OUTRO ERTE NO TELEMARKETIN ESTA VEZ ABAI-MOVISTAR
O pasado luns 21, as traballadoras de ABAI volveron concentrarse diante da tenda de Movistar na rúa Barcelona de A Coruña para denunciar o desmantelamento dos centros de chamadas. A CGT denuncia que nos últimos anos os cadros de persoal foron reducidos drasticamente no servizo de atención ao cliente (1004) e técnico (1002) de Telefónica. ABAI e Atento, dous das súas principais subcontratas, destruíron centos de postos de traballo nos centros que teñen na Coruña.
Agora, as seccións sindicais da CGT en ABAI condenan o brutal ERTE que pretende executar Abai e Movistar no centro da avenida de Córdoba, Madrid. A manobra de ambas empresas consiste en pechar o departamento do 1004 nesa plataforma e mandar ao paro durante 8 meses a 107 compañeiros aos que se suman 32 máis doutras campañas como Europcar ou Renfe.
Nun comunicado conxunto destas seccións sindicais resaltan que “Telefónica, unha empresa que foi pública e que ten entre os seus accionistas ao Estado español, non fixo outra cousa que precarizar as condicións laborais das traballadoras da propia empresa e moito máis as das subcontratas. A dirección de Abai volve repetir a estratexia do ERTE porque sabe que é unha forma de destruír postos de traballo de maneira silenciosa”.
Na reunión que se celebrou o día 17 de outubro de 2024, durante o obrigado proceso de negociación “a empresa deixounos claro que aquí só negóciase o que ela quere, que o único criterio de afectación está xa decidido por eles mesmo antes de sentar nesta negociación e que só queren que avalemos coa nosa firma mandar a 140 persoas ao paro desde o 1 de novembro 2024 ata o30 de xuño de 2025” informou CGT despois da reunión. Sen embargo dende CGT “traballamos nunha proposta enfocada en manter o 100% dos postos de traballo porque existe carga de traballo para todas” declarou a CGT en ABAI mentres anunciaba mobilizacións “para dicir alto e claro fronte ás distintas sedes de Movistar en Madrid, A Coruña e Zaragoza, que se alguén sobra en Abai é a dirección da empresa”.
Durante as 2 horas que duraron as concentracións nesta xornada de folga “as/os compañeiras deixáronvos claro a Movistar e á dirección de Abai que se queren xogar cos nosos dereitos vannos ter de fronte, en loita e máis unidas que nunca” aclarou a CGT despois da primeira xornada de loita do 18 de outubro.
O luns 21 de outubro de 2024 tivo lugar a última reunión de negociación en relación co ERTE. Nela constatouse que a única causa de afectación é o simple feito de traballar en Madrid, sen ter en conta circunstancias como a das familias monoparentais, a das compañeiras que están ás portas da xubilación ou ás vítimas de violencia machista como expuxo a CGT. A empresa chegou sen intención de valorar ningunha outra proposta e co único fin de conseguir a firma dos sindicatos para avalar esta estafa de ERTE. Durante toda a negociación a CGT demostrou que as chamadas en Madrid non diminuíron. Ademais para a sección sindical da CGT en ABAI esta ausencia de negociación e a estafa na causa do ERTE “demostra os antollos organizativos de caníbales empresariais que, tras condonar débedas no estranxeiro de millóns de euros permítense o luxo de dicirnos que quen produce sobramos”.
Por suposto, a CGT non vai ser cómplice e negase a asinar o ERTE a cambio de esmolas e dun respiro no esgotamento producido nas traballadoras tras anos de repetición de medidas empresariais altamente explotadoras, indiscriminadas e precarizadoras. Suponse que o prazo de negociación acabou este venres 25 de outubro pois non hai previstas máis reunións e a empresa indicou que comunicará a decisión final.
O representante da CGT en ABAI Coruña, nunha nota de prensa chegada a esta redacción con motivo da xornada de loita contra o ERTE do pasado luns 21 de outubro, resalta que “as teleoperadoras temos que atender chamadas sen descanso e obrígannos a que estas duren o menos posible. A consulta do cliente é o de menos, o único que quere Movistar e ABAI é que vendamos produtos novos”. O representante tamén declara que “as chamadas non desaparecen dun día para outro, pero si poden ser desviadas a outras plataformas que se atopan noutros países onde as traballadoras aínda soportan unhas condicións laborais máis penosas que as nosas”.
A CGT non descarta máis accións se as direccións de ambas empresas non deixan de atacar as vidas das traballadoras e non se comprometen de maneira firme co mantemento dos postos de traballo.
