A CAMPAÑA OBXECCIÓN FISCAL AOS GASTOS MILITARES 2026 FALA NA NOSA LINGUAXE, O ANARCOSINDICALISMO
O vindeiro 8 de abril Facenda inicia a campaña da renda, e con ela, tamén ábrese a oportunidade de facer Obxección Fiscal aos Gastos Militares. Podemos exercer o noso dereito á obxección fronte ao desmesurado gasto militar realizado no ano 2025, como tamén para frear a intención de incrementar este orzamento. Por estas terras do sur de Galicia quen move a campaña é o Espazo Aberto Antimilitar, un grupo vigués formado por colectivos e persoas que traballan pola construción dunha sociedade máis xusta e desmilitarizada. Para o Espazo Aberto Antimilitar “É necesario comezar a desmilitarizar a vida e deter a guerra aquí e agora. A Obxección Fiscal ao Gasto Militar é un bo punto de partida para avanzar neste camiño”. Ao mesmo tempo advírtennos de ter en conta o “calendario do contribuínte” para termos presentes os diferentes prazos, baixo a premisa de non validar o borrador. Así é importante ter en conta que a partires do 8 de abril pódense presentar as declaracións por internet, por telefono a partir do 6 de maio e o 1 de xuño de xeito presencial. O 25 de xuño esgotase o prazo para as declaracións con resultado “a ingresar” que queiran domiciliarse, e o 30 de xuño é o último día para presentala.
A Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en, á hora de facer a Declaración da Renda, non pagar ao Estado os cartos que adica á guerra e á sua preparación. “A OF non supón evadir impostos, senón desviar cara proxectos sociais a cantidade que sería destinada a fins militares”, aclaran dende o Espazo. Aínda que non teñamos a obriga de pagar o IRPF, todas as persoas pagamos impostos cos que, queiramos ou non, financiase o militarismo. Do mesmo modo, a Obxección Fiscal podémola facer todas. E, se non queremos recorrer á OF, aínda podemos reclamar do goberno que o dereito a non colaborar cos gastos militares sexa recoñecido e respectado.
O Espazo Aberto Antimilitar considera que “o mellor xeito de resolución dos conflitos entre os pobos é o diálogo, a cooperación e a solidariedade. Cremos que o principal camiño para conquerir un mundo en paz é favorecer a xustiza. E non estamos de acordo co destino militarista nen coa forma en que son utilizados os nosos impostos (directos e indirectos)”. O espazo propón ao estado “a progresiva diminución do gasto militar até a súa eliminación e, por conseguinte, a desaparición dos exércitos”, e a todas as persoas e movementos sociais “a desobediencia civil, por medio da O.F., frente á imposición de colaborar co militarismo”. Propoñer a desobediencia civil é falar na nosa linguaxe, a anarcosindicalista.
Tamén na súa web, https://nonaogastomilitar.arkipelagos.net/ , hai unha pequena guía de como facer Obxección Fiscal que subtraemos a continuación, só para facermos unha idea do procedemento porque en breve sairán actualizacións da guía para este ano:
Antes de comezar lembra que TODO O MUNDO PODE FACER OBXECCIÓN FISCAL AO GASTO MILITAR
O estado recada impostos durante todo o ano a todas as persoas da sociedade, e faino de moitas formas, non só mediante o IRPF. Deste diñeiro destina unha grande parte para o exército, a policía e a preparación de guerras. A declaración do IRPF supón unha magnífica oportunidade de recuperar este diñeiro e destinalo a un fin xusto.
Por iso lembrámosche que:
– Calquera persoa, teña ou non ingresos, teña ou non nómina, estea ou non dada de alta, pode facer a declaración de Facenda e reclamar este diñeiro ao estado para desvialo a un proxecto alternativo pola Paz e non violencia.
– A declaración pódeche saír a pagar, a devolver ou de cota cero. En todos os casos podes obxectar.
– Se a declaración mándancha xa feita (o borrador), NON a confirmes. Podes aproveitar ese borrador para realizar a túa declaración de IRPF utilizando o programa web da Axencia Tributaria, incluíndo a Obxección Fiscal ao Gasto Militar. Pódela realizar ti mesma ou encargarllo a unha xestoría. Explicámolo de forma máis detida:
Como se fai exactamente a obxección?
Propoñémosche dúas maneiras de facela:
– Cota fixa: tendo en conta que o estado destinou no ano anterior 884 euros por persoa para fins militares, esta podería ser unha boa cantidade a obxectar. Con todo. desde colectivos como Alternativa Antimilitarista-MOC lanzouse a campaña “Nin un euro para a guerra”, animando ás persoas obxectoras a desviar un simple e simbólico euro dos seus impostos co fin de que podamos ser moitas as persoas que fagamos obxección ao gasto militar e que, mesmo, podamos recorrer sen riscos nin complicacións no caso de que Facenda non acepte a nosa obxección.
– Cota aberta: Dado que o estado ten tantos medios de recadar o noso diñeiro, resulta complicado determinar cal foi a cantidade exacta que nos cobrou ao longo de todo un ano. Con todo a OF é, ante todo, unha acción pública e colectiva de denuncia ao militarismo e unha interpelación á sociedade. É moito máis importante o feito de obxectar que a cantidade obxectada; por iso, calquera cantidade, por pequena que poida ser, é válida.
En ambos os casos, incluír a obxección na declaración do IRPF é moi fácil:
a.- Realiza un ingreso bancario á entidade cara á que desexas desviar o diñeiro do gasto militar, pola cantidade que decidiches obxectar. Que a Obxección Fiscal ao Gasto Militar apareza nomeada no asunto da transferencia. Garda o comprobante.
b.- Fai a declaración da renda no programa web da Axencia Tributaria ata chegar ao apartado de “Retencións e demais pagos a conta”. Emprega un dos subapartados que non utilices (este ano recomendámosche a casa 568) e nese lugar engade a cantidade que vas obxectar (a cota fixa de 884 euros, a dun euro, ou calquera cota aberta que haxas decidido). Se non tiñas que facer declaración ou non desexabas facela, só tes que entrar á web da Axencia Tributaria, solicitar o teu borrador (moi fácil de facer) e anotar a cantidade que desexas desviar na casa 606. O programa informático recalcula toda a declaración de forma automática. Mesmo aínda que os teus ingresos fosen de cero euros.
c.- Termina normalmente o resto da declaración, sen esquecer que o “Resultado da declaración” ten que verse diminuído -se é “a pagar”- nunha cantidade igual á cantidade obxectada ou que a cantidade para devolver -se é “a devolver”- ten que verse aumentada tamén na devandita cantidade.
d.- Valida a declaración e dálle a enviar.
e.-Envía unha carta ao Ministerio de Facenda (postal ou mail certificada ou mediante oficina pública de envíos) anunciando que fixeches Obxección Fiscal ao Gasto Militar e explicando os teus motivos. Acompaña comprobante do teu ingreso á organización que elixiches como destino alternativo. Garda copia de todo.
Se tedes calquera dúbida ou queres recibir máis información sobre a campaña de Obxección Fiscal ao Gasto Militar non deixes de escribirlles a espazoantimilitar@riseup.net ou visitar a súa web na que irán dando conta da campaña galega. Cónstame que dende o Espazo Aberto Antimilitar poden desprazarse para explicar a campaña presencialmente. Tendo isto en conta penso que cada sindicato da CGT de Galicia ten a oportunidade de colaborar e promover a campaña deste ano, xa sexa a nivel social con xornadas ou palestras, ou calquera outro xeito, como dende a acción sindical a través das seccións sindicais.
Outro colectivo, Alternativa Antimilitarista-MOC presentou, en xaneiro deste mesmo ano 2026, un informe que recolle os datos de participación na última campaña, a de OF 2025, e detalla os proxectos apoiados. O informe contextualiza que “Resulta evidente que nos atopamos nun contexto fortemente marcado polo incremento do militarismo a todos os niveis. Así, deste xeito, a Unión Europea lanza o programa ReArmar Europa, que prevé incrementar o gasto militar europeo en 800.000 millóns de € nos próximos anos, á vez que o Goberno español eleva en máis de 15.000 millóns o orzamento de Defensa sen pasar polo Congreso para financiar novos programas de desenvolvemento e fabricación de equipos e sistemas de armas e fai unha previsión de gasto militar de 80.000 millóns para 2026”. E lanza unha terrible premonición “Este incremento desmesurado do gasto militar está na base da preparación da guerra, xa que permite a adquisición de novo armamento e a posta en marcha de programas de adoutrinamento social (neste sentido hai que ler a volta do servizo militar en varios países de Europa e o debate aberto noutros sobre a súa recuperación)”. Os resultados que detalla o informe, “máis de 500 persoas negáronse a financiar cos seus impostos o gasto militar e desviaron máis de 45.000 euros ao financiamento de ao redor de 130 organizacións ou proxectos que traballan a favor dunha sociedade máis xusta, equitativa e feminista”, exixen que a CGT colabore e canalice a Campaña de Obxeción Fiscal ao Gasto Militar 2026, tal e como mandatan os nosos acordos.
