VI Época - 26

UNHA MONTAÑA QUE VEN ONDA NÓS. A XIRA ZAPATISTA PASARÁ POR PONTEVEDRA

No pasado Outubro chegaba un comunicado do Comité Clandestino Revolucionario Indíxena-Comandancia Xeral do Exército Zapatista de Liberación Nacional para todas as persoas honestas que residen en todos os recunchos do planeta chamado Sexta Parte: UNHA MONTAÑA EN ALTA MAR. Neste comunicado anunciaban a seguinte decisión:

Que é tempo de novo para que bailen os corazóns, e que non sexan nin a súa música nin os seus pasos, os do queixume e a resignación.

Que diversas delegacións zapatistas, homes, mulleres e outroas da cor da nosa terra, sairemos a percorrer o mundo, camiñaremos ou navegaremos ata chans, mares e ceos remotos, buscando non a diferenza, non a superioridade, non a afronta, moito menos o perdón e a mágoa.

Iremos a atopar o que nos fai iguais.

Non só a humanidade que anima as nosas peles diferentes, os nosos distintos modos, as nosas linguas e cores diversas. Tamén, e sobre todo, o soño común que, como especie, compartimos desde que, na África que parecese afastada, botamos a andar do colo da primeira muller: a procura da liberdade que animou ese primeiro paso… e que segue andando.

Que o primeiro destino desta viaxe planetario será o continente europeo.

Fronte a muros e fronteiras, noso navegar colectivo.

Fronte ao gran capital, unha milpa en común.

Fronte á destrución do planeta, unha montaña navegando de madrugada.

Somos zapatistas, portador@s do virus da resistencia e a rebeldía. Como tales, iremos aos 5 continentes.

Dende aquel momento a CGT de Pontevedra estivo atenta a este anuncio e seguimos as novas con interese e ilusión, tamén coa esperanza de poder compartir unha revolución. O Zapatismo fai que non esquezamos que somos un sindicato revolucionario, pero tamén fai que a revolución sexa algo real e presente, un proceso que hoxe en día, cando a sociedade dúrmenos na desesperanza, desperte esa esencia primordial da humanidade que levamos dentro, o desexo de liberdade e a loita por acadala. Se non imos á revolución, a revolución ven onde nós.

Despois daquel comunicado, a sexta parte, chegou a Quinta Parte: A MIRADA E A DISTANCIA Á PORTA. Despois á Cuarta Parte: MEMORIA DO QUE VIRÁ. Xa en Decembro saía a Terceira Parte: A MISIÓN. De como Defensa Zapatista trata de explicarlle á Esperanza cal é a misión do zapatismo e outros felices razoamentos. Ao rematar o 2020 chegaba a Segunda Parte: A CANTINA.

Todas estas partes, estes comunicados, están cheos de unha poética revolucionaria única, podería dicirse que se a unha revolución correspóndelle unha estética nova, unha cultura nova, o Zapatismo ten esa novidade. Así comeza a Quinta Parte… Supoñamos que é posible elixir, por exemplo, a mirada. Supoñamos que vostede pode librarse, así sexa por un momento, da tiranía das redes sociais que impoñen non só que se mira e de que se fala, tamén como mirar e como falar. Entón, supoñamos que vostede levanta a súa mirada. Máis arriba: do inmediato ao local ao rexional ao nacional ao mundial. Mírao? Certo, un caos, un barullo, unha desorde. Entón supoñamos que vostede é un ser humano; vaia, que non é unha aplicación dixital que, velozmente, mira, clasifica, xerarquiza, xulga e sanciona. Entón vostede elixe que mirar… e como mirar. Puidese ser, é un supoñer, que mirar e xulgar non sexan o mesmo. Así que vostede non só elixe, tamén decide. Cambiar a pregunta de: “iso, está mal ou ben?”, a “que é iso?”. Claro, a primeira cuestión leva a un debate saboroso (aínda hai debates?). E de aí ao “Iso está mal -ou ben- porque eu dígoo”. Ou, se cadra, hai unha discusión sobre que é o ben e o mal, e de aí aos argumentos e citas con pé de páxina. Certo, ten vostede razón, iso é mellor que recorrer a “likes” e “manitas arriba”, pero propúxenlle cambiar o punto de partida: elixir o destino da súa mirada… Recomendamos que leades con atención estas partes, que vos empapedes de rebeldía e resistencia. Podedes facelo en http://enlacezapatista.ezln.org.mx/

Finalmente o 1 de Xaneiro do 2021 publican a primeira parte: UNHA DECLARACIÓN… PARA A VIDA. E así unha inmensidade de organizacións de todo o mundo, entre elas a CGT, asinan esta última, e á vez primeira, declaración comprometéndose a… Realizar encontros, diálogos, intercambios de ideas, experiencias, análises e avaliacións entre aqueles que nos encontramos empeñades, desde distintas concepcións e en diferentes terreos, na loita pola vida. Despois, cada quen seguirá o seu camiño ou non. Ollar e escoitar ó outre talvez axudaranos ou non nos nosos pasos. Mais coñecer ó diferente é tamén parte de nosa loita e de noso empeño, da nosa humanidade. Que estes encontros e actividades se realicen nos cinco continentes…

Neste sentido a renovada Secretaría de Acción Social e Formación da CGT de Pontevedra temos participado nas videoconferencias que ao nivel do Estado Español e da Galiza convocáronse pola CGT. Como resultado destas videoconferencias esta renovada Secretaría asumiu o compromiso de coordinar a xira que traerá á delegación Zapatista a visitar Galiza, posiblemente no verano ou outono deste ano 2021. Animamos e invitamos, entón, a calquera de vós que teña interese en participar en poñerse en contacto con esta secretaría a través do seguinte correo electrónico, pontevedrasasoc@cgtgalicia.org.

Seguiremos informando.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *