VII Época - 8

PARA AS NOSTÁLXICAS E NOSTÁLXICOS DA PAZ SOCIAL

TOMALO CON CALMA. VAN PARA LONGO OS CONFLITOS E A FOLGA

Puxémonos en contacto con Alberto Espiñeira, delegado da sección sindical de CGT e membro do comité de empresa en EMAFESA que se presenta deste xeito “Toda a sección sindical provimos da CNT, decidimos cambiar á CGT e practicar a técnica de infiltrarnos nos comités de empresa para rebentalos dende dentro”. Teñen convocada unha folga que cualifican de “indefinida e sostible” todos os mércores de 12:00 a 13:00. “Hoxe a xornada de folga foi diante das oficinas da empresa. Temos unha dobre patronal, a pública e a privada. O seguinte día de folga o que facemos e ir diante do concello” contanos sobre a décimo sétima xornada de folga. O chanchullo empresarial esta montado así “EMAFESA é unha empresa pública, é unha sociedade mercantil local. O que é mixto é o capital, 51% do Concello e 49%, hoxe, de SOCAMEX, antes foron outras. Nós a isto xa lle chamamos a festa patronal porque a empresa privada non arrisca nada, ten uns beneficios garantidos, inda por riba poñen aos directivos de SOCAMEX de xefes e páganlle moito máis do que lles hai que pagar, mentres que aos traballadores rebáixanlle os salarios un 30 ou 35%, quítanlle dereitos sociais…” ilústranos Alberto.

Xa antes da folga realizaron cerca de corenta piquetes informativos “A nosa unidade de medida da hora sindical é o piquete. Como temos 16 horas sindicais ao mes, para facer un piquete de unha hora, mais media hora antes e outra media hora despois, para organizalo, danos para oito piquetes” razoa Alberto.

A prepotencia da empresa é manifesta, como nos conta Alberto.“A empresa nos dicía, xa fai tempo cando eramos CNT, que si montabamos lío non negociaba. Pois ben, seguindo ese argumento, se non negocia teremos que montar lío. Incluso agora coa folga, a empresa non fixo amago nin ten intención de reunirse co comité de folga, aínda que sexa por cumprir aquelo de que se debe negociar de boa fe por ambas partes. Pois vai ser que non!”. Esta prepotencia é unha causante dos piquetes informativos que comezaron o 10 de marzo e a posterior folga o 14 de xuño  despois de que o 3 de marzo a empresa se negara a reunirse coa CGT para solucionar catro conflitos, “Comezamos por un, o conflito por trato discriminatorio na promoción profesional a oito traballadores, destes oito cinco, casualmente case todos afiliados a CGT, eramos os únicos que non temos ascendido ningunha categoría profesional dende o ano 2000 que entramos na empresa. Na negociación do convenio a empresa negouse a regular o ascenso de categorías profesionais que a CGT propuña. Na negociación, agosto 2021, negábanos a información que finalmente chegou por denuncia na inspección en febreiro de 2023. Unha vez coñecemos o escalafón da empresa foi escandaloso. Hai xente que en menos de dous anos subiu catro categorías profesionais. Ascenden á xente incumprindo a normativa laboral pero nós non imos impugnar o ascenso de ninguén, nós o que queremos e promoción profesional para todos. 

Continúa Alberto explicándonos as causas da folga “O segundo conflito é polo impago dun complemento de convenio que non cobra un compañeiro noso afiliado á CGT. El é o único que fai esas funcións do complemento, sen embargo todo o mundo o cobra menos él. Xa fixemos a papeleta de conciliación e a empresa non quere conciliar. Temos que ir a xuízo polo que tardará ano e medio en cobrar o que tiña que estar cobrando, pero como as empresas non lles pasa nada, como moito pagan o 10% de recargo, que aquí pagase co recibo da auga entre todos. O terceiro conflito e un conflito comigo, co delegado da CGT, un desprezo profesional e persoal. Un dos ascendidos é un rapaz con menos formación, capacidade profesional e volume de traballo que eu e collen e o fan encargado meu. Fano encargado dun posto de traballo que eu deixeilles baleiro á empresa. Eu era inspector de suministros, un posto de traballo que leva baleiro catro anos e catro meses sen capacidade de cubrilo, pero dende logo que encontran dous encargados para un posto de traballo que non existe. É como se tes unha empresa de construción e tes dous encargados de albaneis e non tes albaneis na empresa. Fixo cousas así o director xerente. Un señor que custou a empresa 78900 euros no ano 2023. Dato que é público polo Consello de Contas de Galicia. Unha cacicada”

O cuarto conflito é sobre a xornada de traballo “Xa temos outra vaca no maínzo. Se non nos chegaba co socio SOCAMEX, a empresa privada, agora xa temos ao PP que nos denega a xornada que nos concede o BOE de 35 horas semanais. A administración local ten que ditar a norma pola que se nos autorice a xornada de 35 horas. Bueno, hai un consello de administración con catro compoñentes do Concello e tres da empresa privada. Por riba deles está a xunta xeral de accionistas e por riba de todo está o pleno do concello que é o órgano de goberno da administración local. Levamos dende decembro de 2022 reivindicándo a xornada de 35 horas. Ao final foise ao pleno municipal o pasado 28 de outubro. Meteu a moción o grupo Ferrol en Común e sumáronse votando a favor da xornada de 35 horas o PSOE e o BNG. Votou en contra o PP que ten a maioría absoluta por un concelleiro. O PP danos os mesmos argumentos que a empresa, obviamente sabemos quen lle redactou a resposta que deron. E aínda máis, saímos ameazados toda a plantilla de que a empresa está en quebra polo que a ver onde imos a traballar se está en quebra. Pois a ver como vai chegar a auga potable aos grifos se quebra a empresa de auga. Tamén que o expliquen que debe ser interesante… Xa vemos o talante do novo goberno do PP. Ao estar no comité de empresa, noto a diferencia porque cando estaban o PSOE, BNG e Ferrol en Común facían presión contra a empresa e o PP fai presión contra nós, os traballadores. Esto a min non me sorprende nada”.  Antes de acudir ao pleno municipal xa reivindicaran a xornada á empresa conta Alberto “A empresa non quería negociar. Dicíanos que xa estaba negociada a xornada para 2023 no convenio. Pero ben, tamén cando as táboas salariais están xa negociadas, nesa mesma resolución do BOE que concede as 35 horas nos pon os topes salariais que nos deixan un 3 e pico % por debaixo do IPC polo  que perdemos un 6 e pico por cento con respecto ao convenio estatal. Entón van eles e actualizan as táboas salariais e listo. Entón cando o que nos prexudica nolo aplican directamente e o que nos beneficia non, pois claro, non estamos de acordo e imos a conflito” A sección sindical aposta polo conflito “se nos plantexamos un conflito colectivo no xulgado non tería razón de ser facer unha folga porque si estamos dispostos a acatar o que vaia dicir un xuíz non ten sentido establecer medidas de presión e folga. Entón preferimos a folga e as medidas de presión” 

O comité de empresa de EMAFESA está constituído por 5 compoñentes, 3 de CCOO, un da CIG e outro da CGT, “que son eu”, puntualiza Alberto que non entende a postura dos outros sindicatos “na reivindicación da xornada non se moven. É curioso que non a reivindiques nin te mobilices cando é un dereito que tes aí, no BOE”. Curioso, sí. Pero cando escoitamos a Alberto falar da falta de solidariedade nos outros tres conflitos “CCOO e CIG, e UGT que aínda que non teñan representación están, están postos de perfil porque curiosamente todos ascenderon de categoría profesional. Mira tí que casualidade!. Non sei se isto apórtache algo de luz”, pois si que ilumina, si.

A sección sindical de EMAFESA teno claro “se temos que chegar á xubilación en folga non temos problema ningún”, declara Alberto facendo honra a aquela maxima de inimigos teimudos da inxustiza que agora renace en Ferrol gracias a estes inasequibles ao desalento que romperon a paz social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *