ERE QUE ERE EN EMPRESAS CON BENEFICIOS
Aínda que en solitario, a concentración diante das oficinas de ABAI na Coruña, na xornada de folga polo ERE, convocada exclusivamente pola CGT o pasado luns 20 de abril, realizouse con notable éxito de seguimento. As traballadoras da empresa de telemarketing Abai Teleservicios, coñecida ata hai uns meses como Atento antes da súa adquisición, secundaron o paro de 24 horas e a concentración ante as oficinas que ABAI ten no barrio coruñés de Matogrande. CGT rexeitou desde o primeiro momento o ERE ao considerar que as causas alegadas pola empresa son falsas e que esta manobra xa estaba planificada mesmo antes da compra de Atento. Este ERE forma parte dunha estratexia da dirección da compañía orientada a reducir ao mínimo os cadros de persoal en España para, posteriormente, deslocalizar os servizos de atención ao cliente cara ás plataformas que a empresa posúe en Latinoamérica onde as condicións laborais aínda son peores. O sindicato sostén que, “cos máis de 150 despedimentos expostos, a empresa pretende sobreexplotar aínda máis ás traballadoras que permanecen nos centros de traballo e recorrer a empresas de traballo temporal para cubrir vacantes de forma máis barata e en condicións laborais máis precarias”. Ademais “a carga de traballo continúa sendo elevada, ata o punto de que moitas traballadoras enferman por este motivo”, apunta a sección sindical coruñesa.
Así mesmo, a CGT critica que “a lexislación laboral favorece ás empresas e considera inadmisible que unha multinacional con beneficios, que ademais acaba de adquirir outra compañía, poida presentar un ERE”. Ademais da lexislación laboral, Abai conta coa complicidade das corporacións sindicais que mercadearon o prezo deste ERE que finalmente asinaron o 22 de abril. As corporacións, UGT, USO e STC, -este ultimo, unha corporación de sector que ofrece “ofertas” de oftalmoloxía, Banca ou Seguros como principais atractivos na súa web, onde a acción sindical está ausente- fixaron o prezo nun miserento 28 días de indemnización por ano traballado cun tope de 16 mensualidades. Con total inconsciencia, debida a aldraxe con quen representan, nin tan sequera concretaron quen e cantas persoas van ser despedidas. Para CGT ábrese así “o camiño para futuros despedimentos masivos”.
A Sección Sindical Estatal de CGT na Cruz Vermella española informa que, catro meses despois do anterior que asinou xunto a UGT, a empresa «humanitaria» con superávit chama aos sindicatos a consultas sobre un novo ERE. O novo proceso de ERE afecta a un total de 66 traballadoras/es das provincias de Almería, Barcelona, Burgos, Girona, Granada, Huelva, Jaén, As Palmas de Gran Canaria, Málaga, Salamanca e Tenerife. A sección da CGT denuncia a deriva que está a tomar a dirección de Cruz Roja, “con ERES anuais (xa nin iso, cuadrimestrais), unha negativa e bloqueo da negociación colectiva, un continuo desgaste do persoal, sumando a incerteza e a ansiedade polo futuro laboral, a imposibilidade de desenvolvemento e carreira profesional, o burnout que afecta a gran parte das persoas traballadoras, a imposibilidade de conciliar a nosa vida familiar, loitar contra a pobreza con salarios de miseria, cando os altos cargos e directivos da entidade reciben salarios obscenos”. Ademais lanzan unha mensaxe de solidariedade, “ningunha persoa traballadora vai estar soa neste proceso, imos loitar por protexer os dereitos laborais de todas, na súa defensa temos que estar todas”. A sección tamén prepara o terreo, “o camiño non pode ser outro que a loita e a organización. O apoio mutuo é a nosa ferramenta máis poderosa!!!”
O xoves 23 de abril comezou o proceso de despedimento colectivo en Capgemini España. Capgemini S.A., é a primeira corporación multinacional francesa de servizos de consultoría tecnolóxica, con sede en París, e a sexta mundial do sector. Capgemini volve ás andadas, volve aos EREs dos que abusou a partir do 2008, e “demostrando con esta nefasta xestión que lle importan ben pouco os seus traballadores”, sinalan dende a sección sindical da CGT, advertíndolles que “moi sibilinamente a empresa quere dividirnos, sinalando aos marxinados que van ser afectados. É unha lista negra artificial que levan manexando ao seu antollo desde hai meses e que van seguir manipulando, pódenche sacar dun proxecto dun día para outro e sen ningún motivo, pasou en EREs anteriores e vai volver a pasar”. Para a sección “os despedimentos non son a solución. O problema segue sendo o dunha estrutura enorme, ineficaz e desproporcionada, os pagos de bonus aos directivos e os dividendos millonarios aos accionistas”. Finalmente chaman a atención sobre que “este proceso aféctanos a todas as persoas desta compañía e debemos actuar de xeito conxunto contra el”.
