VII Época - 60

UBISOFT. LOITA E INTERNACIONALISMO DE CLASE

Nestes novos tempos existe unha tendencia a considerar o teletraballo como unha condición laboral a defender, aínda que aparentemente consideraramos o teletraballo como unha estratexia patronal para abaratar custes, cargándoos ao traballador, e dificultar a organización sindical das traballadoras. “El teletrabajo ha traído cosas muy buenas: poder habitar zonas rurales, reducir la huella de carbono, una mejor conciliación, facilita la inclusividad y la diversidad para quien tiene mayores dificultades de ir cada día a una oficina” contábanos fai unhas semanas, no nº 58 do 3 de febreiro, dende Catalunya a sección sindical en folga de Holaluz a La Campana. Que o teletraballo mellore as condicións de vida do traballador, é algo a ter en conta.

Advertíanos a sección sindical en Holaluz de que había unha tendencia empresarial a eliminar ou reducir os niveis de teletraballo e que había que loitar pola defensa do teletraballo. Pois ben, outra sección sindical, a da CGT en Ubisoft Barcelona, convocou unha folga o 13 de febreiro fundamentalmente pola defensa do teletraballo. Como Holaluz, que negocia coa comercialización da enerxía eléctrica 100% renovable, a multinacional francesa Ubisoft, que se lucra cos videoxogos, son empresas relativamente novas, de sectores novos e con persoal maioritariamente de xente nova.

Ubisoft é unha das compañías máis importantes e con máis experiencia do mundo dos videoxogos. Son os creadores de exitosas sagas como ‘Assassin’s Crede’, ‘Prince of Persia’ ou ‘Rainbow Six’. A súa presenza en Barcelona remóntase a 2004, e actualmente contan con 190 empregados nas súas oficinas barcelonesas da Torre Diagonal 00. Esta sede é a única que ten no territorio español.

A folga convocada pola CGT é a primeira folga no sector do videoxogo no estado español. Estase a anunciar unha crise no sector do videoxogo a nivel mundial que de momento ten chegado nos últimos meses a España con despedimentos e peches de outros negocios, como é o caso de Novarama ou Smilegate ou a declaración de insolvencia de Tequila Works. A CGT ten posta en marcha a Coordinadora Sindical do Videoxogo para loitar polos dereitos dos traballadores do sector.

A sección sindical de CGT en Ubisoft Barcelona é o único sindicato con presenza na empresa.

O principal motivo que levou á CGT a iniciar este conflito é a imposición dunha nova política de traballo remoto sen diálogo co persoal. Ubisoft Barcelona reduce nun 33% o teletraballo, obrigando a traballar de forma presencial tres días á semana, un cambio substancial despois de cinco anos cun sistema que contemplaba o 60% dos días do mes en traballo remoto. A CGT tentou mediar coa empresa para chegar a un entendemento pero todos os intentos recibiron a negativa como resposta, polo que CGT denunciou a Ubisoft Barcelona e Ubisoft Mobile pola imposición destes cambios nas condicións de traballo remoto ao xulgado do social.

Pero a sección sindical asegura que hai moito tempo que a dirección fai caso omiso ás traballadoras e está a tomar malas decisións na xestión empresarial polo que hai máis motivos que provocan a folga. Sospeitase que despois de que o grupo Ubisoft despedise a 500 traballadores de diferentes países nos últimos seis meses, estes despedimentos cheguen ás oficinas de Barcelona.

A data elixida para a folga, o 13 de febreiro, coincide cunha folga xeral na industria do videoxogo convocada en Francia onde os traballadores do sector, e especialmente os de Ubisoft, están a sufrir as decisións empresarias que agora chegan a Barcelona. A elección da data amosa a recuperación da solidariedade do internacionalismo de clase como método de loita, todo un acerto da sección sindical e unha mostra do camiño correcto. Esta coordinación obriga a reconsiderar o teletraballo como unha dificultade para a organización sindical.

Non só Ubisoft e Holaluz están a reconsiderar o teletraballo, Meta, Goldman Sachs, Google e moitas outras compañías están dando marcha atrás. Nos seus memorandos, as empresas falan de “cohesión”, da necesidade de formar ao novo persoal, de “estimular a creatividade”. Sen embargo ninguén foi tan claro e transparente que o prepotente Stephen Schwarzman, o xefe do fondo de investimento Blackstone, quen considera que “a xente tense afeito quedarse na casa porque traballa menos que na oficina” un razoamento, por certo, tan antigo, que de tomarse en serio levaríanos ao final dos dereitos. E na súa decadente liña habitual, Elon Musk, o home máis rico do mundo, arremeteu contra unha “clase de teletraballadores que queren poder quedarse na casa á conta de todos os demais” vangloriandose, sen rodeos, da súa superioridade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *