VII Época - 115

CONFLITO NA LIMPEZA MUNICIPAL DE ZARAGOZA, O PERSOAL TOMA AS RENDAS

CGT é o sindicato maioritario na contrata municipal de limpeza recollida e puntos limpos de Zaragoza, FCC. A dirección de FCC está a bloquear a negociación do convenio colectivo. Esta estratexia de bloquear as negociacións do convenio, cada vez máis estendida entre as patronais, consigue estirar o convenio caducado. As consecuencias son graves e moi lesivas para á clase obreira. Unha de estas consecuencias que beneficia moito á patronal e que é unha clara mostra da súa política explotadora é a conxelación dos salarios nas cantidades do último ano en vigor do convenio caducado ou como moito a actualización do IPC. Nos casos de contratos de substitución ou outros temporais, as actualizacións, o que coñecemos como atrasos, non se chegan a abonar pois cando chega o momento de abonalos os contratos xa están caducados e como podedes supoñer, as empresas voluntariamente non o fan. Que van pagar uns euros de atrasos a unha traballadora que xa non está na empresa, que lle rematou o contrato fai 2,3,4… meses? Veña! Aí vemos a calidade do compromiso social das empresas: unha miserenta obsesión por acumular diñeiro a base de degradar as condicións de traballo.

É válelles todo! Nesta contrata de FCC, limpeza recollida e puntos limpos de Zaragoza, a dirección da empresa non dubida en poñer en marcha unha política insoportable de constantes presións e ameazas, de recortes de dereitos e garantías, para amedrentar e castigar ás traballadoras que se lles pase pola cabeza xa non a idea de xustiza, senón a de a legalidade e a conservación dos dereitos.

Sen embargo, numerosas persoas do persoal veñen reclamando a posta en marcha de mobilizacións para desbloquear as negociacións que consideran estancadas tras 18 meses sen acordo. Recollendo esta reclamación, a CGT defendeu a mobilización como única forma de frear a actitude dos directivos de FCC en Zaragoza e como ferramenta para conquistar un novo convenio colectivo, “É hora de que o persoal de FCC limpeza, recollida e puntos limpos tome as rendas do seu futuro e poida decidir as accións para levar a cabo nas próximas datas”

A CGT defende que o futuro convenio debe garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal e incorporar melloras en conciliación laboral e familiar, igualdade e promoción interna. Tamén reclama medidas para acabar coa precariedade que afecta a parte do persoal con contratos parciais de fin de semana. Entre as principais reivindicacións figuran melloras salariais que garantan o poder adquisitivo, unha redución da xornada laboral, igualdade de oportunidades na promoción interna, a creación de máis postos de traballo a xornada completa, unha bolsa de emprego baseada na antigüidade e novos avances sociais e de conciliación.

A sección sindical da CGT informou que tras rexeitar a última proposta da empresa por considerala insuficiente e unha clara mostra da mala fe negociadora, os directivos de FCC en Zaragoza seguen sen querer negociar e sen facer novas propostas para achegar posturas. “A proposta dos directivos de FCC en Zaragoza era claramente insuficiente en materia salarial porque non garantía o poder adquisitivo, estaba baleira en avances sociais e de conciliación e contiña propostas ilegais que os xulgados xa anularon por vulnerar os dereitos das e os traballadores como a discriminación no plus de antigüidade ou nos pluses de absentismo ao persoal que estea enfermo entre outros aspectos”

Así mesmo, denuncian que “esta semana, tras o rexeitamento á súa proposta, a dirección de FCC en Zaragoza aumentou as súas ameazas e presións contra as persoas traballadoras e contra os sindicatos CGT e CCOO anunciando que este mes de xuño a empresa retrotraerá os dereitos e beneficios  acordados e recortará a subida salarial, os novos cuadrantes de xornada dos servizos de Recollida e Serluz e as xubilacións parciais”. As presións chegaron ata o punto que o delegado executivo e máximo responsable da multinacional FCC en Aragón denunciou aos responsables de CGT e CCOO por anunciar mobilizacións para as próximas datas.

CGT, como xa anunciou hai unhas semanas, está a traballar en deseñar e confeccionar un calendario de mobilizacións e actos que puidesen desembocar nunha folga indefinida a partir do 7 de Outubro, coincidindo coas próximas festas do Pilar. CGT convocou un pleno extraordinario do comité de empresa con un único punto do día a debate e aprobación, convocar un referendo do persoal no que votar «si» ou «non» á convocatoria de folga indefinida a partir do 7 de outubro.

Segundo informou CGT, a convocatoria do referendo saíu adiante, a consulta celebrarase o 29 de xuño, sumándolle un paro parcial coincidindo co pleno municipal de Zaragoza do 24 de setembro.           

            “Imos loitar ata o final por conseguir un novo convenio colectivo que mellore os nosos salarios e os nosos dereitos sociais e de conciliación” advirten desde  CGT.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *