CANGAS DO MORRAZO FAISE ECO DA GLOBAL SUMUD FLOTILLA
O pasado xoves, 18 de setembro unha concentración diante do Concello de Cangas reuniu a máis de 300 persoas en solidariedade con Palestina. Na concentración, anunciada apenas o día anterior, interviu o noso compañeiro Larri, que é un dos mandatados pola CGT de Galicia para colaborar co Movemento Global para Gaza-Galiza e a Global Sumud Flotilla. Pese a ausencia de megafonía, a súa intervención foi seguida atentamente. Esta foi:
Seguro que lembrades a Marcha Mundial a Gaza. O obxectivo da Marcha Mundial a Gaza que iniciouse na primeira quincena de xuño era agruparse na cidade portuaria de al-Arish no Sinaí exipcio e comezar unha mobilización a pé cara á fronteira con Gaza, a Rafah, para forzar, de maneira pacífica, o fin do asedio a Gaza mediante a apertura dun corredor humanitario. As autoridades e policía exipcia frustraron o intento. Sen embargo o Movemento Global para Gaza expandíase por todo o mundo.
As persoas galegas que atopáronse no Cairo voltaron á Galiza coa intención de seguir loitando. Fixeron algúns contactos e formaron o Movemento Global Para Gaza-Galiza coa intención de embarcarse no novo intento de romper co bloqueo a Gaza e rematar co xenocidio. A flotilla Sumud Global a Gaza.
Catro organizacións internacionais traballan xuntas para que esta nova iniciativa da sociedade civil poida desafiar ao estado asasino de Israel e a inacción da ONU e os gobernos do mundo para deter o xenocidio. Co convencemento de que somos a xente, a sociedade civil, quen temos que actuar, esta coalición internacional formada pola Magreb Sumud Flotilla, La Coalición de la Flotilla de la Libertad, Movemento Global Para Gaza y el Sumud Nusantara está a facer o que deberían facer os gobernos que permiten que cheguen a Israel toneladas e toneladas de armas para ser usadas contra os palestinos indefensos mentres seguen contemplando como practicamente non entra nin unha tonelada de axuda humanitaria na faixa de Gaza. Eso ten un nome: complicidade.
Dende o Movemento Global para Gaza-Galiza non queremos desviar o foco de Palestina. O importante está en Palestina. Hoxe 18 de setembro de 2025 remata o prazo dun ano que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas concedeu a Israel para que puxera fin á súa presenza ilegal nos territorios ocupados e que cumprira coas medidas provisionais ditadas pola Corte Internacional de Xustiza no caso de xenocidio. Un ano que serviu para que o número de palestinos asasinados en Gaza ascendera a máis de 60.000 segundo o ministerio de saúde Gazatí. Cifra que cada vez máis vaise convertendo en irreal. Sábese que é moito maior, reputados estudos científicos como o da revista The Lancet veñen advertindo que problablemente a cifra de asasinados por esta limpeza étnica sexa 10 veces maior, en torno aos 600.000. A mesma cifra que está a expoñer a relatora da ONU para palestina, Francesca Albanese.
Sen embargo Israel está a tropezar cunha resistencia Palestina digna e heroica. Paga a pena recuperar estas palabras para quen as merece. Sabemos que todo isto non empezou onte, antes da Flotilla Sumud Global, antes do Handala e antes do Madleen, houbo outras flotillas coa mesma intención de romper o criminal e ilegal bloqueo co que Israel leva asediando a Gaza durante décadas. Unha das máis coñecidas por estas terras foi a do barco a Gaza que no 2009 fixo escala no porto de Marín.
Esta de agora, a Global Sumud Flotilla, é a máis numerosa. Case unha centena de barcos e delegacións de 44 países partiron de distintos portos de Cataluña, Tunes, Italia ou Grecia para agruparse en alta mar e xuntos dirixirse a Gaza. De Barcelona partiron case 50 barcos, e fixeron escala en Menorca e Tunes, algúns deles non puideron continuar. Os barcos están sendo vixiados constantemente na súa travesía por drons. Dous destes drons atacaron a dous barcos, o Alma e o Family mentras estabanf ondeados no porto de Sidi Bou Said, enTunes. O domingo pasado partiron de Tunes e agora atópanse en augas internacionais.
De todas as galegas e galegos voluntarios para embarcarse na Flotilla Sumud Global só unha conseguiu embarcar debido ao número reducido de prazas e o elevado número de voluntarias de todo o mundo, Sandra Garrido. Mentras ela pon o seu corpo, o noso corazón e a nosa esperanza navega nesa flotilla porque, como moitos recoñecemos, o importante non é a flotilla, o importante é Palestina, do seu futuro depende a humanidade, do seu fin, o fin da humanidade, da súa liberdade, a nosa.
Quixera agora ler unha carta que nos dirixe Sandra á sociedade galega, escrita fai uns días xusto antes de partir de Tunes.
Galiza tamén está na Flotilla Sumud Global
Estamos no Sirius que, curiosamente, é a estrela máis brillante do firmamento, como así quere ser esta flota: unha luz, un faro, unha guía neste inferno que está provocando Israel co holocausto do pobo palestino. En Palestina agardan por nós, pola representación que é esta flota da sociedade civil organizada.
No Sirius estamos representados os cinco continentes, e máis de dez nacionalidades (Nova Zelandia, Irlanda, Finlandia, Arxentina, Holanda, Turquía, Malaisia, Brasil, Euskal Herria, Catalunya, Senegal, España e incluso dese país que está por riba de México; algunhas quédanme polo camiño, xa me desculpo de antemán).
Todas as xeracións converxen tamén neste barco: o máis novo da flotilla, o pequeno grande músico neozeolandés Sami, de 18 anos, e o máis vello da flota, con v e con b: Magno de Carvalho, sindicalista eterno do Brasil. Canta valentía e coraxe nesas dúas persoas. Viaxa tamén con nós un xornalista americano en contacto constante coa autoridade palestina de saúde, que nos informa diariamente das atrocidades que comete Israel contra o pobo palestino, desoíndo o clamor universal que tan ben representa esta pequena grande flota.
O mundo está a dicirlle a Israel que pare esta barbarie, que están sós, que a xente está con Palestina, pero o mal non descansa e, sendo moitas, seguimos a ser insuficientes. Temos que ser máis, temos que ser todes. Non hai máis que ver as continuas manifestacións no Estado español, que van perseguindo a volta ciclista criminal polas estradas de Catalunya, Asturies, Cantabria e Galiza, como se o mundo fose un taboleiro de dominó tirando as fichas da terra queimada que deixa o equipo do amigo criminal de Netanyahu, tan criminal como el: o “Israel Premier- Tech”. Non pasaredes. Temos flota no mar e temos batallón en terra. Non teredes paz. O mundo está a falar.
A autoridade de saúde de Gaza informou onte que cifra en máis de 65.000 o número de palestinos asasinados desde o 7 de outubro de 2023, e en máis de 165.000 as persoas feridas, das que máis de 150.000 sufriron mutilacións… moitos son nenos e nenas… mañá serán máis. Goteo incesante de terror e sangue. Ademais dos asasinatos directos, Israel, na súa voracidade cruel, emprega a fame como arma de guerra; tamén o bloqueo, impedindo que cheguen medicamentos… eses asasinatos non serán contabilizados: morreron de fame, morreron enfermos. Non, son asasinatos dun ser despreciable que comete crimes de lesa humanidade cada día.
Na costa de Tunisia, agardando para zarpar de novo con máis embarcacións, a Flotilla Sumud Global recibe continuas mensaxes desde Gaza, esperanzadas pola nosa misión, sabendo que se nós imos cara alí significa que ao mundo lle importan as vidas palestinas e só por iso, nada máis que por iso, estamos aquí.
Os gobernos dos países aos que representamos están a ser cómplices do xenocidio do pobo palestino. Non é momento de mostrar boa vontade nin de anunciar medidas disuasorias a medias; é o momento de parar o Estado de Israel con toda a contundencia que os crimes que comete merecen. Por iso saímos nesta precaria flotilla, poñendo os nosos simbólicos corpos en xogo, porque se nós non o facemos ninguén o fará. A sociedade civil está a ser clara, e os gobernos deben obedecer.
Pedimos desde a flotilla que non pare a solidariedade, que protexades a misión de conseguir que se forme e consolide un corredor humanitario a Gaza, que se pare a barbarie do xenocidio contra o pobo palestino en todas as súas formas e que Israel non descanse até que Palestina sexa libre e poida vivir en paz. Como dixo Samah Idriss desde o Líbano pouco antes de morrer: “Se renunciamos a Palestina, renunciamos a nós mesmas.”
Desde a delegación galega na Global Sumud Flotilla, desde o río até o mar, Palestina vencerá!
Tunisia,12de Setembro2025
Sandra Garrido Fernández, representante do Movemento Global para Gaza-Galiza.
Finalmente, o compañeiro fixo un chamamento á mobilizarse no caso de que a flotilla sexa interceptada.


