade, ca entrada de empresas privadas e públicas de outros países a operar polas vías españolas. A participación do transporte ferroviario no total de transporte en España era do 9% en 1991 e no 2018 foi de 4,27% a mais baixa dende 2010, fronte a una cota media na Unión Europea do 17%. A liberalización non aumentou a cota de utilización do ferrocarril, tan só desprazou unha parte das toneladas transportadas da empresa pública as empresas privadas que nestes intres están a pedir axudas económicos pra o sector polos malos resultados que se están a dar no 2020. Como se ve, a liberalización serviu pra privatizar e empeorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras e non pra incrementar as mercadorías transportadas por tren.
No transporte de viaxeiros por ferrocarril o Goberno iniciou o proceso concedendo 2 licencias pra operar nas vías de ADIF, unha a SNCF a empresa pública ferroviaria francesa, outra a ILSA un consorcio formado por TREN-ITALIA (empresa publica dos ferrocarrís Italianos) e AirNostrum. A pandemia do Corinavirus retrasou a posta en circulación dos novos trens operados por empresas alleas a RENFE e tan só SNCF anunciou que o 15 de Marzo comenzará a operar na liña Madrid-Barcelona, a mais rendible e con maior cantidade de viaxeiros (4.400.000 viaxeiros en 2019).
Dende CGT, defendemos que RENFE xa compite con outros medios de transporte como os autobuses o avión os camións e o vehículo particular e pensamos que o que vai a acontecer ca liberalización e que as novas empresas van a operar nas liñas mais rendibles, onde RENFE conseguía beneficios que servían pra amortiguar as perdidas de outras liñas que non son rendibles, o que vai supoñer un aumento das subvencións do estado a RENFE pra compensar esta perdida de ingresos ou o peche de servizos deficitarios. En resumen que os beneficios que se leve o estado francés ou italiano ou as empresas privadas ca súa entrada no mercado ferroviario español o imos pagar o resto de españoles vía presupostos xenerais do estado. Toda unha obra de enxeñeira financeira o servizo do capitalismo mais especulador.
Pero a verdadeira privatización non ven da man da liberalización senón da man da falla de cadro de persoal público nas labores diarias de mantemento de vehículos ou instalacións ferroviarias ou na información e venda de billetes ou nos servizos de manobras e loxística, etc. onde RENFE e ADIF levan anos permitindo a externalización de cargas de traballo, entregando a terceiras empresas os contratos de mantemento por 30 anos de instalacións, de seguridade e trens.
Podes resumir a Alternativa dun Ferrocarril Público e Social que ten elaborado o Sector Ferroviario da CGT?
O Sector Ferroviario de CGT ten confeccionada unha proposta de modelo de ferrocarril no ámbito estatal, mais no ámbito de Galiza o Sector Ferroviario de Galiza confeccionou a súa alternativa de ferrocarril pra Galiza, onde establecemos unha serie de prioridades no investimento de recursos públicos e facemos propostas concretas de melloras do ferrocarril na Galiza.
A modo de resumen, estas son as liñas de actuación que CGT reivindica na súa alternativa de ferrocarril pra Galiza:
-
A compatibilidade da infraestrutura para uso tanto de trens de mercadorías como de viaxeiros.
-
Investimento prioritario e urxente na liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo polo seu lamentable estado, a creación de servizos de proximidade na liña A Coruña-Ferrol, a construción da infraestrutura ferroviaria da saída Sur de Vigo e conexión con Portugal e a mellora das infraestruturas das liñas ferroviarias de Ourense e Lugo.
-
A electrificación da totalidade das infraestruturas ferroviarias galegas, con ampliación a dobre vía na maioría das liñas convencionais, ampliando os radios de curva que permitan o desenvolvemento de velocidades comerciais de 160 Km/h onde sexa posible.
-
mantemento dos servizos ferroviarios nocturnos de viaxeiros (trens hoteis Galiza-Barcelona e Galiza-Madrid e tren Galiza-Euzkadi) modernizando o material utilizado e mellorando os tempos de viaxe. Estas relacións permiten a conexión transversal de Galiza con Castela e León, A Rioxa, Nafarroa, Aragón, Euzkadi e Catalunya por un lado e por outro a conexión directa de poboacións de Lugo e Ourense con Madrid, chegando a primeira hora da mañá a destino.
-
A entrada do tren aos principais portos galegos.
-
A intermodalidade das estacións das grandes cidades galegas (Vigo, Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol).
-
Arranxo das estacións e apeadeiros sen persoal, ca instalación de megafonía e pantallas informativas e a adecuación das plataformas a altura dos trens, co fin de facilitar o acceso e garantir que as persoas con mobilidade minguada poidan utilizar o tren sen problema.
-
A bonificación @s usuari@s de bonos mensuais na utilización dos aparcadoiros das estacións e no transporte de bicicletas.
-
A oferta dun sistema tarifario adecuado ao servizo que se presta e con bonificacións a parados e persoas sen recursos. Aplicar a tarifa MD o traxecto Ourense-Coruña en lugar de tarifa AVANT.
-
Aumento da intermodalidade tren-bici, ca instalación de aparcadoiros de bicicletas en todas as estacións da rede ferroviaria galega e adecuación dun espazo pra viaxar un mínimo de 5 bicicletas por tren nos trens de Media Distancia, AVANT, Longa Distancia e AVE (Serie Abril de Talgo)
Estas e outras propostas pódense consultar no documento Alternativa de CGT pra o ferrocarril en Galiza na seguinte ligazón https://n9.cl/rho0.
E o AVE, como o vedes?
O AVE despilfarro que acapara o 90% dos investimentos en ferrocarril, está a supoñer a morte do ferrocarril convencional que xenera o 86% dos viaxes en tren. A política dos Gobernos españoles fomentou a construción de liñas a 300 Km/h que teñen un custo de construción e mantemento desorbitado (18 millóns Km construído e o custo do mantemento chega os 120.000 euros año por Km de vía) que nunca se chegarán amortizar e menos ca utilización que en España están a ter e tendo en conta que o trens de mercadorías non poden utilizar estas modernas infraestruturas. A liña AVE mais utilizada é a Madrid-Barcelona con 4.400.000 viaxeiros/ano cando os estudos dos expertos falan de que ten que chegar os 6.500.000 viaxeiros/ano pra ser rendible. Somos o segundo país do mundo, detrás de China, con mais Km de AVE (3.000 kms) e o maior por Km Ave/poboación. Este modelo de ferrocarril vai asociado a unha sociedade consumista, onde todo se ten que conseguir de xeito inmediato e rápido, sen importar o prezo económico e medioambiental.
CGT aposta sempre pola modernización das liñas convencionais con investimentos nas mesmas, electrificación de toda a rede, dobre vía e construción de outras con velocidades máximas de 220 Km/h. que permita a circulación de trens de viaxeiros e de mercadorías.
Nos últimos anos vivimos un espertar de conciencias preocupadas polo clima. Os gobernos reúnense en cumios, crean ministerios de transición ecolóxica, estratexias de descarbonización, etc…son camiños que levan ao Ferrocarril como sistema de transporte, público, social, máis limpo que os outros transportes…Estades a percibir ese futuro? Vedes signos dunha aposta polo Ferrocarril por parte dos gobernos?
O Goberno español está a concentrar os investimento no AVE o que provocan un abandono do resto de servizos ferroviarios e a supresión de trens.
Os investimentos no tren de proximidade ou no de media distancia que é o que utiliza a gran maioría da cidadanía nos seus desprazamentos diarios pra ir a traballar o estudar, están minimizados a manter as liñas en funcionamento, sen un plan de melloras e ampliación a bisbarras cunha densidade de poboación que as faría rendibles socialmente, como o treito Ferrol-A Coruña onde o tren aínda circula a unha velocidade media de 50 km/h e cun trazado ferroviario de mais dun século de antigüidade.
Outro exemplo da política de abandono do servizos ferroviarios convencionais son os servizos ferroviarios nocturnos que RENFE comercializa como trens hoteis e que a operadora pública foi abandonando e degradando conscientemente ata o punto de ofertar un servizo cuns niveis de calidade baixos (vagóns vellos, recorte de prazas, aumento de tempos de viaxe, recortes de servizos a bordo) co obxectivo de que cada vez o utilizara menos viaxeiros e así poder eliminalos como foi facendo pouco a pouco. Esta estratexia choca ca incentivación dos trens nocturnos por parte de outras compañías públicas ferroviarias europeas, como a Austríaca ou a Francesa que están voltando a poñer en circulación estes trens como alternativa o avión.
Dende CGT estamos a reclamar que se muden estas políticas de abandono do ferrocarril convencional, que é o que realmente vertebra o territorio, conectando pobos e cidades, zonas industriais co grandes poboacións, centros de saúde ou de ensino co rural, en definitiva o ferrocarril debe ser o medio de transporte ao servizo da cidadanía pra os seus desprazamentos diarios ou ocasionais, pero lexos dunha estrutura radial de trens de alta velocidade que conectan ca capital do estado español e que imos utilizar tres ou catro veces o ano, se cadra, pero que non ten un uso habitual e social no noso día a día.
E nesa loita estamos no Sector Ferroviario de CGT, defendendo un ferrocarril de tod@s e pra tod@s, seguro sostible e de calidade, rexeitando a precarización das condicións de traballo das traballadoras e traballadores do sector, facendo mobilizacións pra aumentar os niveis de emprego público e tentando poñer cambadelas as externalizacións de cargas de traballo.