ARMAS, ARMAS E MAIS ARMAS
Un Madeiro, Mil Lapiceiros!
Consigna coreada polo estudantado ante a numerosa presenza policial nas mobilizacións contra a LOGSE no 1987.
A pouco que teñamos unha educación, saberemos que “A Historia é escrita polos vencedores”. Así a todo, non quedoulle outra ao historicismo académico que admitir diferentes verdades históricas, paralelas. Esta mirada atrás ten que ser, por suposto, rigorosa. Esta rigorosidade non pode esquecer a catástrofe producida pola loita entre a ambición dos poderosos. A gloria e inmortalidade buscada polos señores da guerra foi inmortalizada pola arte contemporánea ao seu intre histórico. Se o coñecemento e a cultura pode facernos avanzar como sociedade, quizais teriamos que destruír esa Arte, e esa Historia con maiúsculas, como fixeron naquela primavera de 1931 en Madrid, Sevilla, Bilbao, Granada, Valencia, Alxeciras, Arcos Da Fronteira, Badaxoz, Xerez, Murcia, Xixón, Santander, A Coruña, etc., unhas multitudes que queimaron as igrexas, os conventos, as universidades relixiosas, destruíron as estatuas, os cadros que eses edificios contiñan. Unha multitude á que louvaron artistas e intelectuais contemporáneos seus como Benjamín Péret, Aragon, André Bretón, Paul Éluard e tantos outros. Sen embargo esta rabia, esta xustiza pola man, é condenada por unha sociedade que, ao confiar a educación ao estado na ensinanza obrigatoria, impón unha mirada aborrecible, a historia dos vencedores, perpetuando asi o aborrecemento pola cultura e a arte dunha parte da poboación dende a súa xuventude.
Non podo evitar esa rabia xa que o gasto militar previsto polo goberno español para o próximo 2021 é de máis de 34.525 millóns de euros, 94 millóns de euros ao día… o que se inviste no negocio da guerra déixase de aportar para o esencial: sanidade, educación, servizos sociais, garantía de rendas, vivenda, alimentación.
En La Campana, nunha futura ocasión, centrarémonos na rabia que nos produce unha rigorosa análise dese gasto militar español, mais agora voume centrar nunha rabia mundial. A rigorosidade desta rabia ven da publicación do Informe Anual do Instituto Internacional de Investigación da Paz de Estocolmo, SIPRI, un organismo internacional independente que leva involucrado en estudos sobre a paz desde 1966, publicando un anuario sobre gasto militar, produción e comercio de armas, conflitos e industria de defensa a nivel mundial.
Estes son os datos, moi resumidos…
No 2019, EEUU retirouse do Tratado de 1987 sobre a Eliminación de Mísiles de Alcance Intermedio e Curto (INF), Rusia autosuspendeuse do mesmo Tratado. O acordo nuclear con Irán de 2015 (JCPA) é practicamente irrepetible.
No 2019 hai 32 estados con guerras e conflitos en curso: 2 en América, 7 en Asia e Oceanía, 1 en Europa, 7 en Oriente Medio e África do Norte e 15 na África subsahariana. Con máis de 10.000 mortes asociadas ao conflito nun ano, atopamos a Afganistán, Iemen e Siria. Quince conflitos son de alta intensidade, entre 1.000-9.999 mortos, en México, Nixeria, Somalia, a República Democrática do Congo, Iraq, Burkina Faso, Libia, Malí, Sudán do Sur, Filipinas, India, Myanmar, Camerún, Paquistán e Exipto. O resto clasifícase como de baixa intensidade, é dicir, entre 25 e 999 mortes.
Só existe en 2019 un conflito entre estados, os enfrontamentos fronteirizos entre India e Pakistán. Existen outros conflitos entre forzas estatais e grupos armados que aspiran á soberanía estatal tal como considéranse entre Israel e grupos palestinos e entre Turquía e grupos kurdos. Todos os conflitos armados graves e a maioría dos de alta intensidade rexistráronse como internacionalizados.
En 2019, 98.000 persoas morreron en Afganistán, Iemen, Siria, México e Nixeria, das cales o 78% do total son decesos asociados ao conflito. As guerras e os conflitos tamén teñen outras consecuencias: a principios de 2019, o número de persoas desprazadas a nivel mundial era de 70,8 millóns, dos cales 25,9 millóns son refuxiados.
O gasto militar mundial alcanzou os 1.917 mil millóns de dólares, ou o 2,2% do PIB mundial, aumentando por quinto ano consecutivo. EEUU e China representan máis da metade do gasto militar mundial. En EEUU o diñeiro para armamento foi 2,7 veces maior que o de China. Arabia Saudita pasou do terceiro posto, en 2018, á quinta posición, India chegou ao terceiro lugar por primeira vez, mentres que o aumento do 4,5% de Rusia subiuno do quinto ao cuarto lugar. En Europa Occidental, Francia seguiu gastando máis en 2019, aínda que o maior aumento rexistrouno Alemaña.
O volume de tráfico internacional de sistemas de armas tamén aumentou, alcanzando o nivel máis alto desde o final da Guerra Fría. O SIPRI identificou a 160 estados como importadores. A rexión que recibiu o maior volume foi a de Asia e Oceanía, seguida de Oriente Medio. Os cinco maiores provedores de armas son EEUU, Rusia, Francia, Alemaña e China. Os estados de América do Norte e Europa, incluída Rusia, representan o 87% de todas as exportacións de armas. O Occidente “democrático e liberal” ten primacía absoluta na venda de instrumentos de morte e destrución, malia que lle encanta representarse a sí mesmo como un modelo de promoción de paz e benestar.