FOLGA NA UR3 DE CORREOS DA CORUÑA
O 18 de decembro, convocados pola CGT, o persoal de Correos, chegado de todos os rincóns de Galicia, realizou unha concentración diante da Dirección de Área Noroeste de Correos, situada na rúa do Franco nº 4 de Santiago de Compostela. Non é a primeira vez nin, desgrazadamente, será a última. A dirección de Correos, con toda a irresponsabilidade, está a racanear postos de traballo provocando o abandono do servizo ademais de imposibles cargas de traballo sobre o persoal. Estas abusivas cargas de traballo xa están a afectar á saúde dos traballadores na súa labor diaria habitual, cando chegan épocas como o Nadal, o aumento do volume de traballo, faise nocivamente imposible. Lonxe de querer solucionar o problema, tanto sobre a saúde como de satisfacer o aumento de demanda do servizo nesas datas, á dirección de correos desvela a súa racanería e irresponsabilidade cargando nas costas do persoal a eficacia do servizo sen reforzalo nin en medios nin en persoal. Un dos casos máis graves é o da Unidade de Reparto UR3 da Coruña. Carmen, traballadora desa Unidade de Reparto explícanos convincentemente a insustentabilidade da situación.
Comezastes a folga o 23 de decembro e incorporástesvos ao traballo o 7 de xaneiro. Ao pasar por diante da oficina de correos do meu pobo observei, e pensei, que nesas datas, incluso correos está cheo. Agora penso o acaido das datas para a folga. Lendo a nota de prensa que nos enviachedes, a elección de datas ten, ademais, moito que ver con algunha das vosas reivindicacións. Verdade? Explícanos os motivos da convocatoria?
Na nosa oficina, entre outros, hai 22 postos de traballo de carteiro, chamámoslles seccións. Temos 5 vacantes por xubilacións e agora mesmo 7 baixas. Entón eramos 10 fixos (contrataron tamén a 2) para levar toda a oficina. Eramos 10 para 22 seccións.
Cal foi a postura dos outros sindicatos?
A convocatoria da folga a fixo CCOO para os días 23, 26, 27, 30, 2 e 3, so para a UR3 A Coruña (O 23, 25, 31 e 1 non se traballa). A CGT convocou aparte unha folga para toda a provincia, por se alguén mais quería unirse, esta ultima é indefinida.
E o seguimento da convocatoria?
Na nosa oficina, de fixos foi o 100%. A xefa tamén sumouse. Os únicos que traballaron foron eventuais (algún foi á folga tamén) e unha persoa fixa, pero pertence a outra unidade aínda que traballa na nosa.
Sei, polos compas de correos do noso sindicato de Pontevedra, que a dirección de Correos fai todo o posible para minimizar as folgas, incluso con medidas que vulneran o dereito á folga. Como se comportou con vos?
Desviaron traballo (os paquetes) a outras unidades, concretamente á unidade de urxentes.
Que negociacións houbo por parte da empresa co comité de folga? Que propostas presentou a empresa para resolver o conflito?
Aínda non sabemos nada de eles. Eu estou no comité e ninguén falou comigo.
Chámame a atención que esteades a contactar coas Asociacións de veciños. Que pretendedes con eso?
Os veciños son os maiores afectados, nos ao final entramos a traballar as 7:45 e saímos as 15:15… o que non nos de tempo facer, alí queda e acumularanse as cousas, e se un esta agardando por algo, e moi probable que non o reciba a tempo.
Finalmente, cal é a vosa valoración?
A empresa parcheou contratando a 6 (4 pola maña e 2 pola tarde) ata o dia 16. Nos traballar dentro do horario. Ao problema que hai, démoslle visibilidade, agora os veciños o saben, e terán que reclamar o que non reciban a tempo.
