VII Época - 6

FOLGA INDEFINIDA NO SERVIZO DE LIMPEZA DE CORREOS

Mentras a precariedade das condicións laborais vaise estendendo de sector en sector, hai mulleres como as do SAD ou as do Servizo de Limpeza de Correos que plántanlle cara. Loitando no seu traballo xa non só néganse a que haxa unha inferioridade das condicións e unha maior vulneración de dereitos nos sectores máis femininos, senón que a súa loita tamén frea a extensión desta precariedade a outros sectores “que quede constancia para o día de mañá, porque non está ningún sector libre de esta situación” conta a La Campana Ana María, afiliada á CGT de Ourense e folguista na folga indefinida das traballadoras da limpeza de Correos.

As traballadoras da concesionaria da Limpeza de Correos iniciaron unha folga indefinida a nivel estatal o pasado luns 4 de setembro fundamentalmente polo impago dos salarios dos últimos dous meses pero tamén pola “falta de EPIs. Está a xente traballando sin uniformes, empregando os da empresa anterior. Prorratean extras en contra do que solicitamos, horas complementarias, falta de recoñecemento médico, falta de material de limpeza… que Correos rescinda o contrato con esta empresa e deixe de contratar empresas piratas” acláranos Lourdes, traballadora que está a loitar polo seu nesta folga e afiliada, tamén, a CGT de Ourense. Para Daniel Alonso Secretario Xeral do SOV da CGT de Ourense “que correos se faga cargo das nóminas e que contrate a todas as traballadoras e traballadores da limpeza directamente”. 

“O desastre da privatización”, como di Daniel “neste caso nótase máis”. Ana María nolo explica polo miúdo “con esta empresa comezamos o 1 de febreiro deste ano 2023. E o comezo xa non foi moi bo. Era mediados de febreiro e a empresa non se puxera en contacto con ningún dos traballadores para pedirlle datos persoais, número de conta… tivemos que nos mover e contactar coa empresa e non tiñamos resposta vencendo febreiro. Despois o primeiro impago foi o mes de Maio, polo que o comité convocou unha folga indefinida para o 26 de xuño. Xusto o 22 de xuño fixeron o ingreso desa nómina polo que non fomos a folga. Chegou o mes de xullo que a día de hoxe estamos sen cobrar, mes de agosto sen cobrar”. 

            A empresa concesionaria, SCT ACVA SL (limpiezas J. Córdoba) ten a concesión a nivel estatal, sen embargo “sabemos que non en todo o estado hai estes impagos. En Galicia non se paga, en Navarra e outras zonas tampouco, en Madrid si se paga. Descoñecemos porque sucede isto.” prosigue Daniel “hai unha peculiaridade. Polo pouco que sabemos á empresa interésalle que as traballadoras estean de folga. Para facer forza contra Correos. Supoño que por algún problema coa licitación, económico ou o que sexa. Aínda por riba están usando as traballadoras para os seus intereses!” Pese a ser esta unha situación delicada “En Ourense as concentracións as estamos convocando dende a CGT”, e con bo criterio, “O sindicato implicase porque temos afiliadas da limpeza de Correos. Faltaría máis, non implicarse”. 

Para Ana María o SOV de Ourense está actuando correctamente “estou orgullosa de estar afiliada porque se move moito e está a defendernos moi ben”. Dende La Campana miramos con recoñecemento e solidariedade a estas mulleres “vivir sen cobrar é unha situación desesperada e angustiosa. Que quedes en números roxos e non podas facer fronte as letras ou a hipoteca, bueno, sen palabras” fainos ver Ana María. Pola súa parte, para Lourdes a situación é igual de difícil “Sobrevivo grazas a o soldo do meu marido e tirando de aforros”. “Se a miña situación é dura, hai compañeiros e compañeiras que son matrimonio e non lles está entrando ningún soldo o mes” denuncia Ana María. 

As condicións normais destas mulleres no traballo tamén nos deixan sen palabras “A maioría de nós traballamos a tempo parcial, unha hora, dúas, tres…algunha traballa hora e media á semana. Poucas teñen xornada completa. Case todas pluriempregadas… Horarios de mañás en casos, e tardes. Eu en concreto vou de 15 a 18h a un centro, tres horas, e logo 35’ a outra oficina, todo de Correos. Non teño outro traballo, solo fago a maiores cubrir a compañeiras cando se me require” son as precarias condicións de Lourdes. A vida diaria de Ana María nola conta do seguinte xeito “Son pluriempregada teño tres pagadores para poder sacar o soldo de un pagador o cal me afecta na declaración e na cotización, porque ás pluriempregadas nos restan días de cotización. Levántome todos os días as 6 da mañá para traballar ata as 2 da tarde para chegar a casa, comer, cambiarme, e as tres comezar no seguinte traballo e así ata as 7.30, 8 da tarde máis ou menos”. Para Lourdes a cousa non queda aí, “Somos un sector no que a maioría somos mulleres, moitas con cargas familiares e moitas que viven solo deste soldo, e que o están ou estamos pasando moi mal, tanto no económico como no psicolóxico. Moitas de baixa por ansiedade, depresión, con lumbalxias agravadas por esta situación de estrés.” 

Coincide Lourdes nisto coas traballadoras do SAD de Vilaboa “Máis empatía coa xente que o está pasando mal, que estamos vendo que hai pouca por desgracia”. Mentras, a folga continúa e despois de terse manifestado en Ourense, A Coruña e Lugo seguirán coas mobilizacións programadas o 27 de setembro en Pontevedra e o 4 de outubro en Ourense.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *