VII Época - 66

O VINDEIRO 15 DE MAIO, DÍA DA NAKBA PALESTINA, A REDE GALEGA POLA PALESTINA CONVOCA UNHA XORNADA DE LOITA EN TODA GALICIA

A CGT de Galicia participou na IV Asemblea da Rede Galega Pola Palestina celebrada este sábado, 29 de marzo en Redondela. A primeira hora da mañá chegaban, dende distintos lugares de Galicia, as persoas das organizacións e colectivos solidarios con Palestina para reunirse e debater sobre os procedementos e as accións para intensificar a resposta social de rexeitamento ao xenocidio palestino. Na asemblea buscouse o xeito para que toda a sociedade galega que respecta os dereitos humanos poida expresar a súa preocupación e condena do xenocidio cometido polo estado sionista de Israel. Para a Rede Galega pola Palestina “a impunidade coa que actúa Israel é intolerable e a sociedade civil ten que esixir aos seus gobernos e á comunidade internacional que freen a matanza”. Entre outras cousas acordouse convocar un día de loita descentralizado en toda Galicia para o vindeiro 15 de maio, día no que o pobo palestino conmemora a Nakba. Para chegar a ese día tamén acordouse un calendario coordinado e previo de mobilizacións e accións, co obxecto de ir sinalando tanto obxectivos de boicot a entidades colaboracionistas co estado de Israel como de interpelar a sociedade galega sobre a necesidade de mobilizarse para frear o xenocidio, confluíndo nese 15 de maio.

Despois da sesión matinal da asemblea que proseguiu pola tarde ata as 18:00 e unha vez rematada, unha marcha percorreu as rúas de Redondela. Para Redondela con Palestina, colectivo que acolleu a xornada, “o día de hoxe é unha mostra máis da solidariedade do pobo de Redondela coa causa palestina”. “Levamos dende o 6 de novembro de 2023 concentrándonos, todos os luns ininterrompidamente, manifestando o noso rexeitamento ao xenocidio, esixindo o fin de relacións co estado de Israel, a no-sa solidariedade coa resistencia palestina e o noso estupor ante a inacción da comunidade internacional” sinalan dende o colectivo acolle-dor. Ao final da marcha plantouse unha oliveira nos céntricos xardíns do paseo da Xunqueira para enxalzar o Día da Terra Palestina e a “humanidade de ese pobo que resiste ao epítome da crueldade” subliñaron dende A Rede.

A Rede Galega pola Palestina manifesta que “é urxente que se tomen medidas de illamento de Israel mais, ao contrario, non favorece reprimir as persoas que se amosan solidarias.” Recordan que na última manifestación galega en Compostela de 6 de Outubro do 2024 “a policía detivo a 9 persoas cando se atopaban, pacificamente, chamando ao Boicot á cadea Burguer King pola súa colaboración co goberno sionista”. Estas persoas, a maioría na mocidade, enfróntanse agora a un proceso xudicial que está a causar un desaxuste na súa estabilidade emocional e psíquica. Para a Rede Galega este proceso xudicial debe parar xa e non seguir adiante.

Ademais de grupos propalestinos locais das cidades e vilas de Galicia tamén participou na asemblea o BDS. O BDS, o maior movemento civil de solidariedade con Palestina estendido por todo o mundo, que apela a gobernos e sociedade ao Boicot, Desinvestimentos e Sancións, cumpre agora o seu 20 aniversario. Dúas décadas de firme resistencia popular, solidariedade e loita contra a complicidade internacional co réxime de opresión de Israel. Para á Rede Galega pola Palestina é fundamental o boicot as empresas colaboradoras co estado israelí que sinala o BDS dende Palestina e empraza a sociedade galega a boicotear a Carrefour, Burguer King, Mc Donalds, Siemenes, Axa, Airbnb, Dell ou Intel entre outras. Esta presión por Boicot xa conseguiu que fai uns meses Puma deixara de patrocinar á selección de fútbol israelí.

Finalmente chamaron á sociedade galega a participar “en todos os actos de solidariedade coa Palestina” e lembraron que este luns, 31 de marzo, no Auditorio de Galicia en Compostela, a partir das 20:00h, con entrada gratuíta e organizado polo Comité de Solidariedade Galego coa Causa Ára-be, se celebrará unha Concentración da Cultura Galega contra o Xenocidio coa participación dunha nutrida representación de artistas de todos os ámbitos da cultura galega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *