VII Época - 113

AS PORCENTAXES NON SE COMEN, NON PAGAN O ALUGUEIRO NIN ENCHEN O CARRO DA COMPRA. SUBIDAS LINEAIS NA NEGOCIACIÓN COLECTIVA!

Menos porcentaxes e máis realidade: Por que desde CGT esiximos subidas lineais?”. Esta é a pregunta que lanza a sección sindical da CGT na Plataforma Europa de Inditex en Zaragoza ás traballadoras tras o anuncio de que Inditex subirá o soldo un 20% a Marta Ortega e polo menos un 26% ao seu conselleiro delegado a partir de 2027.

A compañía xustifica que a súa política de retribución non cambiou desde 2022 e que o salario medio do seu persoal creceu a maior ritmo que o da súa cúpula, o soldo medio do persoal global de Inditex subiu un 21%, unha media do 6,6% anual, “por encima da inflación”, mentres que nese período o paquete retributivo do conselleiro delegado non sufriu actualizacións.

A sección sindical, que é amparada pola maioría do persoal, abriu un debate claro chamando ás cousas polo seu nome, “estamos cansos da propaganda empresarial que utiliza as porcentaxes para camuflar a desigualdade”. Efectivamente, cando as grandes multinacionais presumen de que os salarios do persoal subiron un 21% e que agora os dos seus altos cargos soben un 20% ou un 26%, están a xogar ao descoido. “As porcentaxes non se comen, non pagan o alugueiro nin enchen o carro da compra. O que conta é o diñeiro real”, explica a sección advertindo de que hai unha trampa da porcentaxe fronte ao diñeiro real.

Para destapar a trampa, a Sección Sindical fai unha simple comparativa:

“Se aplicamos as porcentaxes que se manexan nos despachos, a diferenza entre o que recibe un alto cargo e alguén do persoal cun salario de 35.000 € é un insulto:

Para o persoal (35.000 €): Un 20% de subida son 7.000 € máis ao ano.

Para a Presidencia: Ese mesmo 20% aplicado ao seu soldo millonario convértese en 200.000 € máis ao ano.

Para a Consellaría Delegada: A súa subida do 26% no paquete total tradúcese en 1.900.000 € máis ao ano”.

Nesta simple comparativa, podemos observar como co diñeiro que lle van a subir só nun ano a un único membro da alta dirección, poderíanse pagar as subidas de 270 traballadoras do persoal. “Mentres á escala básica pídeselle contención, os despachos de arriba blíndanse con incrementos que solucionen a vida de varias xeracións” denuncia a Sección.

Deste xeito, cando as subidas salariais están normalizadas en porcentaxes e cada vez máis sen cláusula de revisión salarial que garanta o IPC, a CGT-Inditex esixe eliminar o engano das subidas porcentuais e empezar a falar de subidas salariais lineais. É dicir, a mesma cantidade de euros para todo o mundo.

A sección argumenta que a subida porcentual é un engano, sobre todo por dúas razóns. A primeira e que agranda a brecha salarial. Se cada ano aplicase unha porcentaxe aos soldos, o que máis gana cada vez distánciase máis do que está a pé de canón. Os altos cargos vólvense infinitamente máis ricos e o persoal queda estancado no mesmo chan. O segundo é que ignora o custo da vida. A inflación aféctanos a todos por igual. Unha barra de pan, o litro de aceite ou a factura da luz cústalle os mesmos euros a un alto directivo que a nós. Por tanto, a subida para combater a vida real debería ser en euros fixos, non en porcentaxes que benefician exponencialmente ao que xa o ten todo cuberto.

Realmente, a Sección Sindical de CGT-Inditex está a recuperar un aspecto fundamental da negociación colectiva cando esta faise con conciencia de clase. Unha conciencia que as corporacións sindicais levan abandonando de xeito claro cando está na súa man negociar o reparto da riqueza e os froitos do traballo. A norma aceptada polas corporacións son subidas lineais que rozan o IPC, reducindo así progresivamente a capacidade económica da clase traballadora para poder facer fronte ás necesidades materiais neste sistema capitalista que sofremos. Ao contrario a proposta da CGT-Inditex de subidas lineais esixe que a igual inflación, igual subida en euros. “Se hai diñeiro para aumentar o orzamento do Consello de Administración en millóns de euros, hai diñeiro para repartilo de forma xusta entre quen realmente sacan o traballo adiante todos os días. Hai que acabar coas matemáticas creativas dos despachos. Falemos de euros, falemos de xustiza e falemos de subidas lineais para a clase traballadora”, axitan dende a Sección á clase obreira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *