NON MÁIS FINS DE SEMANA CURTOS
Pasei un tempo limpando as tendas do grupo Inditex na provincia de Pontevedra traballando para unha empresa de limpeza licitada pola propia Inditex. Da igual a empresa licitada, pois estas empresas de limpeza van substituíndose unhas á outra mentres que as traballadoras, que levan certo tempo no mesmo servizo, subrogan cada vez que Inditex oferta o paquete de traballo. Esto non só pasa en Inditex, pasa en xeral coas limpadoras en distintas empresas, fábricas, oficinas, edificios ou organismos oficiais. Existe moitísima xente que traballa precariamente limpando ás horas nas que os demais están descansando ou durmindo. Os horarios na limpeza son en moitísimos casos demenciais que xunto a parcialidade da xornada incrementan notoriamente as filas do xeneralizado estado do malestar no que se converte pouco a pouco a sociedade que vivimos baixo o réxime do traballo asalariado que padecemos. A xeneralización da enfermidade é cada vez máis alarmante.
Por suposto estas condicións non son exclusivas do sector da limpeza, a precarización explotación e a imposibilidade de defender os dereitos laborais vanse xeneralizando. E sen embargo a enfermidade do actual Estado de Malestar non é exclusiva dos sectores máis precarizados afectando a asalariadas de toda clase, pode ser, non sei, pero os sectores que contemplan a prevención e avaliación de riscos psicosociais, como o de telemarketin, quizais indiquen, como regra antinatural, que canto mais pobreza ou precariedade maior risco.
O que comprobei, naquela tempada ao servizo de Inditex, e que a limpeza faise polas mesmas limpadoras todos os días que abre a tenda, é dicir de luns a sábado. Incluso, as veces, Inditex abre os domingos, esa semana non hai descanso.
Non quero culpar en exclusiva a Inditex, moitos outros servizos de limpeza teñen as mesmas condicións, senón corroborar esta práctica. A sección sindical da CGT na plataforma Europa de Inditex, que se dedica á loxística dese xigante da roupa sucia, dirixiuse á dirección da empresa con domicilio fiscal en Arteixo para amosar a súa profunda preocupación polo incumprimento dos descansos diario e semanal establecidos nos calendarios laborais da empresa, ao tempo que daban a coñecer esta preocupación ao conxunto dos traballadores.
É moi importante que as traballadoras coñezan os seus dereitos e hoxe en día resulta de vital importancia o dereito ao descanso. Como informa esta sección sindical “O artigo 34 do estatuto dos traballadores esixe que entre a fín da xornada laboral e o comezo da seguinte medien ao menos 12 horas de descanso diario. Ademáis, o artigo 37 estipula que os traballadores deben desfrutar dun descanso semanal mínimo de 36 horas ininterrompidas, que sumado as 12 horas de descanso diario, garante un total de 48 horas de descanso”. Sobre este tema xa temos escrito aquí, en La Campana, e como informan dende a sección sindical “Nas quendas nocturnas, detectamos que o descanso concedido entre a madrugada do sábado ata a madrugada do luns e de 41 horas polo que non cumpre co mínimo de 48 horas esixido pola lei. Este incumprimento non só contradí a lexislación española, senón tamén infrinxe a sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 2 de marzo de 2023, que subliña a autonomía e independencia dos descansos diario e semanal, os cales non poden solaparse nin compensarse”.
Precisamente, a aplicación desta sentenza pode mellorar considerablemente a calidade de vida de moitas traballadoras. Sen embargo as corporacións sindicais e as empresas non están pola labor como denuncian os compañeiros da Sección Sindical Plataforma Europa da CGT “Queremos lembrar que no preacordo alcanzado entre a dirección e os sindicatos OSTA, CCOO, UGT, e FETICO pactouse que para a quenda de noite estrutural realizaríanse dous dos cinco axustes en venres no denominado “Fin de Semana Curto”. Sen embargo dende a CGT temos insistido durante a negociación en varias ocasións a nosa firme oposición a estes “Fins de Semana Curtos”, esixindo a súa eliminación total. Esta non é unha demanda arbitraria, senón unha cuestión de cumprimento normativo e protección do benestar dos traballadores”. Finalmente os compas esixen a empresa unha rectificación inmediata e a supresión destes “Fins de Semana Curtos” xa que de non facelo terá que responder ante os tribunais.
Tomando exemplo destes compas ábrese todo un campo reivindicativo para todos os sindicatos da CGT e a posibilidade de poñerse a fronte na reivindicación deste axuste nos horarios laborais que pode trastornar a organización abusiva e explotadora de moitas empresas e mellorar a calidade de vida de moitas asalariadas.