SOLIDARIEDADE SINDICAL COS TRABALLADORES DE H&M E ATENTO
Este martes, 1 de abril, a CGT de Pontevedra fará público o seu enfrontamento coa empresa de telemarketin Atento- Movistar e coa cadea internacional de roupa sucia H&M, ao mesmo tempo que a solidariedade cos seus traballadores, con dúas concentracións ás portas das tendas que teñen en Pontevedra.
A Confederación Xeral do Traballo denuncia un gravísimo episodio de represión sindical no centro de Atención ao Cliente de H&M en Barcelona. A empresa iniciou o proceso de despedimento o pasado 15 de marzo contra a presidenta do Comité de Empresa, traballadora afiliada a CGT, polo mero feito de exercer actividade sindical no marco das eleccións sindicais que se celebraron o 19 de marzo. Este ataque prodúcese nun contexto no que CGT é o único sindicato que logrou presentar lista electoral, ao contar cun respaldo maioritario do persoal, fronte ao resto de organizacións sindicais que non conseguiron o apoio necesario. A empresa responde con represión ao avance da organización das traballadoras, que nos últimos anos impulsaron folgas, defendendo os seus dereitos e conseguindo melloras laborais grazas á súa capacidade de loita colectiva.
Nos últimos anos, CGT liderou varias folgas no centro de Atención ao Cliente de H&M en Barcelona, incluíndo unha folga indefinida en 2024 que permitiu ao persoal conquistar importantes melloras, como aumentos salariais, avances en conciliación laboral e o fin de certas prácticas abusivas. Estas mobilizacións, convocadas exclusivamente por CGT, evidencian o compromiso e a forza organizativa das traballadoras, fronte a unha empresa que responde con represión en lugar de diálogo. Segundo as representantes de CGT, este intento de despedir a unha representante sindical en activo e en período electoral constitúe unha clara vulneración da liberdade sindical e un intento directo de interferir no proceso democrático de elección de representantes. Ademais, a represión sindical non é nova en H&M Atención ao Cliente. A empresa acumula un historial preocupante de vulneracións graves de dereitos:
• Dúas sancións por vulneración de dereitos fundamentais, ao substituír a traballadoras en folga en dúas ocasións distintas, atentando contra o dereito constitucional á folga.
• Dúas sancións adi-cionais por negarse a facilitar información á representación legal das traballadoras, incum-prindo obrigacións básicas de transparencia sindical.
• Dúas denuncias en curso: unha por irregularidades nas contratacións e outra por non respectar as pausas visuais obrigatorias ás persoas que traballan fronte a pantallas, unha medida de saúde laboral recoñecida legalmente.
• Dous conflitos colectivos abertos: un pola prohibición do uso de teléfonos móbiles no centro de traballo—cando estes eran utilizados por traballadoras para gravar as presións que sufrían para non secundar as folgas—, e outro pola eliminación unilateral dun dereito adquirido polo persoal.
Neste sentido, CGT denuncia que este intento de despedimento é unha estratexia deliberada para debilitar á organización sindical que conseguiu transformar as condicións laborais no centro, xerando medo xusto no momento en que o persoal estaba chamada a votar e a decidir a súa representación.
Desde CGT esíxese a paralización inmediata do despedimento, a readmisión da compañeira en caso de execución, e o fin da persecución sindical que leva anos desenvolvéndose en H&M. Tamén denunciaron publicamente esta represión e non descartan novas mobilizacións no Estado español, tanto como noutros países europeos, se a empresa non rectifica de forma inmediata.
Pola banda de Atento-Movistar o motivo desta nova mobilización é protestar polo peche inminente da quenda de noite. Esta medida de Atento implica para as afectadas importantes perdas salariais e, nalgúns casos, a perda do seu posto de traballo por non poder asumir os novos horarios impostos unilateralmente pola empresa. Desde a CGT denunciamos a destrución de miles de postos de traballo en España nos últimos anos por parte de Movistar e as suas contratas, Alzamos a voz contra a deslocalización que impulsan empresas como Telefónica, antiga empresa pública e da que é actual accionista o Estado, que hai anos vendía a proximidade dos seus servizos de atención ao cliente (froito das constantes denuncias e mobilizacións no contact center) e que agora volve fomentar a explotación laboral ampliando fronteiras para enriquecerse de maneira inmoral á conta dos traballadores do sector de contact center, sector do que, no seu día, a propia Telefónica foi promotora á vez que destruía emprego estable e de maior calidade de entre o seu persoal. Ademais, esiximos o cesamento dos constantes e inxustificados despedimentos que o grupo Atento está a levar a cabo nas súas diferentes empresas (Atento Holdco, Atento Dixital, Atento Teleservicios…) e en departamentos fundamentais como a área de formación. No último mes foron máis de dez as compañeiras e compañeiros despedidos en distintas provincias, un deles no centro de traballo da Coruña.
Fontes: CGT Barcelona e CGT Atento Coruña
