ENTREVISTA COA SECCIÓN SINDICAL EN TELEPERFORMANCE DA CORUÑA

Este 2 de marzo, mentres La Campana chega aos vosos dispositivos, en Coruña, Ponferrada e Sevilla as traballadoras de TelePerformance mobilízanse diante dos seus centros de traballo, unha vez máis, repetindo as mobilizacións do pasado 23 de febreiro. Aquí en Pontevedra tamén faremos unha acción en solidariedade con estas traballadoras que veñen sufrindo unha constante situación de abusos laborais. Faremos caso ao chamado destas traballadoras para que se visibilizen aos cómplices desta subcontrata.

Xa o dixen en máis dunha ocasión, debemos estar moi atentos ás condicións no sector de telemarketin. Penso que este sector é un espello que reflexa a realidade laboral contemporánea, nunha gran parte. Pero sobre todo é un espello onde podemos intuír o porvir da realidade laboral. As condicións laborais deste sector van estendéndose a outros sectores, e sobre todo ao sector servizos que representa case o 80% do emprego no estado español. Por suposto, por moi atentos que esteamos, isto non vai cambiar se non nos mobilizamos.

Chamamos á sección sindical de CGT en TelePerformance da Coruña que rapidamente reuniu as súas delegadas, Inés, Mary e Rocío para contestar ás preguntas de La Campana.

Ola Rocío, ola Inés, ola Mary! Vos traballades no call-center de TelePerformance da Coruña. Ao meu móbil chegan, día si e día tamén, convocatorias, denuncias ou alertas sindicais do sector do Telemarketin. Ao voso entender, porque é tan problemático este sector?

Un dos problemas máis importantes é que a maioría das persoas deste sector son mulleres con xornadas parciais de 25/30 horas semanais e con contratos eventuais ou por obra que, nunha gran porcentaxe, nunca pasan a ser indefinidos, ou as xornadas son indecentes. Por outra banda, co convenio que temos (levamos un ano de negociación do novo) estamos moi precarizadxs cos nosos salarios. Aínda así a patronal quere seguir recortando dereitos como os permisos retribuídos, limitar as excedencias e as horas médicas,… Actualmente e desde o inicio da pandemia tampouco van a cubrir os gastos do teletraballo (luz, internet,…).

Na actualidade o telemarketin é un sector que emprega a moitísima xente, posiblemente, pode comprobarse en datos, emprega tanta xente como as grandes industrias. Sen embargo, un ERE nunha gran industria, un despedimento ou calquera das modas patronais, levantan un gran rebumbio na prensa, na sociedade e incluso no sindicalismo. Porque cando isto pasa nunha compañía de telemarketin o eco é moito menor?

É un sector moi inestable, onde aparte de ERES tamén se dan despedimentos puntuais e de forma continua. Ao traballar con “grandes clientes” de telefonía, eléctricas, banca, seguros,…. sempre é mais complicado chegar aos medios.

Na Coruña tivemos dúas empresas que sufriron ERES (Extel e Atento) e conseguiron chegar aos medios pola repercusión social que tivo, polo gran número de despedimentos que plantexaban e polas mobilizacións dxs compañeirxs afectadxs e gran parte da sociedade coruñesa que apoiaron os paros e as manifestacións.

A nivel xeral, no voso sector, en canto afecta a CGT na combatividade obreira e na loita por mellorar as vosas condicións?

Temos un forte compromiso na defensa dos nosos dereitos laborais e esa é a nosa pelexa diaria, plantándonos ante calquera abuso ou tropelía que pretenda facer a empresa coa maior forza posible.

E en Teleperformance, a vosa empresa? Que forza é capaz de mobilizar a CGT?

En Coruña levamos pouco tempo e aínda non temos a forza que nos gustaría, pero cos últimos acontecementos en Teleperformance queremos concienciar aos compañeirxs da necesidade da unión e da mobilización conxunta. Temos o apoio das seccións sindicais de CGT doutras empresas na cidade e a nivel estatal das seccións de CGT en diferentes sitios de Teleperformance.

O pasado 23 de febreiro convocastes concentracións ante as portas de TelePerformance na Coruña, Sevilla e Ponferrada. Tamén tedes convocado para o próximo 2 de marzo. Podedes explicarnos que vos levou a tomar estas medidas?

Foi un cúmulo de abusos por parte da empresa como descontos en nóminas por incidencias nas conexións do teletraballo que seguen sendo pésimas e que Teleperformance imputa axs trablladorxs; a forma de organización e planificación nas campañas e a mobilidade continua entre elas, provoca unha carga de traballo excesiva na plantilla; os despedimentos alegando baixo rendemento e os fins de obra que se aplicaron co peche da campaña de Orange e a falta de información e comunicación cos representantes legais dxs traballadorxs.

Ao respecto do teletraballo. Como o vivides aí en TelePerformance Coruña?

É certo que arrancou dunha forma moi desorganizada tendo que poñer os medios para teletraballar dende a casa xs propixs compañeirxs e con moitos problemas cos sistemas e as conexións ao facerse de forma remota, circunstancia que a empresa aproveitou para empezar a facer descontos en nóminas.

Co paso dos meses e o avance da pandemia, a empresa empezou a facilitar os equipos mellorando en parte os problemas técnicos das conexións, pero continúan os descontos nas nóminas. Tamén comenzaron a implantar app nos ordenadores para comunicarnos entre nós, pero aínda quedan servizos nos que se seguen usando os móbiles persoais. Algo que temos denunciado e reclamado en moitas ocasións, relacionado coa implantación do teletraballo, é que a empresa non respecta a desconexión dixital á que temos dereito e comunícase cos compañeirxs fóra da súa xornada laboral.

Parece mentira, pero estamos vendo que o teletraballo está a usarse coa finalidade de ternos máis controlados; pretenden que fagamos máis horas e tarefas das que nos corresponden, algo que propicia o illamento que temos ao estar nas nosas casas.

Se non me engano, estase a negociar o convenio colectivo de telemarketin. Que expectativas tedes?

Non moi boas porque a patronal pretende seguir recortando dereitos, conxelar os salarios e precarizar aínda máis o sector coa flexibilidade horaria, de contratación e despedimentos. Os avances na negociación son escasos e todo apunta a que vai a rematar en reivindicacións unha vez máis para conseguir nas rúas o que non se consegue na mesa de negociación.

Moitas veces, os empresarios e directivos, esquécense dos convenios e incluso das leis. Continuamente, e a sabendas, abusan dos traballadores, como no voso caso. Ademais o camiño xudicial para reclamar os dereitos recoñecidos faise, cada vez máis, pesado e longo, incluso cando son cousas evidentes. A min, ese esquecemento de que somos persoas, de que temos unha vida, de que temos fillos e persoas queridas coas que temos responsabilidades, de que temos necesidades… esa falla de respecto cara nós, cabréame moito. É un xeito de violencia constante, e temos que ter uns nervios de aceiro para manter a calma e non estoupar. Ademais, por riba, moitas veces teñen a prepotencia de pedirnos que calemos e que aceptemos polo ben da empresa e de todos… non sei… Como se leva a vida traballando para TelePerformance?

O que acabas de expoñer aplícase ao 100% a Teleperformance. Na actual situación de pandemia, a empresa non deixa de pedirnos esforzos para saír adiante, como adiantar vacacións, solicitar excedencias nos momentos de menos carga de traballo,… para así obter eles unha maior rendibilidade. A empresa, lonxe de poñer tamén da súa parte, intenta abusar cada vez máis dxs traballadorxs.

Lamentablemente isto obríganos a recorrer continuamente á Inspección de Traballo e aos xulgados,algo que demora estas problemáticas no tempo.

Grazas. Se queredes engadir algo máis

Agradecer o voso interese e o voso apoio coa nosa problemática e aquí seguiremos buscando a unidade e a conciencia da mobilización dxs traballadorxs plantando cara á empresa ante os seus abusos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *