CONFLICTIVIDADE NO BANCO DE SANTANDER
A sección sindical de CGT en Banco de Santander convoca unha nova concentración de protesta o próximo 21 de maio ás 18.30 horas en Cantón Pequeno nº1, A Coruña, fronte ás instalacións da territorial da entidade, para denunciar publicamente a situación límite que atravesa o persoal do banco. Con esta nova convocatoria, CGT fai un chamamento a todo o persoal e ao conxunto de organizacións sindicais do sector financeiro para unir forzas en defensa dunhas condicións laborais dignas e dun modelo de banca que respecte a quen sostén diariamente o negocio co seu traballo. En Pontevedra o mesmo día 21 faremos un acto de solidariedade, repartindo información e expoñendo a postura do sindicato, durante o horario laboral.
Tras as recentes mobilizacións realizadas en distintos puntos do Estado, CGT considera imprescindible manter a presión e visibilizar o crecente malestar das traballadoras e traballadores do Santander España, sometidos a unha carga laboral cada vez máis insoportable mentres a entidade continúa presentando beneficios milmillonarios trimestre tras trimestre.
CGT denuncia que o incremento constante da presión comercial, os obxectivos inalcanzables, a falta de persoal e de medios suficientes, así como a perda continuada de poder adquisitivo, están a deteriorar gravemente as condicións laborais e a saúde do persoal. A realidade é común en numerosos departamentos e áreas do banco. O diagnóstico por parte do persoal é claro: esgotamento, non poder máis. Mentres a dirección presume de resultados récord e de crecemento económico, o persoal continúa soportando unha política baseada na redución de custos a través de recortes de persoal, aumento de cargas de traballo e avaliacións condicionadas por criterios comerciais abusivos.
A anterior mobilización tivo lugar o xoves 7 de maio fronte ás instalacións da sede do banco en España, na rúa Luca de Tena, Madrid. Desde CGT, que promoveu a concentración, sinalaron fronte a Recursos Humanos de Madrid e Relacións Laborais de Santander España, a desesperación dun persoal ao límite. “Non pode ser que os beneficios millonarios do banco recaian sempre nos mesmos petos e que a saúde do persoal se resinta pola ambición infinita da empresa”, manifestaron durante a concentración.
Banco Santander obtivo un beneficio ordinario récord de 3.560 millóns de euros no primeiro trimestre de 2026, un 12% máis e un 60%, ata gañar 5.422 millóns se se ten en conta a venda do 49% do seu banco en Polonia a Ertse Bank por 7.000 millóns de euros. Pola súa banda, a presidenta do banco, Ana Botín, disparou en 2025 os seus emolumentos ata alcanzar os 18,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 34% respecto ao exercicio anterior, cando percibiu 13,77 millóns. Estas cifras sitúana non só como a banqueira mellor pagada de España, senón tamén como a executiva do Ibex 35 coa remuneración máis elevada. Pola súa banda, o conselleiro delegado, Héctor Grisi, elevou tamén o seu soldo un 23,8%, pasando de 8,3 millóns de euros a máis de 10,28 millóns. A iso engádese a previsión de novos bonus para 2026. Se se cumpren os obxectivos fixados pola entidade, Botín podería recibir outros 6,7 millóns de euros adicionais, mentres que Grisi obtería 4,6 millóns máis.
Estas cifras contrastan frontalmente co clima que denuncia a CGT que asegura que a presión comercial converteuse no principal problema interno dentro da entidade. Os obxectivos son cada vez máis difíciles de alcanzar e van acompañados de controis permanentes, reunións continuas e seguimentos dia-rios que xeran un clima de ansiedade xeneralizada. “Non son só obxectivos; son seguimentos diarios exhaustivos, clasificacións comparativas e unha fiscalización constante que está a crebar a saúde dos nosos compañeiros”, denunciaron traballadores durante outra concentración celebrada o pasado 17 de abril na Praza Maior de Valladolid. O persoal asegura que o medo, a tensión e o esgotamento psicolóxico forman xa parte do día a día en moitas oficinas. “O medo, a ansiedade e o insomnio para poder afrontar a xornada laboral convertéronse na norma, non na excepción”, denunciouse durante as protestas.
Outro dos grandes focos de conflito é a redución de persoal e o peche progresivo de sucursais. A CGT denuncia que estas decisións están a provocar unha sobrecarga de traballo cada vez maior para os persoais que permanecen en activo. O pasado 22 de abril, empregados/as do Santander manifestáronse en Santa Cruz de Tenerife para denunciar “despedimentos inxustos” e reclamar un cambio na política laboral do banco. A entidade está a optar por “sinalar e castigar” a parte do persoal en lugar de asumir erros de xestión internos. “A empresa reduce persoal e oficinas mentres esixe máis produción a quen segue traballando. Iso termina repercutindo no servizo ao cidadán”, advirten dende CGT.