FOLGA INDEFINIDA NAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE BARCELONA
O martes 26 de maio comezou a folga indefinida no Consorcio de Bibliotecas de Barcelona (CBB) co peche de 37, das 40 bibliotecas públicas de Barcelona, e cunha manifestación polas rúas da cidade.
O conflito laboral, lonxe de resolverse, agrávase. Dende que CCOO, UGT e CSIF asinaron o Convenio para o persoal municipal en Decembro e foi aprobado polo pleno municipal a finais de xaneiro deste 2026, cos votos a favor de PSC, Bcomú e ERC, o malestar creceu entre o cadro de persoal de algúns sectores como os de Servizos Sociais e Bibliotecas que iniciaron diversas mobilizacións e folgas.
A sección sindical da CGT, que xunto a Intersindical constitúen o comité de empresa no CBB, responsabiliza ao Ajuntament de Barcelona e á Xerencia de Bibliotecas desta situación, xa que ata agora non propuxeron ningunha solución aceptable para resolver o conflito.
A manifestación do martes percorreu as rúas de Barcelona, conxuntamente con outros servizos municipais en folga como os OAC, os servizos sociais. A manifestación iniciouse en Plaça Sant Jaume e, tras dúas accións nas sedes do CBB e do ICUB, Institut de Cultura de Barcelona, desfilou cara á Xerencia de Persoal do Ajuntament, onde agardaba un desmesurado dispositivo policial.
Pola tarde, o Comité de empresa asistiu á novena mesa de negociación, onde o Ajuntament mostrou unha proposta de horarios que por primeira vez incorporou melloras, pero que non rompe coa liña vermella do día de doblaxe. “Non pararemos ata que caian todas as liñas vermellas!”, lemos na web de CGT-Biblioteques de Barcelona de onde extraemos a información.
Durante toda a semana continuaron as accións, mobilizacións e concentracións. Tamén fixéronse asem-bleas en Consells de Barrio e Distrito e concentración diante do Pleno Municipal.
Para a semana que entra seguirán as mobi-lizacións e accións e hai convocatorias de asembleas para todo persoal con convenio Deputación para que as traballadoras poidan mostrar o malestar, asemblea xeral CGT Ajuntament, e unha asemblea para todo o cadro de persoal, convocada polo Comité para valorar a “proposta finalista” feita pola administración o xoves 28 de maio na décima sesión da mesa de negociación para a adhesión ao convenio de Bibliotecas.
A Administración comunicou que esta décima era a última reunión e anunciou unha proposta de acordo “finalista”, que aínda non concretou e que, segundo dixeron, farán chegar o luns 1 de xuño por correo. O Comité de Empresa denunciou que a Administración dese por pechada a negociación e convocase a firma do acordo para o venres 5 de xuño, cando aínda se está pendente de recibir o redactado formal da proposta. “Por agora nin podemos valorar a globalidade do acordo nin consideramos a posibilidade de asinalo o día 5. Queremos que o persoal o refrende e non levaremos a cabo a votación ata que o documento estea completamente desenvolvido e fose revisado polos nosos servizos xurídicos. O acordo será finalista cando o digan as traballadoras!”, advirte o Comité.
O venres 29 de maio celebrouse o Pleno extraordinario sobre as folgas -solicitado polos grupos da oposición-, ao que debían asistir como público as poucas traballadoras en folga que conseguiran entrada. Pero o día anterior pola tarde, todas elas recibiron un correo de cancelación alegando que “o aforo da sala xa estaba esgotado por reservas feitas con anterioridade”. Pola contra, os delegados e delegadas dos sindicatos asinantes do convenio si puideron estar na tribuna. A CGT denunciou a maneira de actuar do PSC, “que manipula o relato e menoscaba o dereito lexítimo de protesta e participación das traballadoras, que se evidenciou cando a Garda Urbana nos botou a empuxóns cando tentamos entrar no Concello”.
Durante o Pleno, Albert Batlle, Terceiro Tenente de Alcalde de Barcelona, iniciou a súa intervención afirmando que o Pleno convocouse “para dar voz á parte máis belixerante e minoritaria do conflito”. Batlle insistiu en que as negociacións están a levarse a cabo cos representantes sindicais “maioritarios”, e non fixo ningunha mención ao colectivo de bibliotecas. A pesar do negacionismo de Batlle, o goberno do PSC foi reprobado e quedou só votando o mesmo que Vox.
Desde a CGT poñen énfase en que ningún dos sindicatos asinantes do acordo teñen representación no Comité de Empresa de Bibliotecas e, polo tanto, tampouco teñen ningunha lexitimidade ante o seu persoal, “e advertimos de que se convocarán novas mobilizacións en datas especialmente sinaladas, como a visita do Papa ou o paso do Tour de Francia, mentres o conflito continúe aberto”.
De momento, este vindeiro venres 5 iniciará unha folga de bibliotecas de toda Cataluña acompañada dunha manifestación unitaria.