VII Época - 113

FOLGA NO SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO DE MÁLAGA

Tras unha folga no Servizo de Salvamento e Socorrismo das praias de Málaga que comezou no outono de 2025, o 3 de marzo deste ano 2026 alcanzábase un acordo ante o SERCLA, organismo andaluz de mediación laboral. CGT expoñía que os acordos alcanzados permitirían regularizar os contratos de todas as traballadoras, poñendo fin á situación que mantiña a UTE concesionaria. Esta empresa mantiña ás persoas traballadoras como “fixas descontinuas”. Co acordo, a UTE tería que regularizar todos os contratos e tería que abonar as diferenzas salariais que se arrastran da campaña de 2025, cotizándoas nun prazo de 48 horas e normalizando a dotación de elementos básicos para o socorrismo nestas praias. Ademais tería que constituírse a mesa negociadora do I Convenio Colectivo de Salvamento e Socorrismo de Málaga, para poder ter un marco legal que regule as condicións laborais e económicas dos seus profesionais, “algo que era moi urxente e necesario para manter un servizo esencial nestas praias andaluzas”, anunciaba a CGT tras o acordo.

O Servizo de Salvamento e Socorrismo das praias de Málaga foi adxudicado polo Ayuntamiento á UTE formada por Servizos Socio Sanitarios Xenerais Andalucía (SSG) e Atlantic Emergency mediante un contrato superior aos 2,7 millóns de euros e unha duración inicial de tres anos. Non se trata de empresas pequenas nin descoñecidas. Atlantic Emergency acumula decenas de contratos públicos en distintos municipios e administracións. Pola súa banda, SSG preséntase como un dos principais grupos do sector sanitario e do transporte sanitario do Estado. O conflito volve poñer sobre a mesa unha realidade cada vez máis habitual: servizos públicos esenciais xestionados por empresas privadas que obteñen contratos millonarios mentres os persoais denuncian recortes, falta de persoal e deterioro das condicións de traballo.

Sen embargo, “o tándem formado por responsables municipais e a UTE foxen cara adiante, deixan Málaga sen servizo de salvamento e socorrismo nas súas praias, desprezan a profesionalidade de quen exerce os seus labores para velar pola vida e seguridade das persoas usuarias das praias e só ven por unha banda, a simulación ante a sociedade de prestar un servizo e polo outro un negocio millonario que lles leva a facer caixa sen ningún control municipal”, denunciaba a CGT fai agora un mes, o fin de semana do 9 e 10 de maio, no que o Servizo de Salvamento volvía á folga, mantendo as convocatorias nos fins de semana ata este último do 6 e 7 de xuño.

A UTE Praias de Málaga segue sen cumprir boa parte dos acordos alcanzados o pasado 3 de marzo ante o SERCLA. Esta folga chega tras meses de mobilizacións e sen solucións por parte da empresa ou o Ayuntamiento. As traballadoras denuncian que os compromisos pactados entón, entre eles a regularización de contratos, a actualización de cotizacións á Seguridade Social e a mellora de determinadas condicións laborais, seguen sen cumprirse.

Durante esta última fin de semana volveuse realizar un piquete informativo por todo o litoral da cidade de Málaga informando da folga e os seus motivos a bañistas e usuarios das praias así como para fiscalizar que a empresa respecte o dereito de folga e non substitúa a folguistas por outras traballadoras. Nun dos seus últimos comunicados, o sindicato denunciou ademais intentos de intimidación cara as folguistas mediante referencias a uns supostos servizos mínimos que nunca foron decretados pola autoridade laboral competente. A UTE en lugar de dar cumprimento ao acordo do 3 de marzo ante o SERCLA e negociar de boa fe co comité de folga, “saca o látego intimidatorio e abre expedientes disciplinarios por exercer o dereito de folga, mesmo a persoas que nin sequera teñen contrato en vigor, formula demanda perante o xulgado do social contra CGT por suposta folga ilegal cuxo xuízo se sinalou para abril do 2028, ou pon en marcha un proceso de Modificación de Condicións de Traballo que afectan as quendas e horarios dos profesionais nunha clara invitación ao abandono do traballo e con iso conseguir que os fixos descontinuos sexan substituídos por persoas noviñas, sen formación adecuada nin acreditacións profesionais e submisas ante os abusos laborais e de todo tipo”.

CGT, que representa a boa parte do persoal, denuncia a ausencia do Concello de Málaga nas reunións celebradas ante o SERCLA e acusan ao goberno municipal de actuar coma se non tivese ningunha responsabilidade sobre un servizo público que se presta baixo concesión administrativa e con financiamento público.

As traballadoras tamén denuncian unha cobertura insuficiente para vixiar máis de 14 quilómetros de litoral, falta de persoal acreditado, torres de vixilancia deterioradas e escaseza de medios materiais para responder ante emerxencias. A iso súmanse problemas que afectan directamente ás condicións laborais do persoal: falta de espazos adecuados para o descanso, dificultades para acceder a aseos durante a xornada e propostas empresariais de reorganización de quendas que pretenden absorber tempos de descanso para reducir aínda máis unhas retribucións xa de seu moi baixas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *