VII Época - 26

TELEMARKETIN E A AUDIENCIA NACIONAL

Dende que a empresa de telemarketin, Teleperformance, comunicou en agosto do ano pasado, a súa intención de aplicar un ERE nos centros de traballo que posúe en Sevilla, Ponferrada e a Coruña, e posteriormente en Madrid, dende La Campana vimos informando puntualmente sobre o xeito en que este ERE foi levado a cabo pola empresa, así como da reacción da CGT. No nº10 do 23 de outubro de 2023 dabamos conta da consumación do ERE con 300 despidos. Sen embargo, Rocío, da Sección Sindical de CGT en Teleperformance na Coruña e que entrevistabamos nese número, deixaba unha pequena porta aberta “Seguiremos ca loita ata o final, onde podamos chegar. Estamos revisando todo a nivel sindical e legal para ter todas as opcións enriba da mesa e poder optar pola mellor para todas as compañeiras afectadas”. Nesa porta aberta cabía a vía xudicial. Así, o 25 de xaneiro tivo lugar o xuízo na Audiencia Nacional por este ERE. Ese día, a sección sindical estatal de CGT-Teleperformance lanzaba un comunicado onde dicía “estamos moi satisfeitos coa actuación que realizou a nosa xurídica con apoio doutros sindicatos como CSIF e CIG. Agradecemos aos compañeiros que realizaron un esforzo titánico en organizar e recopilar as probas aportadas ao mesmo. Deféndemos en todo intre a falla de causa para os despidos con argumentación máis que suficiente, cuestión da que estamos orgullosos/as xa que amparamos os postos de traballo en todo momento”.

A pesar de todo este esforzo, a sección sindical estatal era consciente da dificultade e deixaba intuír, no mesmo comunicado, un certo pesimismo “sabemos que pelexamos cunha multinacional que xoga sempre coas cartas marcadas…. aínda así non nos rendemos. Agora só nos queda agardar pola sentencia”. Finalmente, o pasado 14 de febreiro foi comunicada a sentencia da Audiencia Nacional que xustificou o despedimento dos 300 traballadores. Con este desalento, outro comunicado, ese mesmo día, reflectía a inxustiza “A xustiza avala que Teleperformance faga despidos para incrementar a súa marxe de beneficios, porque, aínda que sexa imposible de demostrar, sabemos que esas chamadas non se volatilizaron, están ao outro lado do charco”. Outra enorme dificultade viña dada por “eramos conscientes de que coa sinatura da maioría dos sindicatos na mesa de negociación era moi complicado”, confirmaba a sección sindical estatal con respecto a actitude amarela das corporacións sindicais.

Non é estraño que a Audiencia Nacional teña que emitir sentenzas por requirimento da CGT no sector de Telemarketin. Sen ir máis lonxe, o venres 26 de xaneiro de 2024, a sala do social da Audiencia Nacional, emitiu resposta en relación á demanda interposta por CGT con respecto ao uso dos permisos retribuídos contemplados no artigo 30 do Convenio Colectivo de Contact Center. Para a CGT estes permisos tiñan que verse mellorados debido á aplicación da reforma dos artigos 37.3b) e 37.3b) bis do Estatuto do Traballadores froito do Real Decreto Lei 5/2023. O convenio establecía que, en caso de hospitalización, intervención con repouso ou enfermidade grave de familiares de primeiro e segundo grao, as persoas traballadoras do sector de telemarketing dispoñían de 3 días naturais de permiso. Isto foi superado, xa que agora os días pasan a ser 5, e claramente deben ser hábiles, é dicir laborables, afectando tamén o permiso por falecemento de familiar ata segundo grao, que tamén pasan a ser hábiles. A CGT tentou explicar e facerlle ver á patronal esta condición, xa que moitas empresas non estaban ao aplicar correctamente, e como sempre, non quixeron ser razoables, obrigando a levar a xuízo para que a patronal finalmente entendera. A literalidade é clara, xa que os permisos agora contemplados no Estatuto, que se refiren aos días destinados ao coidado de familiares, beben da directiva da Unión Europea 2019/1158 que os determina como laborables sen ambigüidades. Isto xera o non perder ningún dos mesmos polo mero feito de ter días de libranza comprendidos no medio, e así determinouno a sala.

O 15 de febreiro a Audiencia Nacional tiña que responder a outra demanda de CGT. A nova Lei de Familias establecía un permiso de ata 4 días co dereito “para ausentarse do traballo por causa de forza maior, cando sexa necesario por motivos familiares urxentes e imprevisibles, en caso de enfermidade ou accidente que fagan indispensable a súa presenza inmediata”. O problema, unha vez máis, foi que as empresas do sector do Telemarketin entendían a Lei como lle daba a gana e empezaron a deixar de pagalo. Moitas empresa, a pesar de recoñecer a existencia dese dereito, estimaban que se trataba de ausencias xustificadas non remuneradas. É dicir, negábanse a pagar. Amparábanse en que o convenio colectivo de Contact Center non especificaba que tivesen carácter retribuído. Por parte de CGT en Unisono puxéronse en marcha o mesmo día 10 de novembro. En primeiro lugar, esgotáronse todas as vías para solucionar este asunto “polas boas”. Mesmo se lles solicitou a apertura dunha mesa negociadora no seo da empresa para regular esta cuestión. Pero Unisono, fiel ao seu quefacer contrario ás persoas traballadoras, non entrou en razóns e por este motivo houbo que levala, xunto ao resto de empresas do sector, ante os Tribunais. CGT foi o único sindicato con implantación estatal presente na mesa de convenio que meteu esta demanda. E a Audiencia Nacional deunos a razón, recoñecendo que este permiso ten que ser retribuído.

Fonte: Sector Federal de Telemarketing CGT

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *