VII Época - 79

INTENSIFICAR A MOBILIZACIÓN E A RESPOSTA CIVIL SOLIDARIA

Contra a devastación, limpeza étnica e xenocidio en Palestina, executado por Israel e os seus cómplices.

Fronte a inacción covarde ou complicidade asasina dos estados e gobernos.

Comunicado urxente do Secretariado do Comité confederal de Galicia da CGT

O Secretariado do Comité Confederal da CGT de Galicia remitiu este sábado, 13 de setembro, un comunicado dirixido a todas as Federacións Locais, Sindicatos, Secciones sindicais e afiliación da CGT de Galicia, para intensificar nas vindeiras datas as accións de solidariedade co pobo palestino. Reproducimos o comunicado.

COMUNICADO URXENTE do Secretariado do Comité confederal de Galicia da CGT, dirixido a todas as Federacións Locais, Sindicatos, Secciones sindicais e afiliación da CGT de Galicia, para intensificar nas vindeiras datas as accións de solidariedade co pobo palestino e, con toda urxencia, organizar a inmediata resposta colectiva ao previsible asalto polo exército de Israel á Global Sumud Flotilla, en rumbo a Gaza para establecer un corredor marítimo de axuda humanitaria e deter o xenocidio.

O xenocidio do pobo palestino a mans do estado de Israel continúa con toda a súa crudeza televisada. As manifestacións de protesta e repulsa multiplícanse ante a crueldade que sofren diariamente os nosos irmáns e irmás de Gaza.

Dende todos os ámbitos da CGT, tanto territoriais como sectoriais, estamos a participar activamente en cantas mobilizacións e accións tratan de visibilizar a situación do pobo palestino, condenar a criminal actitude do estado de Israel e denunciar a complicidade hipócrita de empresas, organismos internacionais e gobernos diante do xenocidio que se está a cometer fronte aos nosos ollos.

Dende a Folga Xeral en solidariedade co pobo palestino do pasado 27 de novembro de 2024, convocada polos sindicatos CGT e Solidaridad Obrera, ás accións que semanalmente son convocadas e celebradas en diferentes cidades, vilas e pobos galegos, pasando polo boicot á participación israelí en ‘La Vuelta Ciclista’ ao seu paso pola nosa terra, a CGT de Galicia, e todos e todas os que facemos parte da mesma, estamos a participar de xeito activo na loita contra a ocupación e o asasinato masivo que está a perpetrar Israel.

Nas vindeiras datas, será preciso estarmos atentos e atentas para continuar e afondar o esforzo e a loita mediante novas accións que serán convocadas para tratar de reverter esta situación e deter a masacre:

En resposta a posible interceptación, ataque ou bloqueo das embarcacións da flotilla da Global Movement to Gaza (na que a CGT de Galicia está implicada) ao aproximarse ás costas de Palestina, será necesario dar unha resposta urxente, inmediata e contundente a esa eventualidade, mediante concentracións de apoio nas 24 horas seguintes ao ataque.

Con motivo do cumprimento o vindeiro 18 de setembro do prazo outorgado pola ONU a Israel para a retirada dos Territorios Palestinos Ocupados, a CGT a nivel estatal está impulsando e organizando diversas accións descentralizadas: concentracións, sentadas, manifestacións…

Participando nas mobilizacións convocadas polas diferentes coordinadoras e redes galegas de solidariedade con Palestina, tanto a nivel nacional como local que terán lugar na segunda quincena de setembro e principios de outubro.

Folga estudantil convocada para o 2 de outubro, con manifestacións previstas en diferentes localidades galegas.

Apoiando a necesidade e urxencia de convocar unha segunda Folga xeral estatal e internacional, para deter o xenocidio e combater a complicidade das autoridades españolas e europeas co intento de exterminio do pobo palestino na súa propia terra e país ancestrais.

En todas esas accións e mobilizacións, a asistencia e a participación de todos e todas, individualmente e como membros da nosa Confederación, é imprescindible ata acadar o fin do xenocidio e a liberdade do pobo palestino.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *