VII Época - 36

TELEMARKETIN E TEXTIL, DOUS SECTORES EN LOITA

No conflito permanente entre a clase obreira e o capitalismo nos centros de traballo o sector de Telemarketin exemplariza esa loita incesante. A patronal non descansa e, día tras día, ataca as traballadoras de Teleperformance na Coruña. Pese a ese ataque desproporcionado, que non debera nin tan sequera producirse nunha sociedade que ten admitido algúns dereitos laborais, as traballadoras responden organizándose e loitando.

Fartas, moi fartas, dixéronlle á empresa que hasta aquí chegamos, basta xa!. E fixérono convocando unha folga de 24 horas o pasado 29 de abril. O fastío foi provocado, nesta ocasión, pola destrución dos postos de traballo executando varios despedimentos alegando mentirosamente baixa produtividade. Unha mentira moitas veces repetida e que a empresa segue a empregar impunemente. Tamén polo clima de medo e desmotivación consecuencia dos aumentos irracionais da carga de traballo e continuos apercibimentos e presións que están a provocar problemas na saúde mental e física das traballadoras. Unha chea de problemas diarios nas xestións, tramitacións e comunicacións coa empresa que deixan en suspenso vacacións, permisos e erros en nóminas, entre outras cuestións. Fartísimas de ter que demandar ante os xulgados para que se cheguen a conceder dereitos tan básicos como unha conciliación familiar ou unha concreción horaria sumado ao nulo interese por mellorar as condicións laborais e salariais ou establecer plans e protocolos tan indispensables para a vida das traballadoras en materia de igualdade, prevención e saúde laboral.

Preguntamos sobre o desenrolo da folga a Rocío da sección sindical de Teleperformance na Coruña que como sempre atendeunos rapidamente. Sobre o seguimento “Calculamos que a folga tivo un seguimento dun 70% da plantilla” infórmanos Rocío que ademais engade que “para ese día convocouse unha concentración ás 12 da maña diante da empresa na que participamos as seccións sindicais presentes en teleperformance e as compañeiras que quixeron achegarse”. Activamente “CGT partucipou como sindicato presente na empresa (non no comité) e apoiando as accións en contra dos despidos e das medidas abusivas que estaba a realizar a empresa, tanto presencialmente na empresa como en redes sociais” precisa Rocío que nos confirma aquelo de que a loita é o único camiño coa empresa “a pesar de que en ningún momento se mostrou interese pola súa parte en reunirse ca parte social, dende o momento da convocatoria non volveu a producirse ningún despido ou sanción e as medidas de presión tamén se rebaixaron, inda que non nos relaxamos e estamos pendentes de calquera movemento ou cambio nas campañas”.

Outra sección sindical coruñesa e do mesmo sector de telemarketin, CGT en ABAI Business Solutions A Coruña, fixo público un comunicado onde denuncian os mesmos abusos, tan comúns no sector e declaran que “estan fartas destes miserables”. A dirección de ABAI “puxo en marcha unha campaña de represión que comezou coa sanción a un compañeiro” informan. Ademais de que “ABAI xunto Movistar sométennos a unha situación inhumana con un ritmo de traballo e unhas esixencias que son incompatibles cunhas condicións laborais dignas”. Cun sistema digno do servizo de intelixencia dun réxime ditatorial “A maiores das gravacións indiscriminadas que fan para pillarnos, tamén gardan as conversacións que temos co persoal de estrutura para incluílas nos expedientes sancionadores” Todo isto provoca que “esteamos nunha situación límite causada por unhas condicións laborais indecentes que se ven agravadas polo maltrato constante ao que nos somete unha dirección sen escrúpulos”. Para CGT “A empresa busca acabar coa nosa saúde” polo que “condenamos enerxicamente a persecución cara a calquera compañeiro e non imos aceptar mais asoballamento”.

             Tamén na Coruña e tamén o 30 de abril, compas da CGT en ZARA Loxística en Arteixo pecháronse no departamento de RRHH polo incumprimento do calendario laboral por parte de Inditex. (Na páxina 9 deste número, publicamos un comunicado do comité de empresa).

Xa en Barcelona, continúa a folga indefinida dos traballadores de H&M da que vimos informando nesta páxinas de La Campana. Desde o Sindicato de Hostalería e Comercio de Barcelona infórmannos do desenrolo da folga “Cúmprense 15 días desde o inicio da Folga Indefinida en Atención ao Cliente de H&M. O persoal está a secundar a folga, con picos de ata o 50% nalgúns días. A día de hoxe investíronse 329 salarios diarios na loita. 88 persoas foron á Folga e deste grupo 37 persoas levan entre 7 e 9 días sen salario, tendo participado todos os días que estiveron programadas para traballar”. Ademais fan un chamamento de apoio mutuo para estender as consecuencias do conflito. “Nesta fase do conflito, solicitamos a solidariedade das compañeiras para externalizar o mesmo ao máximo. Entre o 13 e o 15 de maio acudiremos a varias tendas de H&M a realizar piquetes informativos e repartir unha cuartilla con información. Se na vosa cidade existe un H&M e podedes organizar un piquete informativo nestas datas, ou aproximadas, axudaríanos para presionar á empresa”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *