ENTREVISTA CON DANIEL SOBRE A FOLGA EN COASA
A semana pasada dabamos conta da convocatoria de folga en Componentes Aeoronauticos, COASA, unha empresa situada no polígono de San Cibrao das Viñas en Ourense, co comité de empresa presidido por CGT. O secretario dese comité, e a vez secretario xeral da CGT de Ourense, é Daniel. Como noutras ocasións, Daniel enseguida atendeu á chamada de La Campana. Cando buscaba información sobre a folga para realizar a entrevista, a que topei na prensa era un tanto confusa, polo que comezamos a entrevista con Daniel pedíndolle que nos situara mirando ao terreo sindical.
Botando unha ollada á prensa non queda claro se tedes un convenio propio ou vos afecta o de químicas. Ou é outra cousa. Podes aclaralo?
Nós rexémonos polo convenio de químicas. O que temos dende fai xa anos é unha mellora do convenio, unha plataforma. A última é do 2016 que tería que estar rematada pois duraba catro anos pero pola COVID paralizouse e xa levabamos anos de atraso. Basicamente é eso, melloras do convenio de químicas. Das melloras que tiñamos, económicas practicamente nada. Algunha suba de porcentaxes de nocturnidade, dietas, un día a maiores por falecemento de familiar, por hospitalización, cousas que non afectaban a toda a plantilla. Non era nada grandísimo.
De calquera xeito, cóntanos polo miúdo as causas polas que ides á folga.
É bastante longo porque levamos dende outubro de 2023 negociando. Agora mesmo, economicamente, conseguiuse subir bastante. Por exemplo, no convenio de químicas a antigüidade está conxelada dende fai moitos anos. A antigüidade é algo que reclamabamos. No noso sector, son traballos moi específicos. Unha persoa con 20 anos de experiencia cobra o mesmo que unha que acaba de entrar. Non tiña ningún mérito esa experiencia. É algo que reivindicamos e que estamos conseguindo, que xa está sobre a mesa. Despois sobre a perda do poder adquisitivo que tivemos estes anos atrás a empresa puxo sobre a mesa un pago único de 1700 euros. Bueno! Había bastantes melloras que fomos conseguindo picando moita, moita, moita pedra durante todas as negociacións.
A CGT temos a presidencia e a secretaría do comité de empresa co apoio de UGT. UGT teñen 2 e nós temos 5. Outros 5 teñen a CIG e CCOO teñen 1. A CIG estivo todos estes anos atrás que, como che contaba da plataforma, non se conseguiu practicamente nada. É significativo que nós nos presentemos a primeira vez e esteamos xa presidindo. Eso dá que pensar sobre o que fixeron, a actitude que tiñan fronte a moitas cousas que sucedían na empresa.
O pasado xoves e venres houbo aquí no auditorio de Ourense unha xuntanza de aviación e aeronáutica de empresas galegas. Viu a conselleira, un ministro, e máis xente, xuntouse aquí un montón de xente. Entón aproveitamos convocar a folga para eses días. Aí é cando se presionou, é dicir, aí foi cando a empresa comezou a poñer cousas enriba da mesa. Entón, nos fixemos un preacordo, non asinamos nada, coa idea de que votara todo o mundo. A CIG non quixo negociar. A CIG o que lle interesa, o que leva facendo todo este tempo de negociacións, é intentar meternos a zancadilla. Todo, todo o tempo, todo o tempo. Saben que é un bo acordo, que isto non se acordou nunca no tempo que estiveron eles e realmente lles jode que nós podamos conseguir algo moitísimo mellor co seu. Entón está metendo moita merda. Eles, como sabemos, teñen unha maquinaria moi potente. Non é fácil pero ímolo levando. Nós o que fixemos foi presentar o acordo e darllo á xente a votar e o que saia ben elixido está. Saíu o 58% rexeitando este acordo. Si ben é certo que antes houbo outra votación dunha proposta da empresa, só da empresa, sen acordo con ninguén. Esta proposta rexeitouna o 80% da plantilla. Esta nova proposta que estaba acordada entre CGT e UGT e a empresa rexeitouno o 58% da plantilla. Entón, decidimos ir a folga. Esto se rexeita, pois a tope, ao máximo.
Paréceme unha pasada!!! Non lembro ningún caso no que os traballadores rexeiten un preacordo. É algo que por un lado me dá esperanza… Explícome. Traballei anos no metal e vin como se manipulaba a votación dos traballadores por parte do comité de folga, presidido pola CIG, acabando coa confianza nos sindicatos e acabando cunha folga á que non pagou a pena secundar. E estou falando do combativo metal da provincia de Pontevedra. Tamén comprobei como noutros sectores os preacordos ni tan sequera se someten a aprobación dunha asemblea. Os meus parabéns. Ese rexeitamento ao preacordo coa consecuencia directa de non desconvocar a folga ademais de honesta é depositaria de confianza por parte do persoal en vós. Esto é algo inusual hoxe en día.
Hai variables pero estouche falando de subidas de 270 euros ao mes. Non son tonterías. Imaxínate a maquinaria da CIG para rexeitar semellante cousa!. Outro día pensaba, friamente, despois de todo, miraba o que tiñamos, e se ao principio de empezar nós no comité de empresa dinme que íamos chegar a este acordo non mo creo. Tampouco sei como vai acabar isto. Dende CGT forzamos o máximo á empresa nas negociacións e xustamente porque sabíamos que a xuntanza esa, co ministro e demais, para eles era superimportante. Chegou un momento que case daban o que fora. Penso que foi a maquinaria da CIG, con mentiras tamén, todo sexa dito. Fixemos asembleas en cada quenda explicando a situación e xa sabes, cada un da CIG está alí no seu papel, o que está metendo merda, o outro poli bueno, poli malo, bueno! Acusándonos de ser proempresa! Nada máis lonxe da realidade. O que xustamente facemos é conseguir o mellor para os traballadores. Hai xente que si se da conta de que isto é así , pero hai outra que se deixa manipular. Porque é así, se deixa manipular.
Aparte do éxito de seguimento da folga. Cales foron as reaccións da empresa ante a convocatoria de folga? E durante a folga, dirixiuse a empresa a vós? Cal pensades que vai ser a resposta da empresa?
Reaccións da empresa non temos ningunha. Non sabemos que vai suceder. Fixemos estes dous días de folga, xoves e venres. A semana que ven mércores e xoves e despois dous días por semana ata finais de mes. Agardamos a ver que movemento fai a empresa.
Que resposta tería que dar a empresa para rematar coa loita dos traballadores?
Sinceramente para que isto se pechara xa, pois non o sei… non o sei. Obviamente dar máis. Supoño que máis parte consolidable. Algo que se consolide para non estar cada catro anos negociando na plataforma. Todo o que fagamos vaise votar. Agora mesmo si que está un pouco nas mans da CIG porque nós si estamos apoiando a folga a tope pero realmente a xente o que espera e a ver a CIG que movemento ten agora. Porque foron eles os que realmente promoveron a folga. Si ben, é certo que no medio das negociacións, xa fai como mes e medio, por moito menos do que nos acordamos, eles xa houberan asinado. Esto estivo sobre a mesa e nos dixemos que non. Entón, pois bueno. Son xogadas, xogadas que ao final meten aos traballadores no medio. É unha putada, a verdade.
Tras estes días de folga cales son as vosas sensacións. Cales son as sensacións e comentarios dos traballadores?
Dende CGT plantexamos facer unha manifestación por Ourense para darlle máis visibilidade. Agora mesmo nos medios de comunicación como Radio Ourense estanos dando bastante bombo, fainos un seguimento practicamente diario. O que intentamos que se visibilize o máximo e que o seguimento poda ser tamén o máximo. Moitos traballadores comentábanos se este preacordo que plantexamos, dentro dun mes a empresa o vai ter enriba da mesa outra vez… pois non o sei. Tamén preguntábannos, como vai acabar isto? Pois non se sabe. Unha vez que entras nunha folga non o podemos saber. Imos intentar conseguir o máximo pero a nosa proposta, economicamente, é vinte veces, trinta veces mellor que calquera que tiveramos antes. Que pasa? Pois que lle quitamos o posto á maquinaria da CIG un sindicato minoritario como somos nós aquí en Ourense e non o asumen e o pagan os traballadores. É a miña sensación.
Queres engadir algunha cousa máis que non houberamos falado?
Unha reflexión que comentamos aquí na CGT de Ourense. Preguntabámonos, cantas seccións sindicais da CGT presiden o comité de empresa? Porque non é o mesmo estar na presidencia e na secretaría que estar por atrás facendo presión. O final, tes a responsabilidade de chegar a acordos coa empresa, buscar sempre o mellor posible para os nosos compañeiros e compañeiras facéndolles o menor dano posible. É unha pregunta que me fago e que lanzo.
