ESTE PROCESO QUE ESTAMOS A VIVIR EN DIGI DEBERÍANOS ESPERTAR NA CONCIENCIA OBREIRA A NECESIDADE DE ESTAR ORGANIZADAS SEMPRE EN ASEMBLEAS ACTIVAS E PARTICIPATIVAS
Entrevista con Nelo Penide, delegado da Sección Sindical da CGT en DIGI Vigo
Antes foi a clase obreira da Baía de Cádiz e a de Correos, só por nomear os últimos conflitos seguidos dende este semanario, a que tomou as rúas en contra das condicións laborais pactadas polas corporacións sindicais CCOO e UGT. Agora é a da empresa de telecomunicacións DIGI. Un espertar que alenta certa esperanza, pois é necesario apartar a estas corporacións sindicais, CCOO e UGT, da representatividade obreira e situalos no lugar que escolleron xunto á patronal. Os 8000 traballadores de DIGI no estado español foron enganados coa creación dun convenio de empresa que modifica, á baixa, as súas condicións laborais. Mentres ao persoal se lles informaba de que o novo texto favorecería a todo o mundo, a realidade rematou sendo ben diferente.
En Vigo a asemblea de traballadores decidiu loitar e así o anuncian:
Pois si, estimades sres e sras xefas e propietarias de DIGI. Tomámoslles a palabra e confirmámoslles.
A ASEMBLEA DE TRABALLADORES DE DIGI EN VIGO IMOS Á GUERRA.
OS PERSOAIS DE DIGI POR TODO O ESTADO VAN Á GUERRA.
A CLASE TRABALLADORA, UNIDA, É IMPARABLE.
Quedade a ver…
Falámolo con Nelo que explícanos a situación polo miúdo.
Fai uns días os traballadores de Vigo de DIGI saiades a rúa. Agora tocouvos a vos, CCOO e UGT volveron xuntarse coa patronal para mellorar as condicións de explotación e empeorar as condicións laborais dos traballadores. Esto é cada vez máis habitual. Como foi no voso caso?
Si, xa levamos un par de concentracións en Vigo e polo resto do estado tamén se están a convocar accións e folgas. No noso caso vivimos un proceso moi rápido, dende Marzo até Xullo, con comunicados constantes con información falsa sobre os avances na negociación, sempre omitindo toda a parte lesiva do convenio, que pode ser un 80% do texto ou máis para Vigo. Pensa que a primeira comunicación falaba da conciliación laboral, que está regulada polo ET e non polos convenios, e ademais pode ser do menos relevante de cara a unha plantilla preocupada polo futuro dos seus dereitos.
Este novo convenio. Porque dicides que é ilegal?
É claramente ilegal. Son cláusulas lesivas as que rebaixan as condicións no noso convenio de orixe, o de Siderometalurxia de Pontevedra, como a rebaixa das medias dietas. Pero son ilegais as que se descolgan directamente do Estatuto dos Traballadores como impor traballo gratuíto. Exactamente 1 hora diaria nos desprazamentos que afectan en torno a un 75% das plantillas de industria (non ás de comercial), o que supón unhas 250 horas anuais, máis de 6 semanas de traballo gratuíto é o que está a branquear a sinatura dos sindicatos CCOO e UGT.
O convenio foi pactado co coñecemento dos traballadores? É dicir, houbo un procedemento previo á súa sinatura para establecer uns puntos reivindicativos? Existía en DIGI a reivindicación de un convenio propio de empresa?
Non ás dúas preguntas. O convenio negociouse nunha mesa conformada por apenas unha ducia de delegados, entre 10 e 12, de CCOO e UGT, omitindo a todo o resto de representantes sindicais doutras centrais por todo o estado. Non houbo convocatorias de asembleas nos centros de traballo para explicar ou para pedir aportes e pra dotar ao proceso dun carácter participativo. E non, podo dicir con total seguridade que non existía unha reivindicación pola plantilla deste “acordo”.
Vale. Cales son os puntos máis conflitivos dese convenio?
É que todo o convenio é lesivo. A imposición dunha hora diaria non remunerada de desprazamentos fóra da xornada é unha ilegalidade flagrante asinada con todo o descaro. Pero ademais caen os salarios base por categorías equivalentes dende os 4000 até incluso os 11000€ anuais nas categorías altas. Á plantilla actual teñen que suplirlle con plus ‘a conta convenio’ pero as novas incorporacións entran con esa rebaixa salarial, o que ten unhas consecuencias moi graves. Tamén se aumentan os períodos de proba por riba do teito do ET, a distribución irregular da xornada está topada no 10% polo ET e eles a suben ao 15%, conversión dun beneficio social a absorbible, co que ese concepto vai absorber as subidas anuais, co que temos aos efectos unha conxelación permanente do salario, redución das dietas e medias dietas, redución xeral dos días de permiso.
Dinos, que é o que pensas de CCOO e UGT?
Na miña opinión, que non ten por que ser a do resto da Sección Sindical, xa non son organizacións que sirvan a intereses obreiros, senón ao seu ánimo lucrativo. O seu carácter vertical limita moitísimo a liberdade de movementos das bases e impón mecanismos de moi dudosa ética, como a negociación de EREs, a priorización da protección dos delegados por riba do resto de traballadores, o control do fluxo informativo, etc. Básicamente son axentes desmobilizadores da clase obreira. E no caso concreto de DIGI amosaron a súa peor versión. Cada vez máis xente sabe dos seus pactos pola porta de atrás coa Patronal.
En Vigo constituístevos como asemblea de traballadores de DIGI. Que significa eso?
A Asemblea de Traballadores é a máxima expresión da unidade obreira. A plantilla de Vigo pasa a tomar todas as decisións en asemblea, e o Comité deixa de ter liberdade de movementos, estando mandatado por esta. Hai que ter en conta que o noso Comité era de CCOO e tanto este coma o resto da plantilla fomos vendidos polo sindicato, de xeito que vimos a necesidade de organizarnos asembleariamente.
Cal é o plan de loita, tanto á nivel local como en todo o estado?
O plan de loita é levar a cabo accións dende a difusión e socialización do conflito até outras que poidan resultar máis lesivas sobre o beneficio directo da empresa. Dende concentracións e campañas de difusión online até a mesma folga. Sabemos que estamos ante unha carreira de fondo. Accións locais pero tamén coordinación por todo o territorio estatal.
Ademais de CGT, vanse mollar outros sindicatos?
En Vigo a CGT constituíu Sección Sindical hai 15 meses e dende a desafiliación do Comité de CCOO, o noso sindicato é o único organizado. Polo resto do estado hai outros sindicatos con propostas combativas como os compañeiros da CIG de Coruña, COBAS, CSI, ESK, ELA, e por suposto a CNT. Cabe remarcar que aquí en Vigo ningún sindicato se achegou á plantilla para propor nada que non fose lista electoral, e que soamente a CGT está a dar apoio e soporte á Asemblea de Traballadores, tanto sindical como loxístico e xurídico.
Cal serían as condicións para que derades por rematado este conflito?
O retorno aos convenios de orixe provinciais do metal, ou o que consideramos máis factible, acadar un convenio colectivo de DIGI de máximos, con melloras nas condicións de todas as provincias e sen ningún recorte.
Finalmente. Seguro que tes algo que engadir que non teñamos falado.
Por engadir, diría que este proceso que estamos a vivir en DIGI deberíanos espertar na conciencia obreira a necesidade de estar organizadas sempre en asembleas activas e participativas, sen esperar a que cheguen os conflitos, porque desta maneira soemos chegar tarde. O sistema de eleccións sindicais actual é claramente ineficaz para as reivindicacións da clase traballadora, porque inhibe o fluxo de información e desmobiliza. En DIGI, hai uns meses, as plantillas tiñan en moi boa consideración as súas condicións laborais e a empresa atopou un escenario moi proclive para precarizar, establecendo unha negociación dirixida co sector máis amarelo do amarillismo sindical de CCOO e UGT. DIGI xa tiña artellados varios sindicatos amarelos como Unión Libre de Traballadores de DIGI ou DIGI Independence pero nin falta lles fixo tirar deles. Cando se estaba pra asinar o convenio estes vendeobreiros de CCOO e UGT fixeron rolda de preguntas entre os seus delegados para saber quen ía votar SI ao acordo. Os que dixeron que ían votar NON non puideron votar e a representación sindical na mesa negociadora emitiu un comunicado de aprobación por unanimidade. Así funciona a democracia representativa nos Comités de CCOO e UGT.


