VII Época - 38

CORREOS NON CUMPRE CO SERVIZO E SOBREXPLOTA AOS TRABALLADORES

Os compas de Correos da Unidade de Distribución do Val Miñor concentráronse o pasado xoves 23 pola maña diante do seu centro de traballo na Ramallosa. A concentración foi convocada pola CGT en rexeitamento á sobrecarga de traballo que a empresa asigna aos compas.

Os traballadores de Correos no Val Miñor levan moito tempo con falta de persoal. A empresa non está a cubrir as baixas independentemente da súa duración. Tampouco está a cubrir os días de asuntos propios nin as vacacións polo que a situación e insostible tanto para o servizo como para o persoal. Ademais cando os compañeiros cambian de destino non poñen a ninguén nesa praza na que antes había un carteiro. Esta situación tradúcese nunha sobrecarga de traballo imposible de realizar, polo que son frecuentes as grandes demoras nos prazos de entrega e ata a retención de envíos como as notificacións xa que non hai persoal suficiente para repartilas.

Se o persoal de correos do Val Miñor ven xa denunciando esta situación dende fai tempo sen que ata o de agora haxa unha solución a este desleixo do servizo por parte da empresa, agora coa chegada das eleccións europeas o problema agravase exponencialmente e reclaman que se contrate mais persoal por parte da empresa pública como se fixo nas últimas eleccións galegas.

Respecto as eleccións Europeas o Sindicato Federal de Correos e Telégrafos emitiu un comunicado onde denunciaba que a empresa trasladaba as instrucións relativas as eleccións sen ningunha negociación real e con unha alusión absolutamente xenérica respecto a contratación necesaria para sacar adiante o incremento da carga de traballo.

Nestas instrucións márcanse os prazos para todas estas entregas debidas as eleccións sendo este moi reducido. Ademais ofrécense a xeito de compensación unhas gratificacións de miseria sendo especialmente mesquiñas ao persoal de distribución. Por se fora pouco castigase a ausencia ao traballo, salvo en casos como parto o falecemento dun familiar, cun desconto no soldo considerable. Para a CGT é intolerable que exista un desconto por enfermidade.

Para CGT a empresa pretende que se asuma este incremento da carga de traballo mediante o “destajo”, no lugar de incrementar a contratación, a pesares de que Correos recibe unha boa cantidade de diñeiro polo reparto da propaganda e a documentación electoral.

A práctica habitual en Correos para cumprir co reparto sen ter que contratar é ofertando horas extras “como se de un bazar se tratara”. Asignándoas ademais a dedo, abusando da precariedade de todas as traballadoras, provocando enfrontamentos entre o persoal ao fomentar a desigualdade e a discriminación ante a necesidade de gañar un pouco máis. Faise necesario para todo o persoal gañar máis, certo, pois os salarios son insuficientes, pero sen traballar máis.

No comunicado CGT insiste en dicir non ás horas extras por varias razóns, entre elas, porque supoñen un incremento anormal e abusivo da xornada laboral que en moitos casos pode chegar a superar as 12 horas. Tamén insiste o comunicado en que as horas extras son unha práctica profundamente insolidaria, tanto cos demais compañeiros e compañeiras como con aquelas persoas que non son contratadas, e obrigan a sacar o mesmo traballo co mesmo persoal.

Para a CGT correos debe realizar as contratacións necesarias para garantir a realización do proceso.

Estas situacións non son exclusivas do período electoral ou do Val Miñor, ao contrario, son habituais por todo o estado. Deste xeito estoupan conflitos como o de Pallejá na provincia de Barcelona, no Baix Llobregat. O pasado 6 de maio os traballadores de correos de Pallejá iniciaron unha folga indefinida para as tres últimas horas da xornada. A folga foi convocada pola CGT co acordo da totalidade dos traballadores desa unidade, ante a falta de contratación e a sobrecarga de traballo.

O seguimento da folga foi espectacular, secundándoa o 100% do persoal. Esto provocou un aumento exponencial na acumulación de envíos postais e poñendo nun grave problema á dirección de Correos no último tramo da campaña electoral para as eleccións ao Parlament de Catalunya.

Poucos días despois a empresa acepto parcialmente as reivindicacións do comité de folga coas coberturas temporais en seccións vacantes. O comité de folga, moi lonxe de considerar esta vitoria un éxito, está pendente de valorar o resultado e de reanudar a folga ou non.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *