A CGT DE CORREOS EN PÉ DE LOITA
No anterior comité local os compañeiros traballadores da empresa pública estatal Correos informábannos da grave situación que veñen sufrindo e da deixadez da dirección de Correos. Unha deixadez que leva cara o desmantelamento cada vez maior do servizo postal público. Non é nada novo, xa avisarannos en anteriores comités locais da, por exemplo, inclusión do persoal de Correos nun Real Decreto de Xornadas Especiais, equiparando así a correos coa hostalaría. A inclusión do persoal de Correos neste Real Decreto suporía a desregularización da xornada laboral de luns a venres en unha de luns a domingo, legalizando así o incumprimento dos mínimos de descanso e xornada que dita o estatuto dos traballadores.
A esta ameaza hai que sumarlle as sobrecargas de traballo continuadas debidas a falla de contratación que están levando á precarización deste servizo público. Así a unidade de reparto de Sabadell declarou unha folga indefinida que veñen realizando dende o pasado 6 de Abril e que está a estender a loita dentro de correos. A folga é total en canto é secundada por todos os traballadores da oficina de Sabadell. Ademais estes compañeiros de Sabadell acusan á xefatura local de Correos de falsificar datos relativos á entrega de notificacións administrativas. Tamén denuncian o incumprimento da lei de prevención de riscos laborais. Ademais tamén denuncian que se prioriza o reparto da paquetería urxente, que a día de hoxe é un servizo privatizado, en detrimento de garantir a prestación pública do servizo postal universal.
A plantilla de Sabadell sae diariamente as rúas para que se visibilize a súa situación e a de correos en xeral. Teñen visitado e recibido solidariedade de moitas asociacións de veciños afectados, que son uns 70.000. O pasado mércores 14 de abril mobilizáronse en Barcelona diante do edificio da Xefatura Provincial. Alí un compañeiro e unha compañeira do comité de folga entrevistáronse coa xefa de relacións laborais sen chegar a ningún acordo. Esixen a contratación de doce traballadores de xeito estable. Tamén presentaron unha denuncia na Inspección de traballo por acoso laboral de Correos á plantilla de Sabadell xa que reúnense todos os requisitos para poder presentar esa denuncia.
As concentracións e folgas parciais polos mesmos motivos están a estenderse por todo o territorio, aínda que en moitos lugares tropezan coa desidia e complicidade das corporacións sindicais coa dirección privatizadora da empresa. Sen embargo en Almería CGT e SIPCTE convocan unha folga xeral en Correos para toda a provincia do 21 ao 23 de Abril contra o desmantelamento do servizo postal público e o recorte dos empregos. Nunha nota conxunta dos dous sindicatos din que “os carteiros de Almería dixeron ¡xa abonda!”, e xustifican a decisión de convocar a folga polo cansazo que acumula o persoal. “Estamos exhaustos”, din os convocantes que denuncian “escaseza de medios humanos e ás veces ata materiais”. Acusan a Correos de provocar, por estes motivos, “unha sobrecarga sistemática de traballo, de esgotamento físico e emocional dos carteiros”. Denuncian a existencia “de contratos en fraude de lei, das altas taxas de temporalidade, de oficinas onde é imposible traballar dignamente, de non dar abasto no reparto”.
Por todo isto os carteiros decidiron mobilizarse e levar a cabo unha folga de tres días, co fin de esixir a Correos: “Non aos recortes de persoal, aumento da contratación, unha sección un traballador, non somos animais de carga”. Ambos sindicatos mantiveron reunións con Correos que non serviron para que a entidade atenda as súas reivindicacións. Ata, denuncian non ser atendidas as reivindicacións levadas ante “os xuíces árbitros do SERCLA no acto de conciliación previa celebrado o pasado venres”. Ambas centrais sindicais din que non hai marcha atrás.
Outra vez máis a CGT mobilizase para defender os dereitos dos traballadores, contra a privatización dos chamados servizos públicos estatais e chamando á rebeldía como xeito de mudar unha deriva cada vez máis capitalista, individualista, autoritaria, inhumana…