VII Época - 34

OS RISCOS PARA A SAÚDE NO TRABALLO DEBIDOS AO CAMBIO CLIMÁTICO. SEGUNDO A OIT

Cando atendemos a novas dadas por este tipo de entidades, como neste caso a OIT, Organización Internacional do Traballo, debemos de tomalas con precaución. A OIT é, segundo ela mesma, “Única axencia tripartita da ONU, a OIT reúne a gobernos, empregadores e traballadores de 187 Estados Membros a fin de establecer as normas do traballo, formular políticas e elaborar programas promovendo o traballo decente de todos, mulleres e homes”. Esta reunión de representantes, moi afastada do que o anarcosindicalismo pode entender por “promoción da xustiza social, dos dereitos humanos e laborais” ao que, outra vez segundo ela mesma, está consagrada a OIT, leva dende 1919, ano no que foi fundada, lexitimando o sistema de explotación que padecemos. Non quero, nada máis lonxe da miña intención, lexitimar a OIT. Evidentemente a ONU, esa falsa gobernanza mundial, está ao servizo do capitalismo e da súa natureza criminal, hoxe en día cuestionada exemplarmente polo pobo palestino.

O recente estudo titulado “Garantir a saúde e seguridade no traballo nun clima cambiante” publicado este 22 de abril pola OIT, fai reflexionar. Cales son as intencións? En verdade, estou facendo unha pregunta, polo que non me respondo. Ao debate sobre o “lavado de cara verde” e o “ecofascismo” agrego esta pregunta.

Que di o informe? A esta pregunta si vou tratar de responder baseandome en varias fontes como a propia nota de prensa da OIT, mais sobre todo seguindo a nova publicada polos compas da CGT valenciana.

A principal conclusión do informe é que máis do 70% do total de traballadores do mundo atópanse expostos a graves riscos de saúde debido ao cambio climático. O informe ten a intención de por en manifesto a crecente ameaza que o cambio climático supón para a seguridade e a saúde dos traballadores a nivel mundial.

A análise destaca un aumento na proporción de traballadores en risco, que desde o ano 2000 escalou máis de 5 puntos porcentuais, chegando ao 71% dos traballadores activos actualmente no mundo. Este incremento vincúlase en gran medida ao quecemento global. Desde o ano 2016, o planeta experimentou temperaturas récord, observándose cada ano novos máximos. Segundo o informe, as repercusións desta escalada de calor sobre a poboación laboral son graves, desencadeando máis de 22,8 millóns de lesións laborais a nivel mundial e aproximadamente 19.000 mortos anuais. Ademais, calcúlase que as incapacidades xeradas pola exposición a altas temperaturas reduciron en dous millóns o total de anos de vida saudable a nivel global.

Os efectos prexudiciais da calor afectan varios aspectos, incluíndo un incremento nos casos de golpes de calor, esgotamento, síncope, cambras, así como un aumento en enfermidades cardiovasculares e lesións físicas. O informe advirte que o estrés por calor afecta a máis de 2.400 millóns de traballadores e que sexa a causa directa de 26,2 millóns de casos de trastornos renais.

Aqueles que realizan o seu labor baixo o sol representan o grupo máis vulnerable a estes cambios. Con todo, a calor non é a única ameaza. A radiación ultravioleta, resultado tamén do cambio climático, é outra fonte significativa de risco, causando máis de 18.000 mortos ao ano por cancro de pel e afectando gravemente a ata 1.600 millóns de traballadores expostos a ela.

O informe da OIT non só se detén na calor e a radiación ultravioleta, senón que tamén aborda como os fenómenos meteorolóxicos extremos e a contaminación do aire contribúen a este panorama. Estes acontecementos, que inclúen desde inundacións ata tormentas severas, poñen en perigo o benestar de millóns, especialmente daqueles traballadores que teñen que responder a estas emerxencias, como o persoal médico, os bombeiros e traballadores da construción. A exposición a contaminantes atmosféricos relacionados co clima é outro factor que compromete a saúde de ata 1.600 millóns de persoas na súa contorna laboral, sendo unha das causas directas de 860.000 mortos anuais.

Ademais, a investigación recalca a situación de risco que enfrontan máis de 870 millóns de traballadores agrícolas polo uso de praguicidas e outros produtos químicos, os cales son responsables directos de máis de 300.000 mortos cada ano.

Segundo a OIT, ante a crecente ameaza do cambio climático, hai que reavaluar e adaptar as políticas de Seguridade e Saúde no Traballo (SST), incorporando novas estratexias específicas para enfrontar estes desafíos. A OIT considera fundamental que as medidas de SST intégranse de maneira efectiva nas políticas climáticas. Tamén subliña a escaseza de investigacións sólidas e datos empíricos sobre os impactos específicos do cambio climático na saúde laboral. Esta falta de información, recoñece a OIT, limita actualmente a súa capacidade para deseñar e aplicar medidas preventivas eficaces en varios sectores e países.

En fin, o informe segue promocionando o dominio da xustiza social por gobernos, patronal e corporacións sindicais, tal e como se consagra a si mesma a OIT. E non é esta unha resposta a pregunta das intencións, simplemente é unha obviedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *