VI Época - 53

FOLGA DE 24 HORAS NO TELEMARKETING. A CGT CONVOCA FOLGA EN ABAI

Segue a negociación do Convenio Colectivo Estatal dos Contact Center. Despois da última xuntanza, a CGTelemarketing, presente na mesa de negociación, advirte de que a patronal non quere que haxa futuro para este convenio, ou dito doutro modo, quere prolongar o actual para así convertelo nun convenio irrelevante e á deriva. Advirte tamén que, de seguir así, no próximo xaneiro de 2022, ao non poder renovar o actual convenio, o Salario Mínimo Interprofesional superará o salario a percibir dos teleoperadores. Outra vez a estratexia empresarial de caducar convenios para inutilizalos, mantelos sen renovar para que non se apliquen.

Na xuntanza celebrada o pasado 14 de outubro a patronal propuxo recortar aínda máis as prestacións por baixa médica. Argumentan que segundo os seus datos a xente faltaría menos ao traballo. Toma argumento! Forzar á xente a ir traballar a pesar de que a autoridade, o médico da seguridade social ou a mutua, recoñecida para diagnosticar unha enfermidade que como consecuencia necesita unha baixa, a conceda. O traballo antes que a enfermidade, argumentan. O beneficio antes que as persoas din claramente, sen vergoña. Tamén propuxeron meterlle man ao réxime sancionador, endurecendo sancións. Concretamente, queren que unha soa falta de asistencia inxustificada convértase en falta grave; e tamén propuxeron que calquera persoa que colgue unha soa chamada sexa sancionada con falta moi grave, ou o que quere dicir que calquera persoa que colgue unha chamada poida ser despedida. Os traballadores que loitamos sindicalmente sabemos do uso selectivo do réxime sancionador que usan os patróns para castigar a loita sindical pero quizais haxa que ser traballador do telemarketing para apreciar este uso en todo o seu falso esplendor, procurando sementar o medo no persoal con castigos exemplarizantes. Toda unha preocupación polo benestar dos traballadores, só hai un xeito de benestar, a submisión que impón a empresa. Peticións absurdas que o único que pretenden é demostrar que non están polo labor de alcanzar ningún acordo.

Para poñer esta situación en contexto só temos que escoitar, outra vez ás compañeiras de telemarketing de A Coruña. Nesta semana as compañeiras de ABAI, antiga EXTEL, xunto co comité de empresa convocan para o mércores 20 de outubro, unha FOLGA DE 24 HORAS. Para ver este contexto só temos que ler o manifesto emitido por estas compañeiras, que é o que segue.

Tras longos meses de advertencias á dirección sobre a dramática situación que padecemos, e á vista de que non lle importa nada, chegou o tempo de mobilizarse. Todas as reunións e escritos non serviron para que ABAI decidise poñerlle fin a esta escalada de precariedade e acoso.

            O martes, 5 de outubro, celebrouse unha reunión extraordinaria, a pedimento do Comité, para tentar, unha vez máis, reconducir a situación, pero a empresa non se comprometeu a tomar ningunha medida significativa que implique unha mellora real, todo a base de vaguidades, promesas e boas palabras que non serven para nada.

            En todos estes meses vimos un progresivo deterioro das condicións laborais, incumpríronse os acordos co Comité de Empresa, a carga de traballo non deixou de subir en todos os departamentos, ao ritmo que incrementan as esixencias e os obxectivos. Todo isto acompañado dun empeoramento da formación, que sempre foi escasa, pero que agora por aforrarse minutos é practicamente inexistente.

            A  Dirección decidiu declararlle a guerra ao persoal a través da degradación sistemática das condicións laborais, cada día temos máis presión con auditorías indiscriminadas, obrigación de cubrir infinidade de cuestionarios, movementos arbitrarios entre departamentos e cambios unilaterais de incentivos, que provocan un grave prexuízo económico, ao verse reducidas drasticamente as retribucións variables.

            É a hora de actuar de maneira colectiva para defender con contundencia os nosos dereitos laborais e o dereito a traballar dignamente. A estratexia depredadora de ABAI é un atentado contra as nosas vidas, poñendo en grave risco a nosa saúde, non o podemos permitir!.

            O Comité de Empresa chama a todas/os as/os compañeiras/os a secundar a folga de 24 horas, que o teletraballo non sexa un impedimento para demostrarlle á compañía que non estamos dispostas/os a soportar máis os seus abusos.

            Coincidindo coa xornada de folga terá lugar unha CONCENTRACIÓN diante do centro de traballo ás 12 horas. É moi importante que todas/os acudamos!

Fonte: CGTelemarketing e CGT Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *