VII Época - 91

A REPRESIÓN POLICIAL, COMO NOS TEMPOS DO FASCISMO, GOZA DE IMPUNIDADE

Este luns, 22 de decembro, ás 9:45, concen-trámonos ás portas da cidade da xustiza de Vigo, seguindo o chamamento á solidariedade do Sindicato de Oficios Varios de Vigo.

Como explicamos no número 88 de La Campana, o domingo 16 de novembro uns sin-dicalistas da CGT de Vigo colocaron unha pancarta reivindicativa na rotonda de acceso ao porto de Vigo denunciando os abusos laborais que ven cometendo a empresa Tecnocontrol, a empresa concesionaria do mantemento do porto. Unha vez colocada a pancarta os sindicalistas foron ata un dos bares da rotonda, dende onde miraron como a policía portuaria saíu do porto e dirixiuse cara a vía pública onde estaba colocada a pancarta coa pretensión de arrincala. Entón, os compas foron ata a rotonda para tentar emendar a actitude da policía portuaria, manifestándolle que non podían quitar a pancarta porque non estaba dentro do porto. E comezaron as agresións policiais. A máis grave a un compa que caeu ao chan, e cos xeonllos do policía na caluga, coa súa cara premida contra o chan, mentres lle retorcían os brazos e atábanlle torpemente as mans con bridas, amosaba a súa dor. De nada serviu que os outros compas advertiran que lle estaban facendo dano e urxían que non llo fixesen. Pronto apareceron outras policías, a local e a nacional. Ese compa é Oscar.

Este luns o noso compañeiro Óscar declara nos xulgados con motivo da instrución da denuncia que interpuxo despois de sufrir a grave agresión policial mentres estaba apoiando aos seus compañeiros en loita contra a empresa Tecnocontrol. O SOV de Vigo advirtenos “Ante a denuncia sen fundamentos que pola contra interpón a policía do porto, impulsada pola Autoridade Portuaria (dependente da Administración Pública) para intoxicar e salvarlles a pel aos seus matóns a soldo, o Sindicato de Oficios Varios de CGT de Vigo estívose movendo e organizando accións para tentar protexer a Óscar e denunciar esta situación intolerable. Óscar é un afiliado motivado en apoiar, compartir, aprender. Pero podía ter sido calquera de nós, calquera afiliada expresando e defendendo dereitos da clase obreira. Exercendo o activismo sindical libertario. Por esta denuncia dos matóns da Policía Portuaria, únicos agresores rodeados de testemuñas, o compañeiro pode ter que afrontar dende unha sanción económica moi importante ata incluso pena de cárcere”.

Outro episodio de violencia e represión policial que temos que subliñar sucedeu en Madrid, o pasado xoves 11 de decembro cando os Bombeiros Forestais de Madrid, que manteñen desde este verán unha folga indefinida para denunciar a situación de extrema precariedade dun servizo esencial, convocara unha concentración ante a sede principal do Grupo Tragsa. O 13 de outubro no número 83 de La Campana debullamos o conflito. Durante a concentración do 11 de decembro a policía mantivo en todo momento unha actitude hostil cara aos traballadores, que se manifestaban pacificamente polos seus dereitos. A actuación policial culminou nunha carga indiscriminada, emprego de gas pementa e 11 feridos e 2 detidos entre os traballadores. Os bombeiros forestais esixiron a dimisión do delegado de goberno madrileño. Un comunicado do SP confederal da CGT,  rabiosamente titulado “ACABar coa imaxe da Policía Nacional:nin traballan nin protexen”, vai máis lonxe “Sobre os maltratadores que este xoves golpearon, gasearon, detiveron e encerraron aos nosos compañeiros bombeiros existe unha escala xerárquica de mandos que van dependendo uns doutros ata chegar á Dirección Xeral da Policía (Francisco Pardo Piqueras) que actúa baixo a autoridade da Secretaría de Estado de Seguridade (Ana María Calvo Xastre), que á súa vez está subordinada ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska”.

            A Grande Marlaska acumúlanselle as malleiras e mortes sucedidas baixo a súa responsabilidade ministerial. A última da que temos coñecemento, a morte de Haitan Mejri, un rapaz que tiña 35 anos. Foi o 8 de decembro, cando Haitan morreu tras unha descarga eléctrica dunha pistola taser disparada por algún axente da Policía Nacional de Torremolinos, en Málaga. A familia do mozo denunciou que en ningún momento mostrouse agresivo, que a súa actitude non era perigosa -como demostrarían os vídeos que entregaron para a súa investigación-, e que a intervención da Policía Nacional foi desproporcionada e innecesaria. Mentres, pechábanse filas na institución policial asegurando que os axentes fixeron ben o seu “traballo”. Que se saiba, Grande Marlaska non se manifestou publicamente sobre a pertinencia de entregarlle pistolas taser á maldita policía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *