A LOITA EDUCA. 11 DE FEBREIRO FOLGA NO ENSINO CATALÁ
Se a semana pasada cubriamos a folga de ensino en Aragón, esta facémolo coa de Catalunya.
Como en Aragón, a folga ven precedida dunhas demostracións de compromiso e forza colectiva nas manifestacións do 15 de novembro e 24 de xaneiro en Barcelona. A diferencia da Federación aragonesa da CGT, que tomou a remuda da subversión da comunidade educativa en solitario, a Federación catalá faino uni-tariamente, co resto de sindicatos e corporacións sindicais. A Federació d’Ensenyament de CGT Cata-lunya fai un chamamento “a seguir fortalecendo a organización desde os centros e a participación masiva de todos os docentes á primeira xornada de folga do próximo 11 de febreiro, a cal irá acompañada de accións e manifestacións en diferentes puntos do territorio”.
Nun chamamento á cidadanía, ao alumnado e ás familias, CGT Ensenyament diagnostica a situación do ensino en Catalunya que motiva a folga “reclamamos un incremento salarial digno. Esiximos unha baixada de ratios e un incremento do persoal educativo, especialmente ante a alta complexidade das aulas. Defendemos a inclusión, pero con recursos. Sen os soportes necesarios, a inclusión actual é un recorte de facto que prexudica ao alumnado e precariza ao persoal. Denunciamos o exceso de burocracia, que nos rouba tempos para compartir, analizar e preparar clases, e obríganos a encher papeis para avaliacións inútiles e tendenciosas que non melloran o ensino. Reclamamos o regreso da democracia aos centros. Os decretos derivados da LAC impoñen unha verticalidade que reduce a participación e rompe o sentimento de pertenza, elementos imprescindibles para a calidade educativa e o benestar laboral”. Unha breve diagnose na que coincidimos, e compartiamos no anterior número destes Conflictos Colectivos campaneros para Pontevedra e Galiza, como tamén o facía a Federación aragonesa. Tampouco esquecen en Catalunya o desleixo do rural ou de reclamar “a internalización inmediata dos sectores externalizados: lecer educativo, monitores, cociña e limpeza. O diñeiro público ten que ir á escola pública, non ás empresas que fan negocio con dereitos básicos”. Deste xeito, a folga está convocada non só para docentes, senón tamén para todo o persoal laboral, transporte escolar, monitores de actividades extraescolares, comedores, etc.
As negociacións entre a administración ca-talá e o profesorado, que tiveron lugar despois da multitudinaria manifestación do 15 de novembro, están agora estancadas, “continuamos agardando a proposta de aumento do complemento específico á cal se comprometeron para poder continuar coas negociacións” resalta CGT, nunha nota de prensa, a falta de compromiso do Departamento de Educación e Formación Profesional. A nota continúa, “os feitos falan por si mesmos. Non se está cumprindo o calendario das mesas de negociación pactadas. O Departamento non cumpriu os compromisos nin trouxo ningunha proposta seria á mesa. Convocáronnos a reunións baleiras de contido que se traduciron nunha perda de tempo”.
O Departamento tensou máis a relación cos sindicatos cando “o día 4 de febreiro recibimos unha convocatoria de mesa na que nos tiñan que trasladar unha proposta concreta de incremento do complemento específico, pero en menos de 10 horas recibimos a desconvocatoria da mesma”, asegura CGT. “Ante todo este escenario, temos unha Administración que non da resposta ningunha a unhas reivindicacións de condicións laborais dignas que son de xustiza para un colectivo docente que xa hai demasiado tempo que se atopa ignorado. O persoal docente de Cataluña hoxe sentímonos esquecidos, desprezados e maltratados”, continúa CGT nun chamamento unitario á folga .
A Federació d’Ensenyament prevé que ante esta aptitude do goberno de Catalunya os problemas da clase obreira do ensino e das familias non se van resolver satisfactoriamente o 11 de febreiro, polo que “anunciamos tamén a convocatoria dunha semana enteira de folga do 16 ao 20 de marzo, entre outras accións e mobilizacións, como parte do ciclo indefinido de folgas que prevemos para este curso e que non pararemos ata que non consigamos mellorar significativamente as nosas condicións laborais e o sistema educativo. Isto só é o principio. 11 de febreiro todo o mundo á folga! A unión fainos imparables!”
