CGT REXEITA O ERE DE ABAI E CONVOCA FOLGA O 20 DE ABRIL
As compas de A Coruña infórmannos do rexeitamento ao ERE exposto pola empresa de telemarketin Abai, que afecta ao persoal da antiga Atento, agora ABAI Teleservicios. O sindicato convocou unha folga de 24 horas, acompañada dunha concentración diante do Edificio Proa, na Coruña, para o 20 de abril.
Segundo denunciou a sección sindical, a poucas semanas da compra de Atento por parte de ABAI, a dirección impulsou este expediente co obxectivo de despedir a máis de 150 persoas de distintos centros de traballo, repartidos polo Estado español. Na anterior edición, número 101 do 16 de marzo de La Campana, informabamos sobre estas dúas cuestións, a compra-venda entre a mafia do sector e o anuncio do ERE, “o sector de Contact Center leva máis dunha década vivindo fusións e adquisicións que reduciron a un puñado as empresas de Telemarketin neste país, onde antes había multitude de empresas agora hai un oligopolio. Durante anos a principal empresa deste sector en España, Atento, anunciou a súa venda a Abai, unha empresa moito máis pequena. Sorprendentemente, por unha vez o peixe pequeno cómese ao grande, e un dos pequenos clientes de Telefónica (movistar), quedouse co grupo Atento que é o principal provedor deste cliente de telecomunicacións”. Por moito que se diga, hai que ter moita pasta para mercar unha empresa como Atento. Existe unha depravación, por outra banda substancial á obsesión por acumular diñeiro, nos negocios, “ABAI comprou a empresa unicamente para gañar máis diñeiro cortando cabezas”, destapaba en marzo a sección sindical coruñesa en ABAI.
Agora, o sindicato advirte que “a compañía pretende eliminar postos de traballo con certa estabilidade para substituílos posteriormente mediante contratacións a través de ETT”. Tamén, como ven sendo unha constante estratexia empresarial nestes últimos tempos, denuncia que “a empresa leva anos deslocalizando servizos de atención telefónica a países onde as condicións laborais son aínda máis precarias que en España”. Este novo ERE busca destruír máis de 150 postos de traballo, incrementar a sobreexplotación e continuar coa deslocalización. Esta estratexia continuada de precarización e destrución de emprego foi materializada nos últimos anos mediante ERTEs, modificacións substanciais ou mobilidades xeográficas que, nalgúns casos, foron declaradas ilegais polos tribunais. Por iso, “este ERE non é máis que un ensaio que, se sae adiante, repetirase no futuro” alerta a CGT coruñesa.
As páxinas deste semanario levan denunciando constantemente as condicións de explotación ás que están sometidas as compas que traballan no telemarketin. Ademais da deslocalización a outros países con condicións laborais máis explotadoras, destacan unha serie de medidas de presión e desaxuste, como estratexia para lesionar a saúde das traballadoras. Ademais desta depravación, no económico, as traballadoras teñen salarios tan mínimos que quedan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, cada vez que este se actualiza. Na segunda reunión da mesa de negociación deste ERE, producida o pasado 7 de abril, a empresa levou a un economista para tentar facer colar unha xustificación con palabrería. Mentres, con toda desvergonza, a parte empresarial non presentou a documentación necesaria, nen acreditou as causas. O que sí fixo foi manipular a información en todo momento. A CGT sostén que as causas do ERE non foron acreditadas, xa que, non existen. Os despedimentos só agravarán a sobreexplotación e unicamente contribuirán a aumentar os beneficios empresariais, aumentando a carga de traballo que xa é o suficientemente elevada, ata o punto de que moitas traballadoras enferman por este motivo.
A folga convocada pola CGT afectará aos centros de traballo afectados da antiga Atento. Ademais, está prevista unha concentración na Coruña, ás 12.30 horas, diante do Edificio Proa, no barrio de Matogrande.
Resulta incomprensible que a lexislación laboral permita que empresas con beneficios millonarios expoñan expedientes de regulación de emprego e que haxa organizacións e corporacións sindicais que os avalen coa súa firma.
Para as compas “é evidente que o ERE é un ensaio que, se lle sae ben, non dubidará en replicar. Por iso é tan importante combatelo e non avalar coa firma dos sindicatos unhas causas falsas que máis tarde poden ser utilizadas contra nós, ou outras traballadoras de calquera centro”.
Larri (Fonte: CGT Coruña)