VII Época - 33

ESTUDO SOBRE O DESPEDIMENTO

O gabinete xurídico confederal xunto co de estudos e formación da CGT acaban de sacar un breve estudo sobre o despedimento. Deste estudo podemos extraer as seguintes apreciacións.

A historia das reformas dos mercados de traballo cada vez en maior medida, xera mecanismos autoritarios de control.

A Reforma Laboral de 2021 foi acordada polos axentes sociais (CEOE, CEPYME, CCOO e UXT) e o goberno do PSOE/UP, e o empresariado -case todo- non viu con “malos ollos” que se limitase a “contratación temporal” por razóns obvias ao poñer limitacións á “competencia desleal” e outorgar certa continuidade na formación e cualificación da man de obra e, por suposto, comunga co espírito pactado e cunha parte substancial do seu contido, que é a económica, pois, ao manterse as causas do despedimento e os seus prezos indemnizadores, desprenderse das persoas asalariadas sae moi barato por razóns de lóxica “económica”: menores salarios, menores antigüidades e indemnizacións que non resarcen nin compensan suficientemente o dano causado. Pódese despedir por calquera causa (menores ingresos, perdas futuras, falta de competitividade, reorganización, adaptacións técnicas …), de maneira colectiva e individual, e a prezos irrisorios e sen salarios de tramitación. Á vez, pódense modificar as condicións substanciais de traballo de maneira unilateral, sempre que o empresario así o determine para reorganizar e facer máis competitivo o seu negocio (mesma casuística que para o despedimento). Pódese mandar ao persoal ao ERE (ata tres tipos) coa escusa de non destruír emprego e que todos e todas (vía PGE, orzamento xeral do estado) financiemos a ese “pobre empresario” que ve reducido os seus custos laborais significativamente e a Administración seguirá ausente nos ERE.

Tamén analiza os datos publicados polo ministerio de traballo. Alarmantemente houbo máis despedimentos no 2022 (é o último dato dispoñible) e máis baratos: 528.413 despedimentos, sendo a cifra máis alta desde que hai rexistros na serie que o Ministerio de Traballo empeza no 2015.

A maioría dos despedimentos que se producen despois da reforma de 2021, son produto da mesma tipoloxía que anteriormente coa “reforma criminal” do PP do 2012: as causas obxectivas (económicas, organizativas, técnicas) aducidas polo empresariado representan case o 58% de todos os despedimentos. O despedimento disciplinario é a segunda causa nos despedimentos. As cantidades indemnizadoras medias oscilan entre os 12.390€ nos contratos indefinidos a tempo completo e os 655€ nos temporais a tempo parcial (nos indefinidos a tempo parcial a indemnización media é de 2.402€; nos fixos descontinuos de 1.570€ e nos temporais a tempo completo de 422€). Como podemos observar, as cantidades indemnizadoras non supoñen “unha compensación adecuada ou outra reparación apropiada” que establece o artigo 30 da Carta Social Europea.

A desigualdade ou brecha en canto ás cantidades indemnizadoras depende e moito da idade das persoas traballadoras. Na franxa dos 16 aos 24 anos a cantidade media indemnizadora soamente son 520 € e, no outro extremo, na de 55 anos ou máis a cantidade media é de 17.795 €. As traballadoras/es mozas entraron ao mercado de traballo cando este atopábase absolutamente precarizado de maneira estrutural: menores salarios polas tarefas ou funcións ou cualificacións que realizan e contratos ben temporais ben a tempo parcial, ben contratos fixos descontinuos ou simplemente fixos, pero con absoluta dispoñibilidade unilateral por parte empresarial para despedilos por causas “obxectivas” en calquera momento. A economía do Estado español susténtase fundamentalmente no que denominamos Sector Servizos onde incluiriamos a hostalería (moi ligada ao turismo) en todas as súas variantes (hospedaxe, viaxes, restauración etc.); o comercio e a construción. Son estes tres subsectores (hostalería, construción e comercio) os que despiden máis: a hostalería que ocupa ao 8% de todas as persoas asalariadas concentra case o dobre (15,4%) dos despedimentos; ao igual sucede na construción que, ocupando ao 6,5% das persoas asalariadas, concentra igualmente o dobre (13,4%) dos despedimentos; o subsector comercio, que ocupa ao 14,6% da poboación asalariada, concentra o 18,5% dos despedimentos. As explicacións son de manual: son subsectores moi precarizados, tanto no seu poder contractual (contratacións, condicións de traballo, salarios) como polo “mercado monopolista de contratación de man de obra” que, ante a necesidade da xente de traballar e non poder acceder a outros sectores máis acordes coas súas cualificacións por ser mercados moi competitivos e con escasa necesidade de man de obra, terminan incorporándose a estes subsectores.

Finalmente o estudo advirte da incompatibilidade da Carta Social Europea, ratificada polo estado español, coa lexislación española sobre despido. Ademais o Comité Europeo de Dereitos Socias ten que pronunciarse ante os conflitos interpostos por UGT e CCOO por esta incompatibilidade. No estudo da CGT, resaltase que estes conflitos só entran no relativo á indemnización. Porén, para o estudo, a Carta Social Europea cuestiona as causas do despedimento da normativa española, as cales operan de maneira indiscutible aínda nos casos en que se demostre inexistente dita causa alegada, sexa inxusta ou simplemente fraudulenta. En todos os supostos de inexistencia de causa ou de causa non xustificada as persoas traballadoras vanse á rúa, non operando a readmisión, contravindo á Carta Social Europea que establece unha proteción ante un despedimento inxustificado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *