VII Época - 14

DESENMASCARANDO A POSICIÓN DO GOBERNO ESPAÑOL NO XENOCIDIO PALESTINO:

Unha conversa coa Sección Sindical en Navantia Ferrol

Ao longo dos anos, e das épocas deste semanario, xa temos feito unhas cantas entrevistas con Xaquín do Comité de Empresa en Navantia Ferrol. Ademais de un pracer, nas súas afinadas respostas reflictese o inmenso traballo de toda unha sección sindical. Hoxe non falamos dun conflito sindical propiamente dito, ou quizais si este sexa o estado primixenio dun conflito a saltar dun momento a outro. Hoxe falamos da presenza da Armada Española en augas israelís en apoio militar ao estado de Israel nestes momentos en que o xenocidio do pobo palestino faise cada día máis intenso. A súa sección sindical desenmascarou a mentira da equidistancia do estado español no conflito palestino. Como non podía ser de outro xeito a equidistancia agocha o apoio ao xenocidio. Do mesmo xeito que as operacións de disuasión militares navais de EEUU agochan a ameaza do lanzamento de bombas atómicas. Está todo a vista.

No voso comunicado que publicamos no anterior número de La Campana dicides que dous buques da Armada Española están operando cun portaavións estadounidense en apoio a Israel. De onde sacades esta información? Podes explicarnos isto polo miúdo?

A información a sacamos de redes sociais da OTAN. En concreto do Fecebook do grupo naval nº2 da OTAN que é o que está no Mediterráneo e onde informaba que a fragata española se integrara no grupo de combate liderado polo portaavións estadounidense Gerald Ford que como é sabido foi enviado por EEUU a Israel tras iniciarse esta nova fase do conflito palestino en Gaza.

No comunicado tamén decides que isto non é unha suposición da CGT. Que pasa? Non vos cren?

Cando afirmamos no comunicado que non é unha suposición da CGT, pois guste ou non guste, eso lle da máis credibilidade a nosa denuncia. Non é o mesmo que o diga CGT, ou quen sexa, unha organización anticapitalista, etc, etc,… a que o digas apoiándote na información oficial da propia OTAN. É innegable que a fragata e o Patiño están participando na operación naval iniciada por EEUU a raíz da agresión contra Gaza por parte dos sionistas.

Si. É innegable. A raíz do voso comunicado e para preparar esta entrevista investiguei un pouco, con pouco chegoume. Bastoume con escribir o nome da Fragata, Méndez Núñez, o nome do buque Patiño e o do portaavións, US Gerald R Ford, no buscador do meu ordenador. Enseguida saíume a CNN informando que, segundo un comunicado do Pentágono, enviábase un segundo grupo de portaavións a costa de Israel coa misión de enviar unha mensaxe de disuasión. Pola súa parte a propia páxina web do EMAD, Estado Maior de Defensa español, publica varias entradas que o confirman. A última do 12 de Novembro informa sobre a presenza do Méndez Núñez xunto ao Gerald Ford en misión de disuasión. Parece mentira que isto o teñan que sacar á luz pública uns traballadores e non a prensa. Non entendo como esta información non está en boca de todos os medios. Porqué? Observades que esta información esta a ser difundida? Como pode ser que a Armada Española dea a entender que os buques navegan polo Mediterráneo a causa da guerra de Ucraína?

Eee… Alguén dixo que a primeira vítima dunha guerra era a verdade, non? En este caso pois tamén é así. Está claro que a información que se está a dar polos grandes medios de comunicación é completamente pretensiosa, facéndose eco, evidentemente, da propaganda dos gobernos. No caso concreto aquí, do estado español, pois é verdade que a Méndez Núñez se dirixiu ao Mediterráneo en setembro no marco de actividades navais da OTAN en relación coa guerra de Ucraína, pero tamén é evidente que unha vez que estoupa o conflito en Gaza a súa misión foi reorientada a darlle apoio á flotilla estadounidense enviada ao Mediterráneo oriental por parte do goberno de EEUU en apoio do goberno de Israel. Aínda así, o ministerio de defensa español segue enviando notas que se publican na prensa, aquí local, falando da presenza dos buques españois con motivo da guerra de Ucraína. É dicir, son notas informativas que, dende o noso punto de vista, están manipuladas porque dan a entender que o motivo da presenza actual é a guerra de Ucraína cando xa non é así.

A presenza destes buques nas augas de Israel a cualificades de vergoña. Permíteme dicirche que na miña opinión vos quedades curtos. Ao mesmo tempo Ione Belarra, a ministra de dereitos sociais e axenda 2030, encabeza unha iniciativa, chamada Justice For Gaza, para que se investigue e xulgue ao goberno de Israel por crimes e castigo colectivo. Que pasa? Como é posible cunha ministra acuse de crimes a outro goberno cando o seu propio está a contribuír con eses crimes?

Pois a resposta a debería dala Ione Belarra, non?. Para min é un exemplo máis, de moitos outros, das contradicións que hai entre o discurso de Podemos e a súa presenza no goberno central.

Máis que crimes e castigo colectivo, en Gaza, e tamén en Cisxordania, estase producindo un xenocidio á vista de todo o mundo. Alí, os sindicatos palestinos chamaron aos sindicatos do resto do mundo para que os traballadores impidan que non se produzan nin cheguen armas para Israel. Vos, os sentides chamados? De que xeito? Vos tedes dirixido ao comité de Empresa?

Precisamente facéndonos eco dese chamamento dos sindicatos palestinos xa hai dúas semanas propuxemos no comité de empresa, e se aceptou, convocar unha concentración de solidariedade con Palestina na porta principal da empresa á hora do bocadillo. Foi unha primeira acción que nós pensamos que se debe de continuar. Esa primeira acción foi asumida por todos os sindicatos do comité e xa veremos novas propostas de mobilización. Aínda que tamén aquí, está interferindo que logo das eleccións sindicais do pasado 24 de outubro se está no proceso de conformación do novo comité. Esto está un pouco, digamos, distorsionando o ritmo sindical habitual.

Volvendo un pouco ao comunicado, entre as vosas reclamacións está en primeiro lugar a volta inmediata dos buques. Como pensades esixilo?

Cando decidimos denunciar nun comunicado o tema e esixir a volta dos buques pois era sobre todo para que se soubera. Sendo conscientes e estando seguros de que os grandes medios de comunicación non se ían facer eco da noticia, porque están ao servizo da propaganda imperialista. Nós pensamos máis na contribución. É dicir, unha medida como a volta dos buques non se vai a conseguir solo a través da mobilización, por intensa que sexa, dos traballadores dunha empresa do estado español, non. Do que se trata é de contribuír a crear un clima de opinión pública contrario á guerra e contrario a calquera participación ou implicación directa ou indirecta que beneficie ao estado sionista de Israel.

Si claro. Penso que estades a facer unha gran contribución para desenmascarar o papel do estado español. Tamén penso que a volta de eses buques ou de calquera outra participación deberíase poñer, como vos a poñedes, en primeiro lugar de calquera mobilización ou acto que se faga en apoio a Palestina no estado español. Claro! pero para isto a xente ten que coñecer onde están e para que están alí eses buques. En Fin!… En segundo lugar esixides a anulación de toda colaboración de Navantia con Empresas israelís. Tedes constancia de que agora ou no pasado exista esa colaboración?

Si, hai constancia da colaboración dunha empresa israelí que se chama Elbit Systems e que está radicada en Haifa, no porto de Haifa.

Non podo estar máis de acordo coa vosa sección sindical en que a causa palestina é a causa da humanidade. Así o expresaba unha anterior editorial de La Campana. Xa para rematar, cóntanos agora calquera cousa que a vosa sección considere relevante e que non teñamos falado ata agora.

Pois simplemente responder a dúas acusacións que se lanzan contra todos aqueles que estamos en contra do xenocidio que está a sufrir a poboación palestina. Rexeitamos completamente que calquera apoio á causa palestina sexa un apoio ao terrorismo islamista ou a Hamas ou a calquera grupo palestino ou árabe de dereitas. Nosoutros apoiamos a causa do pobo palestino. Un pobo que leva sufrindo 75 anos a ocupación da súa terra por un estado racista como é o estado sionista de Israel co apoio do imperialismo internacional, tanto dos seus principais membros os EEUU, como os actores secundarios no ámbito europeo.

Por outra banda rexeitamos, tamén coa mesma contundencia, a idea de que calquera crítica a política sionista do goberno israelí, que é unha política claramente racista que instala un sistema de apartheid contra a poboación árabe, rexeitamos que calquera crítica a este goberno fascista sexa antisemitismo, sexa unha expresión de odio cara o pobo xudeu. Esto non é así como se demostra en sitios como EEUU onde hai un nivel de mobilización moi importante en contra da agresión a Gaza por parte da propia poboación xudea residente no pais. Incluso dentro de Israel hai sectores de poboación xudea, mesmo no ámbito relixioso, que opinan que todo isto é unha barbaridade e que hai que parar este xenocidio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *