VI Época - 42

ENTREVISTA A ÁLEX, DA ASEMBLEA DO SUÍDO

O sábado achegueime ata a Andaina Pola Protección da Serra do Suído. Alí percorremos non sei cantos kilómetros, unhas seis horas de camiño, os que fixemos a opción mais longa. Atopámonos moita xente coñecida e polo camiño fixemos un intercambio de experiencias e loitas. Explicáronnos un montón de cousas. Por exemplo como un parque eólico podía afectar gravemente as turbeiras nas que se asentaba, construídas polo case infinito paso do tempo, e destruír o seu sistema de almacenamento da auga. Ese almacenamento xa non correría cara os vales do Tea ou Verdugo, afectando, claro está, ao aprovisionamento de auga de zoas como Ponteareas ou Vigo. Tamén recorremos lugares afastados da intervención humana e refuxio da biodiversidade e vimos a un voitre leonado xirar no ceo. Alex, da Asemblea do Suído fixo de guía e ocupouse de que todo saíra ben, ademais de presentar o acto e ás persoas que interviron. Aproveitei a ocasión para entrevistalo.

Ben, para comezar, explícanos que é a Asemblea do Suído, como naceu, a súa historia…

Pois, nacemos na década dos 90 como un grupo ecoloxista local, de Covelo, que nos interesaba a contorna. Tiñamos como exemplo a ADENCO que era unha referencia da zona, do Condado. En principio concentrámonos en loitar contra a concentración parcelaria das fragas do río Tea que estábanse a facer sen ningún tipo de control medioambiental e con fondos europeos derrubando carballos centenarios coas pas mecánicas. Denunciamos isto a Europa por malversación dos fondos europeos e déronnos a razón, paralizamos as obras e tiveron que facer obras de restauración dos danos que fixeran. Ao pouco, centrámonos na loita pola conservación da Serra do Suído. Entramos na loita contra os parques eólicos na Serra do Suído, no Faro de Avión e a súa contorna. Nós mantemos un modelo de enerxía eólica que ten que ser descentralizado, é dicir, de pequena e mediana potencia. Tamén defendemos que ten que haber unha ordenación do territorio, é dicir, marcar, dunha vez, cales son os lugares que poden manter unha instalación deste tipo e cales non. Hai lugares que polas súas características non deberían ser destinados a parques eólicos. Esta é unha loita que mantemos dende os anos 90 porque o plan sectorial eólico vixente é un plan que fixo o goberno Fraga no 1996 e non cambiou, é o mesmo. Así, calquera recurso de Galicia pode ser obxecto de instalación dunha infraestrutura de este tipo. Criticamos as infraestruturas eólicas porque seguen o modelo das empresas e fondos de inversión para acumular a enerxía e tamén os beneficios sen ter en conta as características do territorio, nen as poboacionais. Estamos a falar da defensa dos montes veciñais que están afectados por estas instalacións. Estas instalacións van aparelladas a outras infraestruturas como vías de comunicación novas para acceder as montañas, liñas de evacuación da electricidade, subestacións eléctricas, o que supón un forte impacto no medio e un deterioro grande da contorna.

Non sei se xa respondiches pero, porqué estamos hoxe aquí?

Estamos hoxe aquí porque despois desas loitas acadamos a principios dos anos 2000 paralizar tres parques eólicos, o que foi un fito, poucos lugares en Galicia lograron iso. E resulta que co paso do tempo viu unha crise económica e as empresas e fondos de inversión deixaron de abrir a billa dos cartos, entón eses proxectos, como son moi caros, non se levaron a cabo. Agora como hai uns fondos europeos para a recuperación económica volven a ter financiamento e volven á carga. Volven á carga coa mesma premisa, para eles isto é unha escusa para loitar contra o cambio climático e a crise climática pero están loitando coas mesmas armas que provocaron esta crise climática, é dicir, coas novas armas do capital e a lóxica da rendibilidade económica expandida a todos os recunchos da sociedade. Esto xa se viu que non funcionaba e, entón, claro, estanse proxectando parques de este tipo en lugares dun alto valor ecolóxico que non poden soportar esas instalacións. E por eso estamos aquí hoxe.

Vale en concreto porque hai…

Hai proxectos de novo, sí. Hai proxectos de novo en lugares que paralizamos e volven outra vez á carga. Esto é porque o goberno galego consente. O goberno galego está ás ordes desas empresas e fondos de inversión, son os seus executores, non… Non é nada de estrañar. Estamos aquí hoxe porque é o día mundial da diversidade e o día europeo da Rede Natura 2000 e para esixir que o Suído teña ese grado de protección da Rede Natura 2000 co que evitaríamos a instalación destas infraestruturas. Temos que pensar que o Suído xa foi proposto para formar parte da Rede Natura 2000 a principios do 2000 e está paralizado simplemente por intereses económicos. Porque, claro, sería unha figura legal que impediría que aquí se fixeran parques eólicos e tamén as minas que levan aparelladas de metais para facer condutores eléctricos, porque toda esta tecnoloxía necesita tamén destes metais. É dicir, van parellos. Entón, a día de hoxe a Serra do Suído aínda non está protexida por ese motivo, cando xa había unha proposta feita, xa había unha catalogación dos hábitats, había mapa sobre a zona e simplemente todo iso botouse ao lixo para favorecer os intereses do capital.

Semella que agora hai moitas convocatorias como esta de hoxe. Sen ir máis lonxe, a semana pasada na Serra da Groba, a anterior no Suído-Seixo contra as minas… Agora nestes momentos hai unha gran diversidade de contestacións. Son unhas contestacións locais ou tedes algún tipo de coordinación?

Sí, estamos en contacto e hai varias redes de coordinación destas loitas. De feito estamos a organizar conxuntamente unha gran manifestación para o día 6 de Xuño que é o Día Mundial do Medioambiente. Sí, estamos en contacto. E sí que é certo que actualmente hai moita máis contestación que a principios dos anos 2000 pois esta é unha nova vaga de proxectos eólicos a gran escala. Houbo unha primeira a finais dos anos 90, unha segunda a finais do 2010 e 2011 e esta é a terceira vaga. É unha vaga que ten moita máis contestación. Pero é moi difícil fixar a mensaxe cando se vende a enerxía eólica como unha enerxía limpa e a alternativa á que se produce con combustibles fósiles produtores de gases de efecto invernadoiro. Facer entender a moita xente que estamos en contra, non da enerxía eólica, senón da instalación de aeroxeneradores en determinados lugares é un pouco difícil. Sobre todo cando contamos con campañas multimillonarias de greenwashing, de lavado de cara verde, das propias multinacionais, empresas enerxéticas e fondos de inversión que están vendendo isto como unha marabilla e que non ten ningún tipo de impacto. Nós o que queremos dicir e precisar é que evidentemente apostamos pola enerxía eólica, como un modelo alternativo de produción enerxética e tamén eléctrica, cara unha maior electrificación da nosa enerxía. Precisamente para reducir a pegada de CO2, pero que temos que facelo dun xeito planificado. Porque hoxe en día Galicia é un pastel a repartir entre diferentes empresas e está nunha poxa. Hai lugares que temos que preservar, non podemos poñer en perigo a conservación da biodiversidade por unha cuestión económica, empresarial ou de competitividade. Deixar claro iso, que apostamos pola enerxía eólica pero non dunha maneira centralizada como agora, como un puro negocio, senón por unha enerxía eólica de pequena e mediana potencia e que tamén a xente poida autoproducir, que non sexa un mero recurso económico e unha mera mercadoría. O que dixen antes, é loitar coas mesmas armas que nos levaron a esta crise ecolóxica que ten uns responsables. Non somos os seres humanos os responsables é o capitalismo.

Vós a Asemblea do Suído estades nas comunidades de montes como comuneiros e incluso nas xuntas directivas…

Sí, somos comuneiros. Eu son o presidente dunha comunidade e hai xente noutras comunidades parroquiais de aquí, de Covelo.

Porque decidichedes integraros nas comunidades de montes? Creedes que realmente estas comunidades son uns espazos asemblearios e comunais? E non creedes que hai un ataque ás comunidades de montes como xestoras do territorio?

A ver, os montes veciñais son un tipo de figura secular, tradicional en Galicia que témolo agochado e non o valoramos na súa xusta medida, é dicir, son unha oportunidade de xestión directa do territorio. Esto é algo que semella moi moderno e revolucionario pero é algo que se leva facendo en Galicia durante séculos, xestionar o seu propio territorio. Os montes veciñais son de orixe xermánica e incluso poden ser anteriores. Son armas que temos para precisamente protexer, cuidar e traballar polo territorio. En Galicia temos a sorte, noutros sitios non, de que temos unha lei de montes veciñais que nos ampara e recoñece, que tamén regula o noso funcionamento e que fai moito fincapé na súa estrutura asemblearia. Son unha boa forma de participación e á que animamos á toda a xente que vive no rural e á xente nova, a que se incorpore a elas. Ademais teñen un articulado que di que calquera persoa que viva no territorio pode formar parte dese monte veciñal. É dicir, non fai falla estar censado, simplemente basta con vivir nese lugar, nesa parroquia, nese ámbito no que está o monte veciñal para formar parte da comunidade. Agora si, requiren de moito traballo e dedicación, entón, claro, moita xente botase para atrás por iso pero é que se queremos defender o territorio e cuidalo non podemos pretender que o faga o estado ou que o fagan as empresas, temos que ser nós mesmos. Hai xente de montes veciñais que están hoxe aquí e que son exemplos de boa xestión. Tamén dicir que vivimos nunha zona despoboada e que os montes veciñais hai moitos e o seu funcionamento vai depender de que persoas están detrás da súa organización. Vivimos nunha zona moi castigada pola migración, entón tamén é certo que moitas das parroquias están semiabandonadas e moi envellecidas e non hai ninguén que se preocupe dun xeito forte pola xestión do monte veciñal. Por iso ás veces hai conflitos e outras maneiras de entender o que é o monte.

Unha última pregunta, que sempre fago a mesma. Algo que queiras dicir que non teñas dito…

Que temos que estar implicados todos nestas loitas pola conservación do territorio porque afectanos a todos, vivamos nunha cidade ou no rural. Calquera falta de interese ou falta de atención cara á defensa do territorio vai significar que vai ser unha porción de pastel para as grandes empresas especulativas do capital. É o que están buscando, que non haxa resistencias e facerse cos recursos que temos e, dende logo, quedarse eles coa riqueza e nós cos refugallos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *