A LOITA SERVE!
Dende La Campana sempre estamos espertos e atentos ás loitas dos nosos compas da CGT de Galicia. Tamén seguimos puntualmente aos compas de telemarketing. Queremos con isto unirnos a súa loita e solidarizarnos. Así que facémonos eco destes comunicados emitidos dende a CGT de Coruña.
Dende CGT de Atento-Coruña denuncian que Iberdrola coa complicidade de Atento Corp. e Triangle Intérim precarizan un sector xa precarizado por ser un sector feminizado. O tinglado empresarial de subrogación a empresas especializadas, neste caso no telemarketing, controladas pola propia empresa matriz, e estas a súa vez contratando por medio de ETTs. Un tinglado para evadir a responsabilidade social que a empresa ten como xeradora de traballo. Un tinglado que amosa a verdadeira cara do empresariado como axente social que sen dúbida é, e que a pesar de todas as modernidades e novos tempos en que vivimos segue enfrontándose ao asalariado, e a clase obreira, eso si, con novos e modernos métodos cada vez máis sofisticados. Un empresariado que sofisticadamente pretende desposuír á clase obreira da súa conciencia e pensamento, igualándoa ás maquinas necesarias para producir os inmensos beneficios causantes da grande desigualdade que espertaron a conciencia obreira e que agora conseguen relegar ao mundo dos soños ou da ficción.
A CGT de Atento-Coruña denuncia que Iberdrola presuma de ser unha empresa que apoia á muller, xa non só a nivel profesional, tamén como patrocinador da liga de fútbol feminino. A fachendosa Iberdlola entende así a igualdade. No referente ao seu papel como empresa con respecto ás súas traballadoras di cousas como: “O Sistema de Goberno Corporativo de Iberdrola articula o firme compromiso da compañía coa igualdade de oportunidades, do que se deriva o noso compromiso coa igualdade de xénero en catro ámbitos de xestión: recrutamento e selección, condicións salariais, formación e desenvolvemento profesional e comunicación, que concretamos en seis áreas de acción: Promover a igualdade dentro e fóra de Iberdrola. Implantar medidas de acción positivas para corrixir desigualdades. Garantir que as mulleres participan en todos os ámbitos de consulta e decisión. Eliminar obstáculos na carreira das mulleres. Potenciar mecanismos que corrixan a representación insuficiente de mulleres coa cualificación necesaria. Fomentar medidas de conciliación e flexibilidade baixo a perspectiva de xénero paritaria”.
Mais, como sinalan dende CGT deAtento-Coruña, a realidade é outra por moito que a disfracen de modernidade. A realidade é que Iberdrola non dubida en aproveitarse dos sectores máis precarizados, precisamente por ser feminizados, para contratar a quen vai traballar para ela, aumentando así os seus beneficios.
Esa é a situación que se vive na Coruña dende fai máis dun ano, onde Iberdrola subroga a Atento a súa campaña de captación de clientes, que a súa vez utiliza traballadoras da ETT Triangle para levar a cabo o traballo. Un sistema co que ganan todas as empresas e perden as traballadoras.
Outro comunicado da CGT-Atento Coruña denuncia o pouco que lle importa á empresa a organización da vida persoal das súas traballadoras, ou eso que chaman conciliación familiar, para sacarlle lume ao fogo. A empresa fai xa dous anos que impuxo o goce dunha semana das vacacións antes do mes de xuño. O motivo aducido pola empresa é que ven moi ben para organizarse. Esa imposición desprezou a organización das vidas de cada traballadora. A CGT levou unha demanda por este motivo ante a Audiencia Nacional, ao entender que segundo a lei as vacacións son un acordo entre empresa e traballadores e a empresa non as pode impoñer. A Audiencia Nacional deu a razón á CGT obrigando á empresa a deixar sen efecto as vacacións que impuxo.
Con toda a soberbia, Atento non comunicou a nulidade das vacacións aos traballadores polo que CGT tivo que denunciar outra vez, esta vez nun xulgado de A Coruña que outra vez deulle a razón. Así recoñece que a empresa debeu advertir por escrito a cada traballador que eses días de vacacións quedaban sen efecto instándolle a elixir outros. A sentencia condena a Atento a conceder unha nova semana de vacacións ou a pagar unha indemnización equivalente aos traballadores que denunciaron e ganaron. Aproveitando este exemplo a CGT de Atento-Coruña anima aos traballadores a plantarlle cara á empresa e non permitir os seus avisos. A loita serve, advirten.
Fonte: CGT Coruña.