VI Época - 17

REMATE DA ENTREVISTA A JUANTXO SÁNCHEZ

O AVE e o futuro do Ferrocarril

[Con esta terceira entrega rematamos a entrevista ó coordinador do Sector Ferroviario da CGT en Galicia]

E o AVE, como o vedes?

O AVE despilfarro que acapara o 90% dos investimentos en ferrocarril, está a supoñer a morte do ferrocarril convencional que xenera o 86% dos viaxes en tren. A política dos Gobernos españoles fomentou a construción de liñas a 300 Km/h que teñen un custo de construción e mantemento desorbitado (18 millóns Km construído e o custo do mantemento chega os 120.000 euros ano por Km de vía) que nunca se chegarán a amortizar e menos ca utilización que en España están a ter e tendo en conta que os trens de mercadorías non poden utilizar estas modernas infraestruturas. A liña AVE máis utilizada é a Madrid-Barcelona con 4.400.000 viaxeiros/ano cando os estudos dos expertos falan de que ten que chegar os 6.500.000 viaxeiros/ano pra ser rendible. Somos o segundo país do mundo, detrás de China, con mais Km de AVE (3.000 kms) e o maior por Km Ave/poboación. Este modelo de ferrocarril vai asociado a unha sociedade consumista, onde todo se ten que conseguir de xeito inmediato e rápido, sen importar o prezo económico e medioambiental.

CGT aposta sempre pola modernización das liñas convencionais con investimentos nas mesmas, electrificación de toda a rede, dobre vía e construción de outras con velocidades máximas de 220 Km/h. que permita a circulación de trens de viaxeiros e de mercadorías.

Nos últimos anos vivimos un espertar de conciencias preocupadas polo clima. Os gobernos reúnense en cumios, crean ministerios de transición ecolóxica, estratexias de descarbonización, etc …son camiños que levan ao Ferrocarril como sistema de transporte público, social, máis limpo que os outros transportes… Estades a percibir ese futuro? Vedes signos dunha aposta polo Ferrocarril por parte dos gobernos?

O Goberno español está a concentrar os investimento no AVE o que provoca un abandono do resto de servizos ferroviarios e a supresión de trens.

Os investimentos no tren de proximidade ou no de media distancia que é o que utiliza a gran maioría da cidadanía nos seus desprazamentos diarios pra ir a traballar ou estudar, están minimizados a manter as liñas en funcionamento, sen un plan de melloras e ampliación a bisbarras cunha densidade de poboación que as faría rendibles socialmente, como o treito Ferrol-A Coruña onde o tren aínda circula a unha velocidade media de 50 km/h e cun trazado ferroviario de máis dun século de antigüidade.

Outro exemplo da política de abandono do servizos ferroviarios convencionais son os servizos ferroviarios nocturnos que RENFE comercializa como trens hoteis e que a operadora pública foi abandonando e degradando conscientemente ata o punto de ofertar un servizo cuns niveis de calidade baixos (vagóns vellos, recorte de prazas, aumento de tempos de viaxe, recortes de servizos a bordo) co obxectivo de que cada vez o utilizaran menos viaxeiros e así poder eliminalos como foi facendo pouco a pouco. Esta estratexia choca ca incentivación dos trens nocturnos por parte de outras compañías públicas ferroviarias europeas, como a Austríaca ou a Francesa que están voltando a poñer en circulación estes trens como alternativa ó avión.

Dende CGT estamos a reclamar que se muden estas políticas de abandono do ferrocarril convencional, que é o que realmente vertebra o territorio, conectando pobos e cidades, zonas industriais con grandes poboacións, centros de saúde ou de ensino co rural, en definitiva o ferrocarril debe ser o medio de transporte ao servizo da cidadanía pra os seus desprazamentos diarios ou ocasionais, pero lexos dunha estrutura radial de trens de alta velocidade que conectan ca capital do estado español e que imos utilizar tres ou catro veces ó ano, se cadra, pero que non ten un uso habitual e social no noso día a día.

E nesa loita estamos no Sector Ferroviario de CGT, defendendo un ferrocarril de tod@s e pra tod@s, seguro, sostible e de calidade, rexeitando a precarización das condicións de traballo das traballadoras e traballadores do sector, facendo mobilizacións pra aumentar os niveis de emprego público e tentando poñer cambadelas ás externalizacións de cargas de traballo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *