ENTREVISTAMOS A ANTÓN, UN COMPAÑEIRO DA SANIDADE
O próximo sábado a CGT de Pontevedra convocamos a unha necesaria concentración para reivindicar unha Sanidade realmente pública. Agardamos que o descontento e a organización efectiva e contundente contra a privatización da sanidade vaia en aumento e que a sociedade, neste caso a pontevedresa vaia concienciándose deste perigo. Chamamos a Antón, un querido compañeiro, traballador na sanidade. Enseguida contestounos as preguntas.
Ola Antón! Para comezar e para por en situación aos lectores de La Campana; Cal é o teu traballo e dende cando levas traballando en sanidade?
Son Celador do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e levo 34 anos na Sanidade entre o Hospital Xeral e o Álvaro Cunqueiro.
Aquí, en Pontevedra, temos convocada unha concentración para o próximo sábado, 27 de febreiro, en defensa da sanidade pública, respondendo á convocatoria da Coordinadora Antiprivatización da Sanidade, CAS, e que se reproducirá en moitos outros lugares ese mesmo día. Dende a túa perspectiva de traballador da sanidade, pensas que esta convocatoria está xustificada?
Si, penso que está xustificada, temos que inverter a mercantilización da Sanidade que nestes últimos anos (e o Álvaro Cunqueiro é un claro exemplo ) supuxo un gran negocio para uns poucos e unha gran perda para traballadores e usuarios.
Esquécese que o prioritario é a saúde e apóstase por sacar grandes beneficios das necesidades sanitarias da poboación.
É necesario potenciar a sanidade preventiva (Atención Primaria) para non colapsar os Hospitais e dotalos de persoal e servizos complementarios públicos de calidade.
Máis que nunca é preciso chamar a atención sobre a necesidade de non incidir nesta liña privatizadora, onde a administración gasta máis cartos, pero estes van a parar a mans de especuladores. A aposta polo público é mais barata e beneficia a traballadores e usuarios, ós que a administración debería defender.
Fai uns anos, en setembro do 2015, unha gran manifestación foi convocada pola Asociación en Defensa da Sanidade pública, segundo a prensa a maior da historia de Vigo a que asistiron 200.000 persoas. Encabezada pola xunta de persoal, alí posaron para a foto e fixeron grandes declaracións un montón de políticos, incluso o alcalde de Vigo, e os grandes sindicatos. Como xestionaron toda esta forza e descontento? Para que serviu aquela manifestación?
Si, foi unha manifestación multitudinaria, lembro que non chegamos a saír do Hospital Xeral da cantidade de xente que acudira, que foi ate perigoso porque era imposible moverse, creo que foi a mais multitudinaria á que asistín.
Pouco despois xa estabamos traballando no novo Hospital en pésimas condicións, con unha improvisación e falta de recursos incualificable e como é normal en sanidade por traballar con enfermos, a disposición e experiencia dos traballadores diluíu o desastre dun traslado forzado e improvisado.
Esta manifestación cando xa estaba próximo o traslado viña precedida de mobilizacións dos traballadores no Hospital con asembleas periódicas con importante afluencia, sendo a Xunta de Persoal a canalizadora de estas loitas e a que nunca estivo disposta a medidas contundentes como a folga para un enfrontamento serio á privatización que viña.
O colofón foi esta manifestación multitudinaria (nin eles o esperaban, senón usaríase outro percorrido máis amplo), onde se demostrou o rexeitamento de toda a cidade á política de privatización sanitaria do novo Hospital, e a pouca eficacia das protestas organizadas máis pensando en votos e despachos que na necesidade de parar o novo modelo que supuña o Hospital Álvaro Cunqueiro.
De feito aquelas asembleas do Hospital Xeral son agora inexistentes no novo Hospital, sendo a actividade sindical exclusivamente de despacho.
Eu asistín a aquela manifestación e persoalmente síntome defraudado. Para min foi un exemplo moi descarado da utilización das persoas como propaganda de campaña electoral. Estas actitudes dos partidos políticos, ás que únense as corporacións sindicais, causan unha grande desconfianza e desmobili-zación na clase obreira… Ao cabo, a CGT está a defender a derogación da lei 15/97 e o artigo 90 da Lei Xeral de sanidade. Esto diferéncianos dos convocadores daquela manifestación. Que pensas de que CGT leve esta reclamación á primeira liña de esixencia?
Paréceme imprescindible, a C.G.T sempre tivo presente esta Lei e informábamos do importante que era cuestionala para impedir que pasara o que está a acontecer agora, ter unha vía legal para privatizar a gusto.
Esta Lei vén da man do P.S.O.E co apoio do P.P e Nacionalistas e non entrou dentro das reivindicacións dos sindicatos maioritarios.
Se a mercantilización supón a ruína da sanidade, hai que cambiar a base legal que o permite, e que comeza con esta Lei.
Ti, agora, traballas nese macrohospital Álvaro Cunqueiro. Podes aclararnos porque se defende que o Álvaro Cunqueiro non é un hospital público? Cal é o modelo de xestión?
O modelo de xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro é mixto, público-privado, existindo como é lóxico dúas xerencias ou mandos, o da parte sanitaria e o da parte privada cada un cos seus intereses e competencias. É o único modelo mixto de gran hospital en Galicia.
O edificio foi construído por unha Unión Temporal de Empresas e alugado ao Sergas por 20 anos, a 90 mill € o ano máis extras. Esta U.T.E ten os beneficios das diferentes concesionarias do Hospital.
Sérvese da necesidade da poboación de acudir ao Hospital cobrando por uso do aparcamento, non existindo alternativa (non podes saír do hospital cun paciente sen pasar polo aparcamento).
Explota todos os negocios relacionados coa permanencia no Hospital, televisión, perruquería, kiosko, etc…, así como os servizos antes públicos como lencería, suministros, cociña, mantemento, etc… Esto supuxo unha drástica diminución na calidade dos servizos prestados e nas condicións laborais dos traballadores.
Hai pouco tempo un grupo inversor francés fíxose maioritario na U.T.E e é o que agora controla a parte privada do Hospital. Os negocios non teñen fronteiras.
Polo de agora, ao novo Gran Montecelo de Ponteve-dra non sabemos que tipo de xestión lle agarda. O pasado día 6 adxudicouse a primeira fase de ampliación por 121 millóns de euros a unha desas manobras legais, unha unión temporal de empresas, un xeito de sacar máis tallada…Ben. Cóntanos, Mudou o teu posto de traballo con respecto a cando traballabas no hospital Xeral? Como foi esa adaptación dun sitio ao outro? E a doutros traballadores?
Eu fun un dos traballadores afectados pola privatización. Traballei na reposición de suministros como celador de almacén e fomos apartados das nosas funcións en toda Galicia, pasando a exercer o servizo a empresa “Servicio Móvil” con un almacén central en Negreira que distribúe a todos os Hospitais de Galicia. Non perdemos o posto de traballo como celadores, pero sí se estragou unha experiencia de anos de xestión de almacéns para favorecer unha empresa que busca beneficios, empeorando as condicións laborais dos traballadores e a calidade do servizo, xa que traballan con stocks mínimos para aforrar custos o que supón que en moitas ocasións falta material.
Coma min, moitos outros traballadores sufriron a privatización… persoal de lencería (pinches), cociña (pinches e cociñeiros/as), mantemento, etc… Os pinches pasaron a celadores ou á empresa privada, os cociñeiros/as pasaron a “ Administrativos” e mantemento conservou os fixos no Meixoeiro e privatizou os contratados.
Houbo tamén un intento de privatización de parte das funcións dos celadores (todo o que non fora atención o paciente) que polas mobilizacións dos traballadores conqueriuse parar.
Outro motivo polo que convocamos á sociedade pontevedresa o próximo 27 de febreiro, é pola precariedade en todo o ámbito sanitario e no sistema de contratación fraudulento. Que tes que dicir a isto?
En Sanidade no apartado de persoal téntase aforrar, tendo plantillas moi axustadas, usando términos empresariais para confeccionar plantillas sen ter en conta as particularidades da asistencia sanitaria. Desprazase persoal según necesidades, as veces este sen experiencia e coñecementos dunha area determinada.
Non se cobren as vacantes xeradas e amplíase unha bolsa de contratacións moitas veces ao limite da legalidade. Estas duras condicións de traballo fan que o trato entre compañeiros e cos pacientes sexa moitas veces malo, pagando os pratos rotos que deberían pagar os que provocan ou son cómplices desta progresiva privatización sanitaria.
Como vos atopades agora. Que tal levades a pandemia?
Agora mesmo hai cinco espazos do Hospital ocupados pola Covid, que antes eran de traumatoloxía, cirurxía, medicina interna, dixestivo. Isto significa que estes enfermos están distribuídos por outras especialidades do Hospital e reducidas as operacións por falta de espazo. É máis complicado traballar nestas condicións, en todo caso os que peor o levan son os compañeiros/as que atenden ós pacientes Covid, xa que supón un esforzo psíquico e físico polas condicións de traballo.
Grazas Antón! Unha forte aperta dende Pontevedra!