VI Época - 38

NOVO ATAQUE AS COMUNIDADES INDÍXENAS DE MÉXICO

O pasado 16 de abril ás 9.30 da mañá o grupo narco-paramilitar chamado “Los Ardillos” abriu fogo disparando con armas de alto calibre contra a comunidade nahua de Tula. Esta comunidade habita no municipio de Chilapa de Álvarez do estado mexicano de Guerrero. A comunidade pertence ao Consejo Indígena y Popular de Guerrero-Emiliano Zapata, unha das moitas organizacións indíxenas en rebeldía dentro do estado mexicano. Como tantos outros ataques a estas comunidades indíxenas a “balacera” produciuse “co silencio do brazo armado do Estado, posto que estando ao lado dos asasinos e atacantes, decidiron seguir a ruta da omisión, polo tanto son culpables e cómplices de quen atacan, desaparecen, torturan, asedian e asasinan aos nosos compañeiros e compañeiras do CIPOG-EZ diariamente”, sinalan dende a Misión Civil de Observación-Sexta.

O motivo destes ataques dos grupos narco-paramilitares, coa complicidade do mal goberno, é o control do territorio, para a destrución da natureza, a apropiación dos recursos naturais das comunidades e a urxencia de debilitar as resistencias e acabar con todas aquelas persoas que loitan pola vida nas comunidades de Guerrero, México e en todo o mundo.

Xa a pasada noite do domingo 7 de marzo aproximadamente ás 22:00 horas, foran agredidos membros do CIPOG-EZ logo de volver dunha asemblea no municipio de San Marcos con compañeiros Policías Comunitarios da Costa Chico. Cando volvían a Chilapa, antes de chegar á comunidade de Tlatoaqui, crucero de Olinalá, foron emboscados por aproximadamente 10 persoas con armas de groso calibre ak-47 e R-15, resultando feridos os compañeiros Adán Linares Silverio, Pablo Hilario Morais, Alberto Zoyateco Perez e o compañeiro Jordán Terjiño Luna quen lamentablemente perdeu a vida nas primeiras horas do 8 de marzo polas feridas de bala. Tamén quedaron destruídas dúas camionetas do CIPOG-EZ polas mesmas balas das mans asasinas do grupo delincuente e narco-paramilitar Los Ardillos.

Ao día seguinte, o luns 8 de marzo, aproximadamente á 1 da madrugada os compañeiros do CIPOG-EZ atopábanse en Chilapa, onde se entrevistaron cunha persoa que se identificou como comandante Rojas, coordinador da Rexión da Montaña da policía estatal con quen se acordou ir á fiscalía para trasladarse ao lugar onde ocorreu a emboscada sen que teñamos noticias de ningunha actuación por parte das autoridades contra o grupo narco-paramilitar “Los Ardillos”.

Paga a pena recordar que do 20 ao 27 de febreiro, a Misión Civil de Observación-Sexta, documentou nas comunidades que integran ao CIPOG-EZ, graves violacións aos dereitos humanos, como tortura, encarceramentos, ordes de aprehensión, falsas denuncias, desaparición e desprazamentos forzados ou asasinatos con gran saña e brutalidade. Tamén axuntou á falta de acceso aos dereitos máis básicos como son: saúde, educación, traballo, acceso á xustiza, seguridade, identidade e ao libre tránsito. O goberno estivo decatado disto e ata ofreceu apoio á Misión Civil de Observación-Sexta, desde as súas instancias federais, estatais e municipais, desde as súas oficinas de dereitos humanos e outras, preguntaron si necesitaban algo, ata propuxeron unirse á Misión. A pouco máis dunha semana deste ofrecemento “novamente os nosos irmáns son emboscados” declarou daquela a Misión Civil de Observación-Sexta.

Por iso dino clara e directamente, “que sabemos que os culpables da morte, os secuestros, desaparicións, torturas e toda a brutalidade que viven as 24 comunidades que integran ao CIPOG-EZ, son os grupos criminais que operan Los Ardillos. Estes grupos estendéronse no corredor de Tlapa a Chilapa. Tamén dicimos directamente que iso o sabe moi ben o mal goberno, desde o federal, estatal e municipal, pero a súa resposta foi a mesma que dan ás que abaixo se organizan e defenden a vida e o territorio: o desprezo e a morte. Denunciamos que a seguridade, paz e xustiza que prometeu o actual goberno da 4T, foi pura simulación ”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *