CGT PROTESTA CONTRA O ABANDONO DE FERROCARRIL CONVENCIONAL GALEGO
Mentras as direccións de ADIF e RENFE seguen viaxando polo túnel da velocidade arrincando minutos ás viaxes que conectan Galicia con Madrid, os compañeiros do Sector Ferroviario da CGT de Galicia mobilízanse contra o abandono do ferrocarril convencional. O ferrocarril como servizo público para todas as persoas que viven e necesitan desprazarse a calquera lugar, como medio de transporte menos contaminante, como medio de transporte tamén de mercancías. Un ferrocarril que vertebre o territorio. Estas son algunhas das razóns polas que mobilizase e loita o sector ferroviario. Sen embargo a política ferroviaria cegase nunha competición, perdida xa de antemán, co avión. Unha política empeñada en que o tren sexa máis rápido que o avión. Así, todas as inversións e melloras céntranse na conexión de Galicia con Madrid, quizais a única viaxe dende Galicia en que o tren ten certas posibilidades de achegarse aos tempos do avión, arañando minutos a un custo de 18 millóns de euros por km. construído, e 120.000 euros por km. en mantemento. Unha inversión que supón o 90% dos investimentos no ferrocarril. Un despilfarro, un despropósito.
Cando calquera de nós pensa en facer unha viaxe en ferrocarril, pensa sobre todo, en viaxes de curta ou media distancia, en comodidade e seguridade. Pensamos no que os compas do Sector Ferroviario chaman o ferrocarril convencional. Sen embargo este tren convencional, este que necesitamos e que queremos usar, este tren que queremos ver mellorar, que queremos máis rápido, máis frecuente, máis asequible económicamente, máis accesible para as persoas con mobilidade reducida, máis agradable, está sendo abandonado. Significativo foi que mentres que chegaba o primeiro ALVIA a Ourense produciranse un derrumbe, algo demasiado habitual cando comezan as fortes choivas, e un descarrilamento na rede viaria galega. O derrumbe tivo lugar en As Xubias, A Coruña, o que obrigou a transbordar os doce trens diarios que circulan por esta zona a servizos dende Ferrol e Monforte. O descarrilamento produciuse en Taboadela, precisamente nunha zona de confluencia entre o vello e o novo ferrocarril, nunha zona de 16 km. de vía única que está a ser adaptada a alta velocidade. Foron tres vagóns dun tren de mercancías que a punto estiveron de arruinar a estrea do primeiro ALVIA a Ourense ao invadir o gálibo da vía xeral. A urxencia e un gran despregue técnico conseguiu liberar a vía pouco antes da estrea do ALVIA.
Reproducimos agora o comunicado que os compañeiros do sector ferroviario realizaron con motivo da estrea dese ALVIA a Ourense:
O pasado 27 de Outubro, coincidindo ca chegada do primeiro ALVIA a Ourense que circulaba tras a inauguración do novo treito de Alta Velocidade entre Zamora e Pedralba, compañeiros do Sector Ferroviario de CGT protestamos na estación de Ourense contra o abandono do ferrocarril convencional galego. Gardando as normas de sanidade establecidas pola Xunta de Galiza, fixemos unha rolda de prensa no local do Comité de Ourense pra despois concentrarnos e repartir octavillas, nas inmediacións da estación, onde acudiron diferentes medios de comunicación pra facerse eco da nosa acción, a pesar dos impedimentos que desde a Dirección de ADIF se lles puxo pra poder cubrir a noticia.
Con esta pequena acción, CGT trasladamos á opinión pública a nosa protesta pola supresión de servizos ferroviarios precisos pra garantir a mobilidade da cidadanía galega e a calidade dos mesmos, alzando a nosa voz contra a falla de investimentos no ferrocarril convencional galego.
Non se entende que mentres se reducen os tempos de viaxe cara a Madrid, os servizos ferroviarios do interior de Galiza manteñan ou incluso empeoren a duración e calidade do viaxe en tren.
Tampouco se entende como trens de primeira hora da mañá seguen suprimidos impedindo que os usuarios e usuarias do ferrocarril podan utilizar o tren pra ir a traballar, estudar ou facer os seus trámites administrativos.
Non debemos esquecer que compañeiras e compañeiros de empresas do ámbito ferroviario como Ferrovial, Acciona ou Atendo entre outras, atópanse en ERTE porque RENFE négase a retomar os servizos de atención a bordo dos trens ou en terra, e de asistencia a persoas con mobilidade reducida.
Dende CGT solidarizámonos cas compañeiras e compañeiros que aínda están sen pode traballar ó cento por cen ou que se atopan no ERTE de xeito total, reclamando da empresa a reposición dos servizos ferroviarios nas estacións e a bordo dos trens, nunha Comunidade Autónoma como a galega, cunha poboación envellecida, cuns vehículos ferroviarios (S/121, S/470, S/592) non accesibles pra persoas con problemas de mobilidade e con trens con duración de viaxes de máis de 12 horas.