ALTRILIXO 2025 EN REDONDELA
O ArteLixo é un certame de arte, organizado colectiva e asembleariamente, que enche as rúas, prazas e escaparates de Redondela de obras de arte feitas con material de refugallo. Este ano vaise celebrar entre o 4 e 12 de abril e xa ten aberto o prazo para a inscrición libre de obras mediante un formulario (https://forms.gle/brdrxZimk4HnQvSy7). De todos xeitos, se escribides no navegador de internet “ArteLixo Redondela” podedes atopar toda a información de como inscribir as obras.
Como cada ano o ArteLixo adica a edición a un tema ecoloxista. Xa na primeira xuntanza do colectivo organizador non houbo ningunha dúbida de adicalo a ameaza para Galiza que supón o proxecto da macrocelulosa ALTRI polo que o ArteLixo muda o seu nome converténdose en ALTRILixo 2025. As obras que se presenten non teñen que estar adicadas necesariamente a ALTRI, sendo, como sempre, a temática libre.
Dende logo, aínda que o ArteLixo declarase en primeiro lugar como ecoloxista, tamén anunciase solidario, colaborativo, con consciencia e con vontade de compartir. Outro ano máis, ArteLixo amosa outro xeito de facer, de estar, que as cousas poden facerse de outro xeito, en común, e coa aportación libre e desinteresada de moitas persoas, voluntarias, activistas, comerciantes, cidadáns do pobo de Redondela, profesorado, alumnado… Mais, sobre todo, das artistas que expoñen as súas obras. “É o noso desexo que todas as persoas que colaboran e expoñen se sintan cómodas e que o seu paso polo ALTRLixo2025 sexa agradable e gozoso. Porque as cousas tamén se poden facer así; entre moitas, onde cada unha achega o que saiba e poida e sen máis interese que participar nunha convocatoria de arte aberta, ecoloxista e colectiva” proclaman dende o colectivo organizador. De feito durante todo o certame o Gran Colectivo ALTRILixo 2025, no que se converte todo ese número incerto de persoas que de algún xeito colaboran, actuará libremente baixo un mínimo de pautas organizativas. Entre elas, cubrir o formulario de inscrición antes do 14 de Marzo de 2025. “Se, por calquera circunstancia, a obra se inscribe con data posterior non podemos garantir unha localización de exposición nin que a obra sexa catalogada, nin que apareza no rueiro da exposición” xustifican dende a organización. Aínda así, como todos os anos, chegada esa data ampliarase o prazo, aproximadamente unha semana. Para o colectivo organizador non supón ningún problema que cada ano apareza algunha obra exposta que descoñecen totalmente e, por tanto, non apareza no catalogo da exposición que publícase en forma de Rueiro.
O ArteLixo naceu no ano 1995 por iniciativa do Colectivo JOSEFÁ, coa A dentro dun circulo, coa colaboración de moitas entidades culturais, veciñais, feministas, etc, etc, da vila de Redondela. A iniciativa xurde como protesta a un vertedoiro de lixo situado no centro da vila en plena marisma e ao carón do centro de saúde e dos colexios. Esta primeira etapa dura ata o ano 1999. O Colectivo Senghasoil, xunto con persoas da antiga JOSEFÁ, recuperan no 2012 o ArteLixo e o seu espírito reivindicativo para loitar contra os problemas ecolóxicos e sociais actuais. Dende o 2015 ata a actualidade a organización recaeu no Colectivo ArteLixo.
Durante todas as edicións, ademais do propio certame, organízanse unha chea de actividades paralelas. Para este ALTRILixo 2025 estase a preparar unha exposición de sala no Multiusos de Redondela que se estenderá dende o 4 ata o 19 de abril. Exporá a súa obra Eduardo Núñez, todo un descubrimento para o Colectivo ArteLixo que será compartido durante eses días. Tamén a tradicional “Poesía para Peóns”, onde o luns 7 de abril, escolares e todo aquel que queira participar, escribirán poesías nos pasos a peóns da vila. “O ArteLixo non ten cancelas” é outra actividade onde dúas artistas gráficas, xenerosamente, interveñen dúas cancelas. Así, hoxe en día as obras dun bo puñado de artistas pódense ver por diversas cancelas de Redondela froito de edicións pasadas. Aínda que a esencia do certame sexa efémera, as veces indúltanse obras que podemos contemplar polas rúas ou incluso montes de Redondela, chegando algunha incluso a O Caurel. O “SonaLixo”, un encontro musical aberto a quen queira participar e onde prodúcense novas complicidades entre músicos, sobre todo locais, festexarase o sábado 12 de abril como peche da edición deste ano, en colaboración co Festival Millo Verde. Así, o SonaLixo dará paso a este evento que se inaugura co Concurso de Maquetas Millo Verde, compartindo lugar e día co SonaLixo. Aínda que pendente de confirmación definitiva o sábado 3 ou domingo 4 de abril en colaboración coa xente de Ulloa Viva que lideran a loita contra ALTRI, organizarase unha Feira na Alameda de Castelao do centro da vila.
